viernes, 28 de mayo de 2010

"Ingueniero"


Despois dunha visita inesquecible a modo de regalo de aniversario por parte de Bruji, Álex e Patri na que visitamos Copenague, Lund, Malmö e atravesámo-lo sur de Suecia en coche ata Estocolmo, era tempo para voltar ó traballo. A presentación do proxecto achegábase de maneira ameazante.

E chegou o día... 27 de maio de 2010. Arribei á escola sorprendentemente relaxado cunha hora e media de antelación, que aproveitei para le-los xornais e parolar un anaco coa xente. Preparei todo coidadosamente e esperei na aula a que a xente fora chegando. A xulgar pola asistencia, a invitación que de xeito obrigatorio hai que mandar a tódolos membros do departamento antes dunha presentación, xurdira efecto. Os profesores, que entraban cunha morea de follas embaixo do brazo e bolígrafo en man, axenciábanse rapidamente para botarlle un ollo unha das copias da miña memoria que previamente imprimira e puxera enriba da mesa. Actitude canto menos impoñente que seguía sen causarme, para a miña sorpresa, a máis mínima inquietude. Intercambio de sorrisos cos amigos e uns grolos de auga...

Cun lixeiro e á vez sorprendente retraso sobre as 10:30 previstas, o meu titor deu comezo á sesión:

-Welcome to the presentation of the thesis "Vibration analyses of underground tunnel at high-tech facility" whose author is Juan Negreira Montero [...] The procedure will be as follows: Juan will first present his work and then the opponent will express her oppinions and questions about it. Afterwards, the discussion will be open to the audience. So... please Juan start whenever you are ready...

Din as gracias pola asistencia a tódolos presentes e comecei a falar... Sen case darme conta acabou a presentación no medio dun forte aplauso que deu paso de xeito case inmediato á posterior batería/bombardeo de preguntas, ás que afortunadamente souben contestar sen atrancos. Tras 20 minutos de presentación e outro tanto de preguntas, a "discusión" dexenerou en temas cotiás como por exemplo "When are you coming back home?, What do you think about your swedish experience so far?, etc" . Outro aprauso mentres a miña examinadora me daba a noraboa ó mesmo tempo que un apertón de mans indicándome dunha forma indirecta que, a falta da firma en Vigo, por fin era enxeñeiro... parece que foi onte cando comecei a carreira, mais para ben ou para mal todo chegara xa ó seu final. Non son consciente aínda do cambio que isto pode supoñer na miña vida, mais agora mesmo só quero agradecer a toda a xente que dun xeito ou outro me axudaron ou compartiron momentos comigo durante estos últimos anos, abofé que inesquecibles e os mellores da miña vida.

E hoxe volta ó traballo. Aínda hai que maqueta-la memoria do proxecto e facer algunha cousiña máis. Iso si... desta volta un pouco máis relaxado. Só faltan 20 días para voltar á terriña...


domingo, 9 de mayo de 2010

Jämställdhet: Igualdade entre sexos


Suecia considérase como un dos países punteiros no que á igualdade de sexos se refire. Hai unha proporción máis ou menos igual de mulleres e de homes nos cargos públicos, e a poboación activa de mulleres supera o 79%, unha das máis altas do mundo (datos do instituto sueco de emprego; ano 2007). Por outra banda, a taxa de natalidade é unha das máis altas de Europa. Gracias á súa seguridade social, tanto homes como mulleres poden conxugar facilmente a vida laboral coa familiar. Jämställdhet é o termo que utilizan os suecos para definir esta igualdade entre sexos.

A modo de apuntamento, dicir que o permiso de maternidade son 480 días (16 meses) a repartir de xeito obrigatorio entre o pai e a nai (por lei, a nai ten que colle-los 60 primeiros días e o pai os 60 seguintes, quedando o resto do tempo para repartir segundo eles consideren). Durante este tempo, a persoa que está na casa co fillo recibe o 80% do seu soldo, e se nunca traballou antes, o goberno axúdao con 400€ ó mes. Se despois destes 480 días, algún dos pais decidise deixar de traballar, o Estado proporciónaríalle unha paga mensual de 300€.

Se a parella reparte este tempo de permiso ó 50% (8 meses a nai e 8 o pai), estes reciben unha bonificación por parte do Estado por promove-la igualdade entre sexos. No caso de ter xemelgos, o permiso multiplícaríase por dous: 32 meses a repartir entre pai e nai ou ben 16 para os dous ó mesmo tempo. Os proxenitores poderán reducir, por lei e se así o desexan, a súa xornada laboral ata o 75%, ata que os fillos teñen 8 anos. Ademais, reciben unha paga de aproximadamente 150€ ó mes por fillo ata que este ten 18 anos.

Como curiosidade, unha foto que atopei por internet, dun baño no aeroporto de Arlanda (Estocolmo), onde se pode intuir esta igualdade entre sexos que estou tratando de transmitir. Como podedes ver, os pais en Suecia tamén saben cambiar cueiros...

O obxectivo desta política de igualdade sueca é que tanto as mulleres coma os homes teñan iguais facultades para compaxina-lo traballo e a vida. Para elo, existen diferentes institucións ou órganos para asegurar que ámbolos dous sexos teñen iguais posibilidades, dereitos e obrigacións. Así, o Ministerio de Integración e Equidade, a Unidade de igualdade de oportunidades, os especialistas en igualdade dentro de cada goberno civil, etc. velan por que estas premisas se cumpran.

Dende a miña experiencia persoal, comentar que si que se aprecia unha conciencia feminista moi callada dentro da sociedade, incluso ás veces un chisco excesiva...

sábado, 1 de mayo de 2010

Valborg


8 am. Toca o radio-espertador. Hoxe a súa melodía non parece tan molesta. Ó contrario que habitualmente, esta mañá non dou voltas nin premo o botón do "snooze", non. Hoxe é Valborg. Como se dunha centella se tratase, póñome en pé e tras un rápido pero inxente almorzo collo "o petate" e marcho cara o Stadsparken.

---

Segundo a tradición viquinga, na noite do 30 de abril ó 1 de maio celébrase a chegada definitiva da primavera en Suecia. De maneira similar ó San Juan no noso país, a xente amoréase en torno a cacharelas ó redor das cales bailan, cantan, ou realizan calquera outro tipo de manifestación festiva. A tradición das cacharelas comezou alá polo ano 1900, e ten a súa orixe en cando os campesiños por fin podían saca-lo gando a pacer fóra despois dun longo e duro inverno pechados nas cuadras. Porén e durante a noite, compría protexe-los animais de depredadores (lobos...), polo que se prendían estes lumes a modo de espantallo. Dende aquela, celébrase a chegada da primavera deste xeito.

Por suposto que esta idea orixinal de benvida da primavera experimentou modificacións se cabe dexenerativas, e sobre todo nas dúas cidades universitarias máis grandes de Suecia (Lund e Uppsala); onde "students guarantee your day will be filled out with music, joviality and as much beer as you can imagine. There also rumours of nubile bodies rolling down hills. You'll have to see to believe it".

---

E alí cheguei ó parque arredor das 8:45, onde para a miña sorpresa os meus amigos suecos da universidade xa plantaran o "campamento base" media hora antes por medo a non ter sitio máis tarde. Arredor del, sillas de praia distribuidas a modo de círculo perfecto, e unhas mantas no interior para tumbarse. Alí me sentei na silla que moi amablemente me trouxeran para min e comezamos un día que pasamos entre risas, longas parolas, música, comida, cervexas, contos, etc. Nin sequera as dúas chuvieiras que caeron durante o día puideron empapar a boa imaxe deste meu primeiro Valborg na compaña de xente coa que cada día me sinto mellor.