A noite non invitaba ó optimismo. Trala agradable e inesquecible visita á antiga capital do Imperio Ruso, esta noite tocaba o que os americanos denominan unha overnight drive: percorrer un traxecto de aproximadamente 1000 km dende San Petesburgo a Moscova facendo noite nun autobús.
Contra todo prognóstico e non sen dificultade, fora capaz de botar unha cabezada apoiado no meu compañeiro americano de habitación Dan e na almofada que “collera prestada” no hotel en Helsinki, pero pouco tardei en espertar debido ó balbordo existente no habitáculo. Abrín os ollos con esforzo e albisquei unha gasolinera no medio da nada, rodeada só de neve e monte.
-Should we get off and grab a snack? preguntou Dan
Baixamos e dirixímonos á tenda para mercar unhas gominolas que degustamos sobre a branca neve aínda virxe. A presenza soamente esporádica de xente nese lugar percibíase pola ausencia de pegadas nunha neve que levantaba media cuarta do chan. Só na estación de servicio algunha que outra rodeira delataba visita motorizada no lugar. Pronto esa tranquilidade íase ver perturbada polo que estabamos a punto de vivir...
Sentín unha bucina. Dan agarroume e tirou por min fortemente cara el. Dinme a volta sorprendido polo acto e vin un coche negro cos cristais tinxidos e sen matrícula pasar a menos de medio metro nosa.
-Thanks man! What is wrong with this guy!? He’s fucking crazy!
Freou facendo un derrape e baixou apurado do coche tirando con violencia ó chan unhas pipas que traía entre as súas mans. O mozo, vestido cun chándal, botas de montaña e un gorro con orelleiras que tapaba en gran medida a súa cara; entrou na tenda tras mirarnos a todos con ollos ameazadores. Dirixiuse cara as estanterías e violentamente arrancou uns artigos que non conseguimos ver dende fóra. Regresou ó coche aínda acendido a medida que aceleraba o seu paso e, tras unha potente arrancada, abandonou o lugar en dirección contraria.
A reacción do personal da tenda fíxonos pensar que se trataba dunha acción “non fóra do normal”, xa que en ningún momento se intuíu ningún ademán de chamar á policía ou de opor resistencia ó ladrón.
Sumidos aínda na sorpresa mirando os uns para os outros, e aínda sen tempo para asimilalo, xirámo-la cabeza alertados por un forte ruido e vimos aparecer ó fondo un coche branco facendo eses. O vehículo detívose non lonxe de nós. Abriuse a porta e apareceu un home duns 60 anos entrado en carnes e portando unha boina na súa cabeza. Os seus andares sinuosos delataban unha inxente cantidade de alcol no seu corpo.
Achegouse cara nós e comezou a falar agora si definitivamente con síntomas máis que evidentes de embriaguez. Cando se percatou de que non o estabamos a entender, voltou para o coche, arrancouno e marchou; regresando ó mesmo sitio apenas dous minutos despois. Volveu a baixar esta vez cunha botella de vozka embaixo do brazo e sen dar explicación ningunha inclinou o recipiente “baixándoo de penalti” ante a mirada atónita dos alí presentes. Medio litro de vozka coma se de auga se tratase! Incrible! Ó acabar, colleu a un rapaz pola “pechera” e botoulle o alento con aires desafiantes. O cheiro a alcol conseguiu tamén arrancar unhas gargalladas de asombro que ninguén puido evitar.
O vello non paraba de falar; e alentado polo público cada vez máis numeroso sentíase completamente arroupado.
-“He’s saying that whoever beats him in arm wrestling gets his car”; dixo un rapaz de pais rusos que viaxaba con nós.
Ó parecer, o vello quería botar un pulso contra algún de nós para aposta-lo seu coche (eso foi o que dixo en primeira instancia; logo cambiou de opinión e unha botella de vozka pasou a se-lo premio). Momentos de indecisión que rompeu o mesmo rapaz holandés ó que lle botou o alento aceptando o reto e dando un paso á fronte. Trala afirmativa, o vello botou un berro estremecedor e limpou o “terreo de xogo” quitando co seu antebrazo a xa escasa neve que quedaba de enriba do capó do seu coche.
-1, 2, and... 3 go!
Tras segundos apaixoantes de “toma e daca” nos que o vello parecía non rendirse, o holandés conseguiu “levarlle” o pulso non sen esforzo, e aínda que o contrincante insistiu en pagarlle a botella, o gañador moi amablemente non aceptou.
Aquí vos adxunto o vídeo do Russian arm wrestling para que poidades ver en diferido a “batalla”
Como podedes ver, os esteorotipos sempre teñen algo de certo... E aquela noite non fixo máis que confirma-la imaxe que moitos nós temos escoitado sobre Rusia.
o holandés fai trampas, inclina todo o corpo para o seu lado jajajaja.
ResponderEliminarVaia aventuras!!
Vaia historias macho! Que envexa, como me gustaría visitar Rusia, ten que ser outro mundo distinto. Xa só o tema de ter un alfabeto distinto e que non poidas ler nada...A min pasoume algo parecido en Grecia, pero claro, non ten comparación con Rusia...Agardamos a próxima entrega da novela eh!
ResponderEliminar