Un ruido ponnos alerta. Un wallaby (canguro pequeno) cheira arredor da tenda de campaña que temos montada no medio da praia do parque natural de Freycinet, na illa de Tasmania. Os seus ollos asustados xunto cos seus potentes saltos tentando escapar delatan inocencia, polo que non nos preocupamos sobre o tema e simplemente disfrutamos da sua presencia.
Ilusionados pola natureza que nos rodea, organizamos unha expedición encabezada por Adrián/Bear Grills -en comuñón total coa natureza-. Obxectivo: saír das dúbidas nas que levamos navegando varios días de se realmente existen os demos de Tasmania. Durante un intre, percorrémo-los arredores da praia virxe na que acampamos e os montes colindantes en busca do devandito animal.
Abríndose paso coa luz do móbil e de camiño ós baños dun camping cercano (nós somos máis de free-camping), albiscámo-la sombra dun Possum. Adrián achegouse a el co obxectivo de gaña-la aposta "patada a calquera animal 30$", pero o único que fixo foi espantalo. Continuando co noso particular safari, conseguimos por fin conseguir ver esta especie endémica de Tasmania. Porén, como se adoita dicir, o bo é breve e só puidemos disfrutar da súa presencia durante só uns segundos tralos que se perdeu entre as pólas das árbores coma se dun esquío se tratase deixando paso á noiteboa.
24 de decembro. Por moito que trate de disimular, esta é unha noite especial. Por primeira vez vivina lonxe da familia. Había que buscar un xeito de poñer en orde os estraños sentimentos que provoca o "upside down state". Que mellor forma que unha churrascada de carne de canguro?
Previamente á cea e aproveitando o noso paso pola histórica vila de Richmond, o "padre Adrián" oficiou a ceremonia de nadal na Igrexa de 1833.
Son xa 4 dias "living out of the grid'". Desconectados do mundo disfrutamos desta illa sen enchufes. Ela, Tasmania, non fai senón regalarnos a vista con imaxes inimaxinables. O Ford Falcon XR6 que alugamos foi o encargado de transportarnos dun lugar a outro. Os 220 cabalos que nos acompañaron na saída de cada curva foron testemuñas de cancións, bromas, etc, durante 1000 km en sentido contrario sen atopar ningún coche de fronte polas serperteantes estradas da illa. Un road trip inesquecible nun dos paraísos naturais máis salientables deste planeta.
Escribo esta entrada dende o avión que nos leva a Adelaida. Mañá comezaremos un tour, desta volta organizado, que nos levará primeiro a Kangaroo Island para logo regresar por Adelaide, baixar polos Grampians ata empatar coa Great Ocean Road que nos deixará finalmente en Melbourne. O día 30 voltamos a Sydney para disfrutar da fin de ano nesta icónica cidade...en bañador, na praia...
joer, iades sen coche... fíxenche caso e púxenme a ler tódalas entradas... dende abaixo ata aquí... e por pura envexa creo q vou ter q parar. hai q dicir q adrián acaba de me reconvertir co seu sermón, xa non son máis unha ovella descarriada...
ResponderEliminarbicos, suertudo. olaia