domingo, 18 de octubre de 2009

Lund

Dispóñome agora a escribir unha entrada que, sendo lóxicos e consecuentes, debería ter sido escrita ó comezo do blog. Porén, tampouco está mal escribila unha vez que se coñece un pouco máis a cidade para falar con coñecemento de causa. Aquí vos deixo resumido e a modo de presentación, uns datos sobre a miña nova cidade que espero que vos sexan de utilidade e interese para coñecer un pouco máis un sitio que, sen dúbida, merece a pena visitar.

Lund é unha das cidades máis antigas de Suecia. Cidade principal do município homónimo, está localizada na sureña provincia de Escania (en sueco Skåne), e dentro da rexión de Öresund. A cidade, con máis de 1000 anos de historia, é un importante centro industrial, científico e educativo, gracias á Universidade de Lund e ó parque científico Ideon. Debido a isto, recibe o nome de cidade das ideas.

Crese que foi fundada arredor do ano 990, cando as terras da rexión de Skåne pertencían a Dinamarca. Pronto se volveu o centro cristiano do norte de Europa gracias á súa catedral construída no ano 1103 e situada no actual centro histórico da vila.

Está ubicada a 15 km ó norleste de Malmö –terceira cidade máis grande de Suecia despois de Estocolmo e Gotemburgo-, e a 35-40 minutos en tren da capital danesa Copenague. Exténdese sobre unha área de 32 km2 e alberga unha poboación que supera os 78.000 habitantes.

De clima costeiro, atópase entre os 10 e os 80 metros sobre o nivel do mar. A precipitación mensual promedio é de 55 mm e a anual de 655mm. Os veráns son cálidos cunha temperatura media de 22ºC e temperaturas mínimas de 14ºC, mentres que os invernos son fríos, con temperaturas medias que oscilan entre os -3ºC e os 0ºC, aínda que a sensación térmica é moito menor debido ó forte e habitual vento.

A Universidade de Lund, fundada en 1666, é a universidade máis grande de Suecia e conta cun total de 42.000 estudiantes. Na década dos anos 40, a cidade era relativamente pequena con pouca industria a pequena escala, cubrindo aproximadamente só a cuarta parte da área urbana dominada maioritariamente pola catedral e a universidade. Dende aquela, a poboación estudiantil aumentou 12 veces e moitas máis industrias como Sony-Ericsson, Tetra-Pak, Alfa Laval ... asentaron as súas sedes na cidade, polo que tanto a arquitectura como a poboación e o ambiente cambiaron radicalmente.

É unha cidade feita por e para estudiantes, e iso nótase no ambiente reinante na mesma. Rúas ateigadas de xente nova que percorren día tras día, coma se de formigas se tratasen, as medievais vías públicas da vila dun lado para outro.

A vida estudiantil céntrase e xira arredor das Nations, que se poderían definir como unha mestura entre unha asociación de estudiantes e un clube social; unha maneira única e irrepetible de vivi-la etapa universitaria en Lund, así como tamén unha ferramenta máis de socialización. Estas Nations, que contan con locais sociais propios, serven comida, organizan actividades deportivas, e sobre todo festas (tódolos días hai festa nalgunha das 13 Nations). Todo estudiante ten a obriga de anotarse nunha. Deste xeito, unha vez obtido o carné dunha determinada Nation, pódese acceder a calquera outra ou incluso participar nas súas actividades. Se non se ten o devandito carné ou no seu defecto unha tarxeta universitaria do país de procedencia se non es un estudiante de Lund -xunto cunha guest pass válida para unha semana-, non se poderá entrar a ningunha festa, quedando reducidas as opcións de saída soamente ás festas nos Corridors (residencia de estudiantes) ou ós poucos locais propios da cidade. Sexa o día que sexa, pódese saír de festa tódolos días sen máis que dar un paseo por algún complexo residencial de estudiantes e entrar onde escoites música sen nin sequera ter por qué coñecer a ninguén. Única esixencia: leva-la túa propia bebida. O resto está feito.

Chegados a este punto é onde teño que poñerlle o único “pero” a esta cidade: realmente é difícil relacionarse con xente que non sexa estudiante. Vivimos nunha “burbulla” que non nos deixa ver moitas veces realmente a vida sueca “de a pé”. De todas formas, o querer é poder...

Ata aquí unha breve descrición de Lund. Espero tervos presentado un pouco esta fermosa cidade á que estades, por suposto, máis que invitados.

4 comentarios:

  1. Non todo! Os últimos 4 parágrafos mailo primeiro son meus eh? jaja.

    ResponderEliminar
  2. Que va Borch! Tamén estivo falando con Pemán, que lle proporciounou un dos parágrafos, jaja

    ResponderEliminar
  3. Que sepas que o domingo teu pai e máis eu te estabamos a representar na Quintana amigo.
    E Pemán solidarizouse ca causa e regalounos un diaza de Sol para que non faltara ninguén.

    ResponderEliminar