domingo, 20 de diciembre de 2009

First impressions from Down Under


É o noso terceiro día das antípodas. A cada metro percorrido, a cada nova mirada, diferentes sensacións percorren os nosos corpos. Témo-lo privilexio de contar co noso guía e amigo Alberto, que pouco a pouco nos descobre os recunchos desta moderna, aberta e amigable cidade que durante o verán do ano 2000, con motivo dos Xogos Olímpicos, converteuse na capital do mundo sen nin sequera selo de Australia (Canberra é a súa capital política).

Porque non todo pode ser bo; para disfrutar deste apaixonante continente precisamos dunha dura viaxe, amenizada por Adrián e as súas ocurrencias. Madrid, Amsterdam, Seúl e finalmente Sydney. Case 30 horas de viaxe e 10 de cambio de horario presumían un jet-lag en toda a súa definición. Só rumores. O descanso no avión, adobado con gañas de descubrir e disfrutar, puidocon calquera cansancio e desorde do sono.

Desde a inusual choiva coa que nos recibiu este terra aloumiñada polo sol ata este espectacular paseo marítimo pola Bahía de Sydney, todo foron argumentos a favor destas vacacións de nadal: Summer Christmas. Estrañados admirámo-los típicos adornos de nadal mentres paseamos en chancletas e camiseta de tiras polas rúas. Desorientados, miramos, remiramos e volvemos a mirar cara ámbolos dous lados antes de cruza-la rúa debido ó sentido contrario de circulación "aussie". Dúas pequenas curiosidades dunha magnífica cidade e un ilusionante continente.

Mañá toca madrugar para recomezar esta aventura. Melbourne e a illa de Tasmania agárdannos con miles de experiencias por vivir.

No hay comentarios:

Publicar un comentario