miércoles, 30 de diciembre de 2009

Vímo-lo demo!


Un ruido ponnos alerta. Un wallaby (canguro pequeno) cheira arredor da tenda de campaña que temos montada no medio da praia do parque natural de Freycinet, na illa de Tasmania. Os seus ollos asustados xunto cos seus potentes saltos tentando escapar delatan inocencia, polo que non nos preocupamos sobre o tema e simplemente disfrutamos da sua presencia.

Ilusionados pola natureza que nos rodea, organizamos unha expedición encabezada por Adrián/Bear Grills -en comuñón total coa natureza-. Obxectivo: saír das dúbidas nas que levamos navegando varios días de se realmente existen os demos de Tasmania. Durante un intre, percorrémo-los arredores da praia virxe na que acampamos e os montes colindantes en busca do devandito animal.

Abríndose paso coa luz do móbil e de camiño ós baños dun camping cercano (nós somos máis de free-camping), albiscámo-la sombra dun Possum. Adrián achegouse a el co obxectivo de gaña-la aposta "patada a calquera animal 30$", pero o único que fixo foi espantalo. Continuando co noso particular safari, conseguimos por fin conseguir ver esta especie endémica de Tasmania. Porén, como se adoita dicir, o bo é breve e só puidemos disfrutar da súa presencia durante só uns segundos tralos que se perdeu entre as pólas das árbores coma se dun esquío se tratase deixando paso á noiteboa.

24 de decembro. Por moito que trate de disimular, esta é unha noite especial. Por primeira vez vivina lonxe da familia. Había que buscar un xeito de poñer en orde os estraños sentimentos que provoca o "upside down state". Que mellor forma que unha churrascada de carne de canguro?

Previamente á cea e aproveitando o noso paso pola histórica vila de Richmond, o "padre Adrián" oficiou a ceremonia de nadal na Igrexa de 1833.


Son xa 4 dias "living out of the grid'". Desconectados do mundo disfrutamos desta illa sen enchufes. Ela, Tasmania, non fai senón regalarnos a vista con imaxes inimaxinables. O Ford Falcon XR6 que alugamos foi o encargado de transportarnos dun lugar a outro. Os 220 cabalos que nos acompañaron na saída de cada curva foron testemuñas de cancións, bromas, etc, durante 1000 km en sentido contrario sen atopar ningún coche de fronte polas serperteantes estradas da illa. Un road trip inesquecible nun dos paraísos naturais máis salientables deste planeta.

Escribo esta entrada dende o avión que nos leva a Adelaida. Mañá comezaremos un tour, desta volta organizado, que nos levará primeiro a Kangaroo Island para logo regresar por Adelaide, baixar polos Grampians ata empatar coa Great Ocean Road que nos deixará finalmente en Melbourne. O día 30 voltamos a Sydney para disfrutar da fin de ano nesta icónica cidade...en bañador, na praia...

domingo, 20 de diciembre de 2009

First impressions from Down Under


É o noso terceiro día das antípodas. A cada metro percorrido, a cada nova mirada, diferentes sensacións percorren os nosos corpos. Témo-lo privilexio de contar co noso guía e amigo Alberto, que pouco a pouco nos descobre os recunchos desta moderna, aberta e amigable cidade que durante o verán do ano 2000, con motivo dos Xogos Olímpicos, converteuse na capital do mundo sen nin sequera selo de Australia (Canberra é a súa capital política).

Porque non todo pode ser bo; para disfrutar deste apaixonante continente precisamos dunha dura viaxe, amenizada por Adrián e as súas ocurrencias. Madrid, Amsterdam, Seúl e finalmente Sydney. Case 30 horas de viaxe e 10 de cambio de horario presumían un jet-lag en toda a súa definición. Só rumores. O descanso no avión, adobado con gañas de descubrir e disfrutar, puidocon calquera cansancio e desorde do sono.

Desde a inusual choiva coa que nos recibiu este terra aloumiñada polo sol ata este espectacular paseo marítimo pola Bahía de Sydney, todo foron argumentos a favor destas vacacións de nadal: Summer Christmas. Estrañados admirámo-los típicos adornos de nadal mentres paseamos en chancletas e camiseta de tiras polas rúas. Desorientados, miramos, remiramos e volvemos a mirar cara ámbolos dous lados antes de cruza-la rúa debido ó sentido contrario de circulación "aussie". Dúas pequenas curiosidades dunha magnífica cidade e un ilusionante continente.

Mañá toca madrugar para recomezar esta aventura. Melbourne e a illa de Tasmania agárdannos con miles de experiencias por vivir.

domingo, 13 de diciembre de 2009

I have never been this far away from home!


“Vuelve a casa vuelve... por navidad” é o lema dun arquicoñecido anuncio televisivo que tornou en tópico e tradición, e que todos e cada un de nós temos escoitado ata a saciedade ó chegar estas datas; pero parece ser que este ano non... este ano non é que non volva á casa, senón que marcho aínda máis lonxe de onde estou. Porque como di a canción de Kaiser Chiefs: I have never been this far away from home (nunca estiven tan lonxe da miña casa).

Cambirei os aloumiños e a calor dos pais, tan botado en falta durante estes últimos meses, pola calor do verán australiano e o deses amigos tamén extrañados durante todo este tempo; cambiarei as luvas polas chancletas, os xerseis de lá polas camisetas de tiras e a “barra de cacao” polo protector solar. É que por primeira vez na miña vida experimentarei o Summer Christmas!

Aínda que á miña amiga Morriña lle gustaría ter retornado á terriña, a verdade é que a oportunidade que brinda ter un amigo nas antípodas non se podía deixar escapar así que... there we go!

Aquí está, pois, o planning resumido da viaxe que temos preparada:

  • Día 16/12/09:

Voo Madrid – Sydney (escala en Seoul –Korea-). Duración: 28 horas

  • Dias 18/12/09 – 20/12/09:

Visitaremos Sydney, capital do Estado de New South Wales

  • Dia 21/12/09:

Desprazamento en avión a Melbourne, segunda cidade de Australia con case 4 millóns de habitantes, centro cultural e deportivo do país. Visita pola vila.

  • Dia 22/12/09 – 25/12/09:

Voo cara Lauceston. A segunda cidade de Tasmania será o punto de partida para a nosa viaxe. Unha parada nunha tenda de outdoor para mercar unha tenda de campaña e listos para descubri-la encantadora e orixinal illa de Tasmania pola nosa conta.

Demos de Tasmania

Ó final do noso camiño norte-sur chegaremos a Hobart, principal cidade de Tasmania e segunda máis antiga de Australia, que se atopa ó sur da illa. O día de nadal é o elixido para disfrutar desta vila, para máis tarde poñer rumbo a Adelaida (no Estado de Australia do Sur).

Paisaxe de Tasmania

  • Dia 25/12/09 – 30/12/09:

Chegada e tempo para pasear relaxadamente por Adelaide, un destino que ofrece como interesante todo aquilo que ten ó redor, mais non a cidade en si mesma. Porén é un exemplo significativo do modelo de organización de cidade australiana.

Ó día seguinte collémo-lo tour de Adventure Tour ás 6 da mañá. Visitaremos Kangaroo Island, The Grampians, Great Ocean Road…


Paisaxe da Great Ocean Road

Praia de Kangaroo Island

  • Día 31/12/09 – 02-01/10:

Fin de ano na icónica cidade australiana, podendo vivir en primeira persoa a mítica imaxe de tódolos telexornais no véspera de aninovo. “En Australia xa é (un ano máis)”. Tempo para o relax o ocio, e gozar dunha experiencia única na vida.

  • Día 02/01/10 – 06/01/10

Achegarémonos ata Brisbane, terceira do país con 1,6 millóns de habitantes, para poder vela dando un paseo no seu CityCat, sistema de transporte en Catamarán que bordea a cidade navegando polo río que lle dá nome.

Despois colleremos dirección de Hervey Bay, 4 horas de camiño para facernos unha idea do Estado de Queensland. Ás 15h teremos que estar en Hervey Bay, no Bar Koala, para asistir ó briefing, ou charla explicativa, do Koala Self-Drive. Contarannos qué ver e cómo facer, ademais de darnos todo o que precisamos: asignaranos un 4x4 e mailo material de cociña e supervivencia necesario. A aventura comeza. A partir dese momento poderemos dirixirnos por exemplo ós lagos interiores nos que un se pode bañar vendo quenllas no océano. Non estará de máis conducir un pouco pola praia de 75 millas ou baña-los pés no Océano Pacífico. Non creo que sexa boa idea o corpo enteiro, por se os… tiburóns… Tres días e dúas noites para vivi-la nosa adventura en Fraser Island, un paraíso terreal, a maior illa de area do mundo.

Fraser Island

  • Día 06/01/10 – 07/01/10

Últimos intres para disfrutar de Sydney e volta o día 7 para España, nun voo que durará aproximadamente 43 horas (contando escalas) e no que faremos noite en Seoul (aproveitaremos tamén para visita-la capital surcoreana).

miércoles, 9 de diciembre de 2009

Sr. enxeñeiro?

-Today we have a new engineer in the Max-IV group. Please Juan introduce yourself.

Enxeñeiro? Quen? Eu? Si hó... Se cho conto choras... pensei para min.

Esta semana pasada foi algo máis axetreada do normal; sen dúbida a de máis agobio dende que a estas frías terras –non tanto como esperaba- cheguei. O mércores ás 10 da mañá subín, coma tódolos días, ó fika ou hora do café. Servinme o meu café au lait con 4 azucres e sentei en fronte á ampla mesa para disporme a preparar dúas torradas de manteiga, marmelada de pexego e queixo. De súpeto, o ritual matutino veuse interrompido pola voz do meu titor que, “coma quen non quere a cousa” dixo:

-By the way Juan and Peter! This friday at 13hours we’ve a meeting with the people from Max-IV. You now are in the group and you should make a presentation of what you’ve done so far.

Ostiá! Menos mas que avisas con tempo cabrón...

Din que “home previsor vale por dous” e eu, espelido de min, xa adiantara unha parte do proxecto antes de que el mo ordenase, polo que o aviso non me collera tan “en bragas” como a priori podía pensar. O resto da semana pasouse entre Power Points, longas esperas (ó super-computador lévalle sobre 70-80 horas facer un cálculo simplificado do asunto en cuestión), amplas xornadas de traballo, e algún que outro agobio. Sexa como for, ó final a presentación non saíu tan mal.

---

Cheguei puntual e pasei para a sala de xuntas. Alí, os sitios xa distribuidos mediante unha cartolina co nome de cada un de nós e unha botella de auga en fronte “falaban” da seriedade do asunto. Cando o reloxo deu a unha en punto, xa todo estaba preparado para comezar; porque como din aquí: “os 5 minutos de cortesía son unha descortesía para os que chegan a tempo”.

A un lado da mesa, catro profesores do “meu” departamento, eu e Peter -un rapaz sueco quen, coma min, ten asignado no seu proxecto o cálculo dunha parte do Max-IV-. Ó outro lado, a xente responsable do complexo que, segundo puiden extraer das súas intervencións eran dous físicos, un arquitecto e un enxeñeiro.

Seguindo a orde do día, comezouse a falar (en inglés por suposto, para que a profesora suíza e máis eu entendesemos) das medidas das vibracións no futuro entorno do laboratorio. Segundo comentaban os profesores, os datos recompilados pola empresa noreguesa contratada polos responsables do Max-IV non eran fiables, pois estaban tomadas durante só unha semana dende as 10 da mañá ás 4 da tarde, evitando así as medidas das ondas producidas polo tráfico existente durante a rush hour (hora punta). Tras unha “discusión” livá ó estilo sueco, sen por suposto ningunha palabra máis alta ca outra, chegouse á conclusión de que a universidade non tomaría risco nin responsabilidade algunha con eses datos; polo que contratarán a outra empresa para volver a realiza-las medidas de novo.

Namentres a reunión avanzaba coa orde do día da man, Peter máis eu pareciamos ás veces xuíces de silla nun partido de tenis, ollando dun lado cara outro asistindo como espectadores de luxo a aquel brainstorming de eruditos. Sinceramente, abofé que se aprende moito nun lugar así.

Cambio de tercio e turno para os “pipiolos”. Coa axuda dos titores, fomos capaces de explicarlle ós que alí en fronte se atopaban os nosos primeiros cálculos e cara ónde ían encamiñados. Nervios mesturados con ilusión e relativo medo, xa non só á presentación senón ó proxecto en si; levaron ó final a un resultado, ó xulgar polos ánimos da xente, máis ca satisfactorio.

Tras 2 horas e media de reunión; tempo para pecha-la sesión e para poñe-la data da seguinte reunión.

-What about middle January?

-Sorry! Off to Australia during Christmas; coming back on January 12th -dixen en voz firme-

-Alright, no prob! let’s meet then in the beginning of February so you can have more time to work and present something new in the next meeting.

Pois parece ser que non só teño o obligatorio e obvio compromiso co meu titor de proxecto na facultade, senón que tamén lle teño que ir expoñendo periódicamente os meus “progresos” ós responsables de turno, polo que o agobio será se cabe maior...

sábado, 5 de diciembre de 2009

Max-IV


Introducción

Max-lab é un laboratorio nacional sueco coordinado conxuntamente polo goberno do país e a Universidade de Lund. Hoxe en día, o proxecto Max conta con 3 instalacións: Max-I, Max-II, Max-III e un pre-acelerador de partículas chamado Max-Injector.

Para levar a cabo unha mellora na investigación no campo da ciencia de materiais (nanotecnoloxía, etc) precísase dun novo complexo 100 veces máis eficiente cás instalacións xa existentes. Max-IV será, polo tanto, a seguinte xeración dos Max-Lab suecos.

Este complexo será construido gracias a unha subvención que a Unión Europea concedeu a Lund (arrebatándolle tal premio a Bilbao) o ano pasado, e prevese que as instalacións estean funcionando no ano 2015. Os cálculos do complexo levaraos a cabo a Universidade de Lund.

Max-IV consistirá básicamente nun acelerador circular de partículas de aproximadamente 200 metros de diámetro e nun túnel subterráneo (Linac) de 385 metros de lonxitude. Para describilo dunha maneira sinxela, poderíamos dicir que Max-IV será un microscopio xigante en 3D.

Obxectivo

No meu proxecto de fin de carreira (Master Thesis) analizarei os niveis de vibración que soportará o Linac. Debido á natureza das actividades que se levarán no interior do túnel subterráneo, esixiráselle ó mesmo unhas moi estrictas condicións técnicas para levar a cabo no seu interior as investigacións pertinentes. Así, só vibracións moi pequenas (da orde de nanómetros) serán permitidas.

É obvio que os elementos circundantes terán unha moi grande influencia no comportamento do túnel. Próximo e el está situada a autovía E22 en dirección a Göteborg, que por suposto propagará cara o túnel vibracións de diferencias frecuecias dependendo da densidade do tráfico. Do mesmo xeito, tamén se construirá unha ponte para a circulación de autobuses por enriba do Linac que tamén perturbará o comportamento do mesmo.

O obxectivo principal do meu proxecto será, polo tanto, analiza-la influencia das fontes de vibracións próximas ó túnel subterráneo do Max-IV mediante o método de elementos finitos. Para conseguir este propósito, será necesario manexar moitas hipóteses (de cargas, materiais, etc.) para cercionarse de que se cumplen as condicións técnicas que se lle esixen á estructura en tódolos casos. Se nalgún caso non se cumplisen, tamén haberá que aportar posibles solucións para que así o sexa.

Aquí está o "documento oficial" da universidade coa descripción do proxecto


martes, 1 de diciembre de 2009

Sabes que te estás volvendo sueco cando...


Tras dous meses e medio por terras escandinavas, creo que xa estou en posición de poder xulgar dende fóra a "vida sueca", así como a maneira de ser de moitos dos seus habitantes. Aquí deixo esta listaxe que elaborei a partir de cousas atopadas na rede e que, segundo a miña experiencia, poden resumir en grande medida e a modo de broma a forma de ser desta xente da que, sen dúbida, temos moito que aprender (tamén teñen defectos por suposto, moitos!)...

Sabes que te estás volvendo sueco cando...

  • Tes serias dificultades para cruza-la rúa co semáforo de peóns en vermello; incluso non circulando ningún coche.
  • Sénteste mal por tirar algo á papeleira que podería ter sido reciclado.
  • Camiñando pola rúa só ves mulleres loiras ou morenas con raíces rubias.
  • Atopas perfectamente normal ter que ir a unha tenda especial propiedade do goberno (System Bolaget) aberta só ata as 6 da tarde para mercar calquera tipo de bebida alcólica.
  • Nunca usarías os transportes públicos sen un billete válido.
  • Nunca na túa vida copiarías nun exame, pois "iso sería facer trampas e non aprenderías nada"
  • Cres que a pre-party é moito máis divertida cá posterior sesión de discoteca
  • Ves perfectamente normal pagar máis do 50% do teu soldo en impostos.
  • Sínteste moi mal estando na casa se brila o sol fóra.
  • A ineficiencia cabréate moito.
  • Quitas sempre os zapatos ó entrar na casa e non entendes por qué a xente non sueca non o atopa gracioso.
  • Pasarías todo o traxecto do autobús de pé antes de molestar a alguén que ten a súa mochila ocupando o ultimo sitio libre.
  • Úneste con moito gusto a unha conversación sobre o tempo.
  • Cabréaste cando hai xente parada no lado esquerdo dunha escaleira automática.
  • Planeas cada segundo do día, incluso as túas visitas ó baño.
  • Respondes ó teléfono dicindo o teu nome.
  • Rematas tódalas chamadas telefónicas con “puss puss", e non entendes por qué a xente anglofalante que te rodea te mira con cara rara.
  • Estás sempre pedindo desculpas, incluso sen saber moi ben por qué.
  • Estás acostumado a que polo menos unha muller comente os partidos de fútbol tal e como dicta a lei.
  • Proclamas ben alto que a auga da billa da túa casa é moito mellor que calquera auga mineral embotellada vendida no supermercado.
  • Prefires sentarte nunha terraza cunha manta e debaixo dunha estufa que dentro dun bar, aínda que a temperatura ambiente sexa de “menos algo”.
  • Atopas que a xente doutras culturas fala moi alto.
  • Non consideras o silencio coma un problema. É divertido!
  • Cres que construir casas de ladrillo é unha tontería. A madeira é unha ganga!
  • Cabréaste se as cousas non están no seu sitio e correctamente etiquetadas.
  • Un sandwich consiste para ti nunha soa rebanda de pan.
  • É aceptable comer ás 11 da mañá.
  • Aceptas que terás que facer cola para coller un número que che permita facer cola.
  • Cabréaste moitísimo se o autobús chega dous minutos tarde.
  • Cres que ir á sauna espido cunha manada de extraños é unha parte necesaria da túa vida diaria.
  • Sempre te estás desculpando polo teu acento/gramática/escritura en inglés, incluso sendo consciente de que falas mellor que algúns nativos.
  • Cambias de sueco a inglés cando alguén non-sueco entra pola porta e continúas falando inglés incluso cando esta persoa deixa o lugar.
  • Cres que dicindo dúas veces a mesma cousa soará mellor: “Hej Hej!”, “Nej men Nej men”, "Tack tack", etc.
  • Confías en IKEA máis ca no teu propio goberno.
  • Sínteste incómodo cando a caixeira do supermercado che pregunta “Que tal?” pois pensas… ”Por que quererá saber esta muller sobre a miña vida privada?”
  • Póñenseche os ollos coma platos ó darte conta de que en calquera outro país se pode mercar alcol no supermercado e aínda por riba moito máis barato.
  • Cando a primeira cousa que preguntas cando un amigo volve de viaxe é: "que tal o tempo?"
  • Cando tornas tolo ó enterarte de que no país ó que vas ir de viaxe non se pode bebe-la auga da billa.
  • Só eres capaz de iniciar unha conversación por ti mesmo e abrirte á xente estando borracho.
  • Interésaste máis pola porcentaxe en alcol que pola bebida en si mesma.
  • Cres que ir a un bar a tomar algo é unha perda de tempo se non te vas emborrachar.
  • Eres considerado un alcólico se bebes durante a semana, pero se non saes “a muerte” a fin de semana, es raro.
  • Consideras "normal" coñecer a unha moza nun pub, acompañala á súa bicicleta e pedalear xuntos cara a súa casa.
  • Tomas 3 ou 4 cafés ó día.
  • Prendes velas cando tes visitas, incluso brilando o sol fóra.
  • Tes unha asignatura no colexio dende os 12 anos na que aprendes a cociñar, pasa-lo ferro, e demais tarefas domésticas.
  • Nunca más intentas pagarle la cena a una chica en una cita, por miedo a un ataque acusándote de machista.
  • Pagas todo con tarxeta, incluso se se trata só dun chicle.
  • O dentista, o transporte público, o comedor do colexio e moitas cousas máis son gratis ata remata-lo instituto; e ó entrar na universidade recibes un soldo de aproximadamente 400€.
  • Atopas completamente normal que unha persoa estranxeira poida sacar unha carreira no teu país sen cursar ningunha asignatura en sueco e tanto o teu título coma o del sexan o mesmo.

miércoles, 25 de noviembre de 2009

Contrastes


-1000 Rubles!

-What!? No way! 300 Rubles!

-400 Rubles!

-OK! Let´s go! But we are 5 people!

-All in!

Así de rápida tal e como a ledes (pero con xestos) foi a conversa que tivemos co taxista de turno á saída dunha discoteca en Moscova antes de voltar ó noso hotel.

---

Rusia é un país de contrastes; moito máis acusados que noutros lugares do planeta se cabe e perceptibles moitos deles a simple vista a medida que avanzas durante unha tranquila camiñata polas súas amplas rúas.

Durante unha desas múltiples andainas, escoitei unha voz falar español e decidín “asaltar” á simpática parella. Sempre “está simpático” atopar paisanos polo mundo adiante, e máis aínda nestes lugares exóticos, onde brilamos pola nosa ausencia.

Tratábase duns mozos vascos que… estaban vivindo e estudiando en Rusia! A rapaza miroume e dixo:

-Ésa es la cara que pone todo el mundo cuando le cuento mi historia. Qué ganas de complicarse la vida viniendo a Rusia; piensa la gente…

Logo das presentacións protocolarias, sumímonos nunha agradable e interesante conversación. Faláronnos do país e da adaptación dun estranxeiro á vida rusa (que para a nosa sorpresa pintaron fácil e interesante). Pero tamén comentaron certos “inconvenientes”, como por exemplo o auxe dun sentimento nacionalista ruso que hoxe en día está a tomar forma, chegando a ser incluso preocupante debido ó rexeitamento xeralizado dunha gran parte da poboación a abrirse ó resto do mundo.

Dito e feito; esa mesma tarde puidemos comprobar a citada actitude cando Dan, o meu compañeiro de habitación americano, quixo mercar un libro en ruso para regalarlle á súa moza, amante confesa da lectura, a modo de recordo. As continuas negativas dos vendedores ó escoitarnos falar un idioma diferente ó seu foron o letimotiv ata a entrada na quinta tenda; onde finalmente o puido mercar. Non era unha cuestión de cartos; senón de nacionalidade. Simplemente incomprensible.

Coches de 20 millóns das antigas pesetas ó lado de automóbiles do ano 1940 que caen a anacos son tamén imaxes habituais neste fermoso, variopinto, intrigante e por que non?, raro país. Tampouco colle na miña cabeza como un país onde moita xente morre de fame e de frío pode te-la segunda capital máis cara de Europa. Por non poñernos a falar do réxime… democrático? no que viven... Como dixen antes: lugar de contrastes…

Rusia é tamén, e sobre todo se es turista, un país no que o “regateo” é deporte oficial e no que a supervivencia se basea en non ser enganado polo próximo. Teño que recoñecer que nalgún momento a inseguridade apoderouse de min como non o fixera en ningunha outra viaxe das que teño feito; quizais por non poder comunicarme con ninguén en inglés nin poder ler nin recordar nada dese curioso e descoñecido alfabeto cirílico que nos rodeaba por todas partes.

Porén, e a pesar dos hándicaps enumerados enriba, recoñezo que é un destino máis que recomendable que sen dúbida merece moito e pena. Un dos lugares máis diferentes e fermoso que visitei nunca.

---

Camiñamos cara a parada de de taxi cando de súpeto un coche parou preto de nós:

-This must be one of those illegal taxis Maca told us about!

-Taxi? preguntou o conductor

-Vega Hotel, dixen

Tralo “regateo” correspondente narrado ó principio desta entrada, entramos os cinco no automóbil que lucía como se mostra na foto... Incrible pero certo!

Finalmente e despois dun rallie polas rúas moscovitas, chegamos ó hotel, onde unhas xa poucas horas de sono nos ían servir de "preparación" para unha longa viaxe de volta onde poderiamos recapacitar sobre esta experiencia, sen dúbida inesquecible.

martes, 17 de noviembre de 2009

Russian arm wrestling

A noite non invitaba ó optimismo. Trala agradable e inesquecible visita á antiga capital do Imperio Ruso, esta noite tocaba o que os americanos denominan unha overnight drive: percorrer un traxecto de aproximadamente 1000 km dende San Petesburgo a Moscova facendo noite nun autobús.

Contra todo prognóstico e non sen dificultade, fora capaz de botar unha cabezada apoiado no meu compañeiro americano de habitación Dan e na almofada que “collera prestada” no hotel en Helsinki, pero pouco tardei en espertar debido ó balbordo existente no habitáculo. Abrín os ollos con esforzo e albisquei unha gasolinera no medio da nada, rodeada só de neve e monte.

-Should we get off and grab a snack? preguntou Dan

Baixamos e dirixímonos á tenda para mercar unhas gominolas que degustamos sobre a branca neve aínda virxe. A presenza soamente esporádica de xente nese lugar percibíase pola ausencia de pegadas nunha neve que levantaba media cuarta do chan. Só na estación de servicio algunha que outra rodeira delataba visita motorizada no lugar. Pronto esa tranquilidade íase ver perturbada polo que estabamos a punto de vivir...

Sentín unha bucina. Dan agarroume e tirou por min fortemente cara el. Dinme a volta sorprendido polo acto e vin un coche negro cos cristais tinxidos e sen matrícula pasar a menos de medio metro nosa.

-Thanks man! What is wrong with this guy!? He’s fucking crazy!

Freou facendo un derrape e baixou apurado do coche tirando con violencia ó chan unhas pipas que traía entre as súas mans. O mozo, vestido cun chándal, botas de montaña e un gorro con orelleiras que tapaba en gran medida a súa cara; entrou na tenda tras mirarnos a todos con ollos ameazadores. Dirixiuse cara as estanterías e violentamente arrancou uns artigos que non conseguimos ver dende fóra. Regresou ó coche aínda acendido a medida que aceleraba o seu paso e, tras unha potente arrancada, abandonou o lugar en dirección contraria.

A reacción do personal da tenda fíxonos pensar que se trataba dunha acción “non fóra do normal”, xa que en ningún momento se intuíu ningún ademán de chamar á policía ou de opor resistencia ó ladrón.

Sumidos aínda na sorpresa mirando os uns para os outros, e aínda sen tempo para asimilalo, xirámo-la cabeza alertados por un forte ruido e vimos aparecer ó fondo un coche branco facendo eses. O vehículo detívose non lonxe de nós. Abriuse a porta e apareceu un home duns 60 anos entrado en carnes e portando unha boina na súa cabeza. Os seus andares sinuosos delataban unha inxente cantidade de alcol no seu corpo.

Achegouse cara nós e comezou a falar agora si definitivamente con síntomas máis que evidentes de embriaguez. Cando se percatou de que non o estabamos a entender, voltou para o coche, arrancouno e marchou; regresando ó mesmo sitio apenas dous minutos despois. Volveu a baixar esta vez cunha botella de vozka embaixo do brazo e sen dar explicación ningunha inclinou o recipiente “baixándoo de penalti” ante a mirada atónita dos alí presentes. Medio litro de vozka coma se de auga se tratase! Incrible! Ó acabar, colleu a un rapaz pola “pechera” e botoulle o alento con aires desafiantes. O cheiro a alcol conseguiu tamén arrancar unhas gargalladas de asombro que ninguén puido evitar.

O vello non paraba de falar; e alentado polo público cada vez máis numeroso sentíase completamente arroupado.

-“He’s saying that whoever beats him in arm wrestling gets his car”; dixo un rapaz de pais rusos que viaxaba con nós.

Ó parecer, o vello quería botar un pulso contra algún de nós para aposta-lo seu coche (eso foi o que dixo en primeira instancia; logo cambiou de opinión e unha botella de vozka pasou a se-lo premio). Momentos de indecisión que rompeu o mesmo rapaz holandés ó que lle botou o alento aceptando o reto e dando un paso á fronte. Trala afirmativa, o vello botou un berro estremecedor e limpou o “terreo de xogo” quitando co seu antebrazo a xa escasa neve que quedaba de enriba do capó do seu coche.

-1, 2, and... 3 go!

Tras segundos apaixoantes de “toma e daca” nos que o vello parecía non rendirse, o holandés conseguiu “levarlle” o pulso non sen esforzo, e aínda que o contrincante insistiu en pagarlle a botella, o gañador moi amablemente non aceptou.

Aquí vos adxunto o vídeo do Russian arm wrestling para que poidades ver en diferido a “batalla”

Como podedes ver, os esteorotipos sempre teñen algo de certo... E aquela noite non fixo máis que confirma-la imaxe que moitos nós temos escoitado sobre Rusia.


Somewhere between Saint Petersburg and Moscow, e.g. in the middle of nowhere; we stopped for our overnight-drive break.
Suddenly, one white car pulled up in the gas station we were. His owner stepped out and right after he chugged half bottle of vozka, challenging any of us to an arm wrestling. The one who beats him gets a bottle of vozka... Here is the amazing video!

sábado, 14 de noviembre de 2009

We walked the line

Espertei a causa dunha forte voz provinte dos altofalantes situados enriba da miña cabeza. A soneca que fora capaz de conciliar por primeira vez en toda a viaxe fora interrompida polo conductor do autobús que anunciaba o comezo dunha pequena odisea que aquí relato.

Albisquei pola ventá e puiden ver un edificio presidido pola bandeira de Finlandia. Segundo puidemos comprobar despois, tratábase do control de saída da Unión Europea que pasamos por suposto sen maiores atrancos. Subimos de novo ó autobús e puidemos divisar ó lonxe unha morea de policías portando os míticos gorros rusos e cadanseus rifles. O cambio de país, cultura e mentalidade xa se comezaba a percibir a penas uns metros antes de entrar no territorio propiamente dito. Cada un facía as súas cábalas e tentaba pensar cómo sería o desenlace desta historia. Sen dúbida algunha, sabiamos que a tranquilidade dos dias anteriores en Helsinki e Estocolmo chegara ó seu fin. Nese mesmo intre, o autobús parou en seco e apareceu diante do cristal frontal un militar coa man en alto ordenando a detención do vehículo. Subiu acompañado do seu fusil e da súa cara de poucos amigos e pronunciou unhas palabras en ruso que ninguén excepto o conductor do autobús entendeu. Tras recibi-las instruccións pertinentes, empezamos a saca-los pasaportes man en alto, e a autoridade rusa comezou a recorre-lo autobús de cabo a rabo sen articular palabra algunha e comprobando que efectivamente todo estaba en orde. Finalizado o primeiro trámite, situouse de novo diante do autobús e seguindo o protocolo deunos paso para continua-la nosa marcha cara a aduana.

Chegados ó lugar en cuestión, baixamos de maneira moi ordenada e dispuxémonos a pasar un por un polo mostrador para someternos ós exames visual e escrito pertinentes. Rodeados de policía e de sinais que prohibían todo tipo de aparello electrónico (dígase cámara, móbil...), o ambiente non invitaba precisamente ás bromas. Gardamos a fila como se de cativos de xardín de infancia se tratase; caladiños e coa cabeza mirando cara o chan. Os avisos repetidos unha e outra vez ata a saciedade polo conductor sobre a firmeza da autoridade rusa non fixeran senón manternos á expectativa durante todo o trámite. Como diría o señor Johnny Cash: “We walked the line”

Cando foi o meu turno, un calafrío recorreu o meu corpo e unha sensación de intranquilidade apoderouse de min. Sabía que non habería problema ningún, pero o entorno non inspiraba confianza. Din un paso adiante e dirixinme cara o mostrador para entregarlle a miña documentación ó militar de turno que, como se dunha copia dos outros centos que alí había se tratase, presentaba a mesma cara de poucos amigos adornada só polo seu gorro de pel e uns anteollos dos anos 50. Mirou a miña foto e acto seguido sinalou a miña cara pronunciando nunha voz firme unhas palabras que por suposto tampouco entendín. “A bo entendedor poucas palabras fan falla” pensei, polo que decidín quita-las gafas para que así puidese verme mellor. Mirou alternativamente a cara e a foto do pasaporte unhas 5 ou 6 veces, e cando rematou o escaneo facial, fixo un xesto enérxico lateral co seu pescozo para que marchase, devolvéndome o pasaporte con tanta forza que o tirou ó chan. “Me cago en túa nai cabrón”, murmurei apretando os dentes. Non escoitei desculpa algunha.

Agora xa un pouco máis aliviado e tranquilo, percorrín o corredor que levaba de volta ó autobús; escoltado por suposto por militares a ámbolos dous lados.

Xa en patria rusa, subimos ó autocar e emprendémo-lo noso camiño cara a antiga capital do Imperio (San Petesburgo). De súpeto e como aparecido da nada, un “primo” do primeiro garda asomou e comprobou de novo un por un a validez dos sellos dos pasaportes que acabaramos de obter. Mesma actitude, mesmo escenario e mesmo resultado; esta vez xa menos sorprendidos que a primeira.

Cando parecían ter acabado tódolos controis... outro máis! Pero cando vai acabar isto? preguntabámonos todos. A xente desesperábase pero seguía mantendo a compostura pese ó excesivo número de controis. Non podo comprender como no mundo en teoría global e internacional no que vivimos hoxe en día pode haber tanta desconfianza e trabas á mobilidade. Incrible o que alí vin.

Tras dúas horas e media de trámites burocrático/militares, era xa hora para as bromas. Albert lanzou a primeira “puñalada” que acabaría nunha discusión posterior entre cidadáns españois na que por suposto non entrei: así deberíamos de poner nosotros en Cataluña y Galicia controles verdad Juan?

Primeira parada no territorio ruso: unha... ¿área de servicio? Iso dixeron que era, pero aínda agora estou tratando de buscarlle algún parecido co que nós entendemos por iso, sen éxito. De súpeto... aparece unha furgoneta, baixa un vello de a penas un metro e medio de altura e abre a maleta. Podemos observar coa boca aberta centos de botellas de vozka, paquetes de tabaco, etc. Segundos de incredulidade e dúbida, tralos que a xente se abalanza sobre o vehículo e comeza a merca-las primeiras provisións para o longo traxecto que nos espera...

Agora mesmo escribo o primeiro bocexo desta entrada enriba dunha almofada. Os abundantes e frecuentes baches da estreira estrada pola que circulamos non me permiten escribir todo o comodamente que eu desexase. Ó meu redor e dende hai máis de dúas horas, só pinos e máis pinos adobados con algunha que outra aldea perdida terceiromundista. Sen dúbida que as primeiras horas en terras rusas non fixeran senón sorprenderme. Veremos qué nos espera no resto da viaxe...

viernes, 30 de octubre de 2009

Россия (Rusia)

Din da infancia que é unha época inesquecible, marabillosa, unha desas etapas que deixa pegada e que te marca para o resto da túa vida. E a miña foina sen dúbida.

Coma todo cativo; a min tamén me gustaba o fútbol. Eu tamén era un daqueles rapaces que intercambiaba cromos día tras día no patio do colexio ata completa-lo ansiado álbum. Esa paixón polo deporte que din rei xunto co gusto pola música, facían dos partidos entre seleccións internacionais un acontecemento especial á par que chamativo para min. A combinación música/deporte facía que non me conformara con chegar para ve-lo saque inicial, senón que un par de minutos antes eu xa me atopaba pegado á caixa tonta para escoita-los himnos nacionais dos respectivos países. Canto menos, curiosa afección que confeso que aínda hoxe en día conservo.

De entre tódolos himnos nacionais, había un que me chamaba especialmente a atención: o ruso. Melodía sobria, autoritaria e pegadiza que penetraba a través dos meus oídos, escorregaba polo meu interior e producíame un calafrío. Mantíñame atento sen pestañexar como se dun tranqulizante se tratase. Aquela correlación de sons que engarzaba nota tras nota de forma sinxela marcárame sen saber por qué, ata o punto de crear un lazo de simpatia cara ese pais. Preguntábame inocente eu cativo cómo sería vivir nun país cun himno tan bonito, do que as fotos delataban extrema beleza. Viaxar a Rusia converteuse polo tanto, xa tempo atrás, nunha asignatura pendente que agora, anos despois, farei realidade.

Realizarei unha viaxe por Suecia, Finlandia e Rusia durante 13 días; viaxe organizada por unha asociación de estudiantil. Os viaxeiros serán 120 estudiantes universitarios de toda Suecia, polo que o bo ambiente, a priori (e esperamos que así sexa), está asegurado. Aquí adxunto o planning deste Road trip.

  • Sábado 31 de outubro - martes 3 de novembro:

Desprazamento a Estocolmo, para disfrutar da capital sueca pola nosa conta, unha das cidades máis bonitas que ata agora teño visitado.

  • Martes 3 de novembro:

Logo de disfruta-los últimos momentos en Estocolmo, colleremos un barco que nos levará facendo noite nos seus camarotes ata Helsinki.

  • Mércores 3 de novembro:

Chegada a Helsinki pola mañá e tempo para visita-la capital finlandesa.

  • Xoves 5 de novembro:

Almorzo no hotel e viaxe por estrada en autobús ata San Petesburgo, onde chegaremos arredor do mediodía. Tempo para visita-la cidade.

  • Venres 6 de decembro:

Segundo día de turismo en San Petesburgo. Pola noite faremos noite nun autobús de camiño a Moscova.

  • Sábado 7 de decembro:

Chegada a Moscova á mañá e tempo para disfrutar da vila.

  • Domingo 8 de decembro:

Visita organizada ó Kremlin. Á noite volveremos para San Petesburgo de novo facendo noite no autobús.

  • Luns 9 de novembro:

Chegada a San Petesburgo pola mañá e visita guiada pola cidade. Tempo libre ata a noite, que a pasaremos nesta cidade.

  • Martes 10 de novembro:
Camiño de volta de San Petesburgo a Helsinki e posteriormente Estocolmo en barco.

  • Mércores 11 de novembro:

Chegada a Lund.

É máis que probable que o blog estea abandonado ata que volva, pois o acceso a internet estará máis que limitado por dificultades técnicas obvias. De tódolos xeitos, espero que á volta poida contar tódalas curiosidades e detalles máis salientables da viaxe dun modo resumido e ameno.

Un saúdo: Хуан Негреира Монтерo

(así di o meu visado que se escribe o meu nome en ruso)

lunes, 26 de octubre de 2009

Morriña galega

Cando a morriña comeza a facer estragos; un acórdase primeiramente da família e dos amigos, pero tamén da súa terra e da súa lingua. Porque como ben apuntou Castelao: “Somos galegos por obra e gracia da língua”.

Empezarei forte. Sen piedade. “Arrasando” con todo o que se poña por diante. Debemos de ser inflexibles no tema do idioma igual que o somos co machismo, coa violencia de xénero, coa discriminación racial... ou con calqueira outra actuación que produza rexeitamento social xeralizado. Só así de creará o ambiente necesario para desacreditar ós que odian o galego.

Creo que ningunha causa xusta nesta vida se pode basear ou apoiar nunha mentira. Mentira coma a de que en Galicia o idioma español está en perigo (disque...). Mentira coma a de que en Galicia non se pode estudiar en castelán. Falacias repetidas unha e outra vez ata a saciedade que chegan a pasar por verdade e son consideradas como tales.

Basta xa de que o galego reciba ataques de persoas e institucións que queren a desaparición da lingua de Galicia. Deixémonos de andrómenas de pailán cosmopolita e apoucado que sente o idioma propio do seu país como limitación.

Os resultados falan por si sós:

http://www.publico.es/espana/129458/gallego/pierde/hablantes

http://www.vieiros.com/nova/72806/entre-1992-e-2004-duplicouse-o-numero-de-monolingues-en-castelan

Tanto uns coma outros utilizan a lingua como arma política. Uns úsana de escudo e outros a modo de frecha. Pero esa frecha fire e consegue o que non debería: enfrontar á poboación. A lingua non é unha arma para crear diferencias; a lingua é un lazo que debería unirnos a todos, respectándonos os uns ós outros. O idioma está por enriba de calquera ideoloxía política (ou polo menos debería).

Centenares de anos de historia, unha cultura vasta e rica, unha producción literaria á altura da das línguas que din “prestixiosas” e moitas cousas máis. Pero non. Parece ser que o meu galego; o teu galego; o noso galego, non está á altura do castelán nin á de ningún outro idioma... Razón? Non a sei.

Porque o galego é de todos. Non é nin meu nin teu. O galego, como ben apuntaba un anuncio televisivo dunha arquicoñecida multinacional americana; é dos altos e dos baixos; dos brancos e dos negros; dos cativos e dos maiores; dos homes e das mulleres; dos de aqui e dos de acolá...

Porqué é a miña lingua nai, porque sinto, penso e entendo en galego, porque é a lingua na que me ensinaron a dici-las palabras máis fermosas e importantes da miña vida... por estas e milleiros de razóns máis que podería dar é polo que quero aporta-lo meu gran de area dende Suecia á miña maneira con esta entrada, coincidindo ademais coas mobilizacións producidas en Galicia a favor do idioma a semana pasada nas que participaron moita xente que, ó igual ca min, senten a lingua galega como propia e necesaria.

Dende aquí, dende a distancia; quero que este meu berro a prol do galego se escoite ben alto. Porque 2500km de distancia non son nada se polo que se loita merece a pena. Xuntos podemos facer desta lingua o que realmente merece; unha lingua cuxos falantes a mimen e a coiden, a falen e a ensinen sen medo ó “qué dirán”. Porque somos españois, claro que si; pero antes tamén somos galegos, e como tal debemos aprecia-la nosa cultura e tradicións ás que todo lle debemos.

Só espero, e xa para rematar; que este novo goberno non pase á historia coma o enterrador do idioma, pero xa se sabe... para exercer esta profesión necesítase un cadáver que soterrar...

“qué fermoso país pero qué carallo de xente” (José Otero Abeledo “Laxeiro”)

"mexan por riba de nós e hai que dicir que chove" (Popular)

jueves, 22 de octubre de 2009

Corridor Party

Cheguei antes de tempo e petei á porta. O intenso bulicio que podía percibir do interior da estancia dende fóra demostraba que a memoria non me traicionara: Delphi, edificio K 1ºD. Gerardo respondeu facéndose derrogar co seu habitual acento sureño: “Joé, no ehperaba ió que fuehseh a llegáh tan puntuá; aún no ha llegao ningún invitao pero vengah, pasa palante”

Un corridor vén sendo, para situarnos, o que no noso país denominariamos unha residencia de estudiantes. Por que se lle da este nome? Pois porque é iso: un corredor, ou para os castelán falantes; un pasillo no que a ámbolos dous lados hai habitacións e ó final do mesmo unha cociña e unha sala comúns. O número de habitacións, forma... do corridor varía duns a outros. Como xa puidestes ter lido en previas entradas, Lund está practicamente copado na súa totalidade pola universidade, que se extende por toda a cidade, polo que existen moitos lugares adicados única e exclusivamente a residencia de estudiantes; como é o caso de Delphi, un complexo de edificios numerados con letras dende o A ata o Z e lugar da festa de hoxe.

Polo simple feito de chegar antes do previsto fun invitado ó“tour de chambre”, unha tradición previa á festa propiamente dita e exclusiva para os habitantes do corridor, que consiste en que tódolos membros dese corridor van bebendo de habitación en habitación e no que o dono da mesma ten que preparar algo típico do seu país para os invitados. Cando eu cheguei, era o turno na habitación de Gerardo, o rapaz cordobés que me invitara á festa. Entrei e puiden ve-la sangría enriba da mesa ó tempo que sonaba de fondo a canción“Que viva España” de Manolo Escobar. Por que!!?? Vaia recibimento, pensei para os meus adentros.

-“This is typical spanish isn’t it?” preguntáronme.

-“Kinda”  respondín sen moito interés.

Traguei o meu orgullo e deixei unha resposta aberta que evitou unha polémica que, por outra parte, me gustaría ter tido.

-“I will wait outside until this song is over” bromeei.

Sentei na cama e puiden intuir polo estado dos membros do corridor que esta non era a primeira habitación que visitaban. Aquí as festas non empezan ata que a xente bebeu o suficiente, momento no cal comezan a deshinibirse e mostran todo o seu encanto, escondido durante a semana e ceibo os venres e sábados á noite.

Teño que dicir que isto de estar en terras extrañas é máis duro do que un prevé. Un sempre se sinte no lugar equivocado, un extraño que podería desaparecer en calquera momento sen que ninguén se dera conta. Sen embargo, esa etapa xa pasou. Agora mesmo síntome un máis do grupo onde estou e con confianza abondo para estreitar novos lazos se a situación o require.

Seguinte canción: flamenco. De Guatemala a Guatepeor. Bromeei con Gerardo en inglés para que tódolos presentes na habitación escoitaran e entenderan: “Come on man... Don’t make them think that all music is like this in Spain...” . Mentres pronunciaba estas palabras, collín o móbil na man e finxín unha chamada para evitar preguntas impertinentes que seguramente desembocarían nunha discusión político-nacionalista: non era lugar nin o momento. Saín e agardei ó cambio de habitación esperando outro ambiente máis acolledor para poder continua-la festa.

Seguinte e última habitación: a dunha rapaza sueca que tiña tamén “menú” preparado para todos nós e especialmente para min. O cambio de estancia deu comezo a un literal acoso cara a miña persoa por parte dunha muller na súa propia habitación baixo a atenta mirada atónita dos alí presentes. Xa dende que chegara a vira moi interesada en falar comigo e coñecerme, pero iso de “xogar na casa” debeuna reconfortar e saíu ó ataque, cunha táctica claramente ofensiva na que non había lugar para o odiado, arquicoñecido pero ás veces efectivo catenaccio. Tamén din no argot futbolístico que o que falla e perdoa acaba perdendo, e iso foi o que lle pasou a ela tras múltiples tiros á meta contraria ben atallados polo gardarredes visitante. Aínda así, cabe salienta-las gañas, garra e saber estar do equipo local, que o tentou ata o minuto 90 de partido.

A festa trasladouse despois do “tour de chambre” e coincidindo coa chegada dos invitados, á cociña. Os invitados chegaban a poucos e incluso moitos deles eran xente que entraba ó escoita-la música dende fóra sen estar personalmente citados ó evento. Esta "táctica intrusista" é perfectamente válida e non reprochada por ninguén en Lund, pois todo o mundo a pode facer. 

Alí na cociña,  un ordenador con potentes altofalantes marcaba o ritmo do baile. Mesas a modo de tarimas, sofás convertidos en “picadeiros”, culleres que servían como micrófono, etc. Todo era válido con tal de que a festa non decaese; e así continuou ata altas horas da madrugada sueca (3 e media da mañá).

Así foi a miña primeira festa nun corridor que, por suposto, non será nin a última nin a mellor...