lunes, 26 de octubre de 2009

Morriña galega

Cando a morriña comeza a facer estragos; un acórdase primeiramente da família e dos amigos, pero tamén da súa terra e da súa lingua. Porque como ben apuntou Castelao: “Somos galegos por obra e gracia da língua”.

Empezarei forte. Sen piedade. “Arrasando” con todo o que se poña por diante. Debemos de ser inflexibles no tema do idioma igual que o somos co machismo, coa violencia de xénero, coa discriminación racial... ou con calqueira outra actuación que produza rexeitamento social xeralizado. Só así de creará o ambiente necesario para desacreditar ós que odian o galego.

Creo que ningunha causa xusta nesta vida se pode basear ou apoiar nunha mentira. Mentira coma a de que en Galicia o idioma español está en perigo (disque...). Mentira coma a de que en Galicia non se pode estudiar en castelán. Falacias repetidas unha e outra vez ata a saciedade que chegan a pasar por verdade e son consideradas como tales.

Basta xa de que o galego reciba ataques de persoas e institucións que queren a desaparición da lingua de Galicia. Deixémonos de andrómenas de pailán cosmopolita e apoucado que sente o idioma propio do seu país como limitación.

Os resultados falan por si sós:

http://www.publico.es/espana/129458/gallego/pierde/hablantes

http://www.vieiros.com/nova/72806/entre-1992-e-2004-duplicouse-o-numero-de-monolingues-en-castelan

Tanto uns coma outros utilizan a lingua como arma política. Uns úsana de escudo e outros a modo de frecha. Pero esa frecha fire e consegue o que non debería: enfrontar á poboación. A lingua non é unha arma para crear diferencias; a lingua é un lazo que debería unirnos a todos, respectándonos os uns ós outros. O idioma está por enriba de calquera ideoloxía política (ou polo menos debería).

Centenares de anos de historia, unha cultura vasta e rica, unha producción literaria á altura da das línguas que din “prestixiosas” e moitas cousas máis. Pero non. Parece ser que o meu galego; o teu galego; o noso galego, non está á altura do castelán nin á de ningún outro idioma... Razón? Non a sei.

Porque o galego é de todos. Non é nin meu nin teu. O galego, como ben apuntaba un anuncio televisivo dunha arquicoñecida multinacional americana; é dos altos e dos baixos; dos brancos e dos negros; dos cativos e dos maiores; dos homes e das mulleres; dos de aqui e dos de acolá...

Porqué é a miña lingua nai, porque sinto, penso e entendo en galego, porque é a lingua na que me ensinaron a dici-las palabras máis fermosas e importantes da miña vida... por estas e milleiros de razóns máis que podería dar é polo que quero aporta-lo meu gran de area dende Suecia á miña maneira con esta entrada, coincidindo ademais coas mobilizacións producidas en Galicia a favor do idioma a semana pasada nas que participaron moita xente que, ó igual ca min, senten a lingua galega como propia e necesaria.

Dende aquí, dende a distancia; quero que este meu berro a prol do galego se escoite ben alto. Porque 2500km de distancia non son nada se polo que se loita merece a pena. Xuntos podemos facer desta lingua o que realmente merece; unha lingua cuxos falantes a mimen e a coiden, a falen e a ensinen sen medo ó “qué dirán”. Porque somos españois, claro que si; pero antes tamén somos galegos, e como tal debemos aprecia-la nosa cultura e tradicións ás que todo lle debemos.

Só espero, e xa para rematar; que este novo goberno non pase á historia coma o enterrador do idioma, pero xa se sabe... para exercer esta profesión necesítase un cadáver que soterrar...

“qué fermoso país pero qué carallo de xente” (José Otero Abeledo “Laxeiro”)

"mexan por riba de nós e hai que dicir que chove" (Popular)

4 comentarios:

  1. Las lenguas nunca deberían ser mutuamente excluyentes.

    Soy española y, sobre todo, gallega. Y sí, hablo en castellano, pero creo que debemos proteger nuestro patrimonio más rico, en este caso nuestra lengua madre, y no dejar que sea utilizada como arma arrojadiza.

    Basta ya de políticas retrógradas y sintamos el gallego como cultura y defendámoslo.

    ResponderEliminar
  2. Xa temos pasados bós momentos discutindo e debatindo sobre este tema. Penso que deixas todo moi clariño, ogallá non sexa tarde cando algún lea e entenda o que ben escribiches.
    Desfruta esa morriña amigo.

    ResponderEliminar
  3. ben podía ser isto o facebook...onde está o botón de "gústame" neste blog?
    preciosa entrada. por agora algunhas xa intentamos predicar co exemplo na vida diaria, e cousas coma esta sempre serven de estímulo. hai q ser consecuentes co q se pensa...
    bicos.
    olaia.

    ResponderEliminar
  4. Aiii Juanzinho! síntome orgullosa de ti e, despois de ler isto, doume conta do que te boto de menos, do que boto de menos esas conversas sobre a lingua e sobre Galicia en xeral, porque hai moi pouca xente que lea isto e que non diga: mira que radicais!é unha mágoa, mais tamén unha realidade que esperemos algún día mude!
    Un biquiño moi grande dende Galicia!!!

    ResponderEliminar