jueves, 22 de octubre de 2009

Corridor Party

Cheguei antes de tempo e petei á porta. O intenso bulicio que podía percibir do interior da estancia dende fóra demostraba que a memoria non me traicionara: Delphi, edificio K 1ºD. Gerardo respondeu facéndose derrogar co seu habitual acento sureño: “Joé, no ehperaba ió que fuehseh a llegáh tan puntuá; aún no ha llegao ningún invitao pero vengah, pasa palante”

Un corridor vén sendo, para situarnos, o que no noso país denominariamos unha residencia de estudiantes. Por que se lle da este nome? Pois porque é iso: un corredor, ou para os castelán falantes; un pasillo no que a ámbolos dous lados hai habitacións e ó final do mesmo unha cociña e unha sala comúns. O número de habitacións, forma... do corridor varía duns a outros. Como xa puidestes ter lido en previas entradas, Lund está practicamente copado na súa totalidade pola universidade, que se extende por toda a cidade, polo que existen moitos lugares adicados única e exclusivamente a residencia de estudiantes; como é o caso de Delphi, un complexo de edificios numerados con letras dende o A ata o Z e lugar da festa de hoxe.

Polo simple feito de chegar antes do previsto fun invitado ó“tour de chambre”, unha tradición previa á festa propiamente dita e exclusiva para os habitantes do corridor, que consiste en que tódolos membros dese corridor van bebendo de habitación en habitación e no que o dono da mesma ten que preparar algo típico do seu país para os invitados. Cando eu cheguei, era o turno na habitación de Gerardo, o rapaz cordobés que me invitara á festa. Entrei e puiden ve-la sangría enriba da mesa ó tempo que sonaba de fondo a canción“Que viva España” de Manolo Escobar. Por que!!?? Vaia recibimento, pensei para os meus adentros.

-“This is typical spanish isn’t it?” preguntáronme.

-“Kinda”  respondín sen moito interés.

Traguei o meu orgullo e deixei unha resposta aberta que evitou unha polémica que, por outra parte, me gustaría ter tido.

-“I will wait outside until this song is over” bromeei.

Sentei na cama e puiden intuir polo estado dos membros do corridor que esta non era a primeira habitación que visitaban. Aquí as festas non empezan ata que a xente bebeu o suficiente, momento no cal comezan a deshinibirse e mostran todo o seu encanto, escondido durante a semana e ceibo os venres e sábados á noite.

Teño que dicir que isto de estar en terras extrañas é máis duro do que un prevé. Un sempre se sinte no lugar equivocado, un extraño que podería desaparecer en calquera momento sen que ninguén se dera conta. Sen embargo, esa etapa xa pasou. Agora mesmo síntome un máis do grupo onde estou e con confianza abondo para estreitar novos lazos se a situación o require.

Seguinte canción: flamenco. De Guatemala a Guatepeor. Bromeei con Gerardo en inglés para que tódolos presentes na habitación escoitaran e entenderan: “Come on man... Don’t make them think that all music is like this in Spain...” . Mentres pronunciaba estas palabras, collín o móbil na man e finxín unha chamada para evitar preguntas impertinentes que seguramente desembocarían nunha discusión político-nacionalista: non era lugar nin o momento. Saín e agardei ó cambio de habitación esperando outro ambiente máis acolledor para poder continua-la festa.

Seguinte e última habitación: a dunha rapaza sueca que tiña tamén “menú” preparado para todos nós e especialmente para min. O cambio de estancia deu comezo a un literal acoso cara a miña persoa por parte dunha muller na súa propia habitación baixo a atenta mirada atónita dos alí presentes. Xa dende que chegara a vira moi interesada en falar comigo e coñecerme, pero iso de “xogar na casa” debeuna reconfortar e saíu ó ataque, cunha táctica claramente ofensiva na que non había lugar para o odiado, arquicoñecido pero ás veces efectivo catenaccio. Tamén din no argot futbolístico que o que falla e perdoa acaba perdendo, e iso foi o que lle pasou a ela tras múltiples tiros á meta contraria ben atallados polo gardarredes visitante. Aínda así, cabe salienta-las gañas, garra e saber estar do equipo local, que o tentou ata o minuto 90 de partido.

A festa trasladouse despois do “tour de chambre” e coincidindo coa chegada dos invitados, á cociña. Os invitados chegaban a poucos e incluso moitos deles eran xente que entraba ó escoita-la música dende fóra sen estar personalmente citados ó evento. Esta "táctica intrusista" é perfectamente válida e non reprochada por ninguén en Lund, pois todo o mundo a pode facer. 

Alí na cociña,  un ordenador con potentes altofalantes marcaba o ritmo do baile. Mesas a modo de tarimas, sofás convertidos en “picadeiros”, culleres que servían como micrófono, etc. Todo era válido con tal de que a festa non decaese; e así continuou ata altas horas da madrugada sueca (3 e media da mañá).

Así foi a miña primeira festa nun corridor que, por suposto, non será nin a última nin a mellor...

2 comentarios:

  1. pero entón, houbo partido ou embarcaches a pelota para a grada antes de empezar? jeje
    Alégrome de que vaia mellor.
    Apertas

    ResponderEliminar
  2. Se o fútbol fose así recuperaría deseguido o meu gusto por el...

    ResponderEliminar