domingo, 14 de febrero de 2010

Jag talar svenska och engelska


A semana pasada tiven a oportunidade de asistir a unha conferencia de Rami Khouri. Rami é un xornalista palestino-xordano e cidadán americano que reside no Líbano. É autor, editor e columnista a nivel internacional, tendo tamén un papel importante en certos espacios televisivos, como por exemplo a CNN.

O título da conferencia era: Mosque, malls and Monarchs: the Middle East Redefines Itself. Durante a mesma, o poñente intentou explica-la interacción actual entre estes tres entes principais e por outra banda ben diferenciados en Oriente Medio: o poder relixioso (Mosque), a iniciativa privada (malls) e os gobernantes (Monarchs).

Sen meterme a analiza-lo tema da conferencia nin ningún dos puntos alí tratados; que por suposto fondamente respeto pero que nin moito menos entendo nin comparto, pasarei ó tema do que verdade quero falar: o inglés.

Atopabámonos alí cerca de 50 persoas, maioritariamente suecos e algún que outro internacional como era o meu caso. A conferencia, obviamente, así como a posterior rolda de preguntas, tivo lugar en inglés; por que? Porque todo o mundo o fala e o entende.

----

O catedrático Jan Svartvik escribe: “En moitas escolas secundarias suecas existe a chamada ’ensinanza bilingüe’, é dicir, que a ensinanza se fai en inglés, non só na clase de inglés senón tamén noutras materias como física, matemáticas e historia. A idea é por certo boa: facer que os alumnos usen o inglés como unha ferramenta funcional e desa maneira poder convertirse en bilingües 'de verdade'. Pero a ensinanza básica en inglés para estudantes que teñen sueco como lingua materna ten tamén os sus efectos negativos…".

Estes efectos negativos dos que fala este catedrático son, segundo o meu humilde e ignorante punto de vista as influencias que o idioma oficial recibe do inglés, empobrecendo a lingua en algunhas ocasións e impedindo en moitas outras a evolución da mesma. É evidente e facilmente perceptible ó escoitar unha conversación entre suecos a cantidade de palabras, interxeccións, expresións, insultos, vocabulario técnico... inglés que utilizan.

----

Volvendo de novo e esta vez de maneira definitiva ó miolo do asunto; a conferencia non foi un feito illado, senón unha proba máis do que levo comprobando dende que a estas frías terras cheguei alá polo mes de setembro e que aínda me sorprende día tras día. Sorpréndeme que eu poida obter un título universitario sueco cursando materias unicamente en inglés, sorpréndeme que cando estou con só suecos cambien amablemente e por mottu propio o rexistro a inglés e que cando abandono a sala e regreso un intre despois aínda o estean falando; sorpréndeme que a maior parte da bibliogafía na universidade sexa en inglés, sorpréndeme que todo estea en versión orixinal... e sorpréndeme tamén que case o 90% da poboación maior de 15 anos teña totais competencias lingüísticas en inglés -datos de 2005; agora a porcentaxe crese que se incrementou-. E por que? Pois porque eles si que poden dicir... Jag talar svenka och engelska (eu falo sueco e inglés). Non sei o qué... pero o que está claro é que nós algo estamos a facer mal...

Knowledge of foreign languages in Sweden, in per cent of the population aged 15 and above, 2005. Data taken from an EU survey

Vivo en Suecia, seino. Sei que non estou nin en USA nin no Reino Unido, nin en ningún outro país anglofalante, pero resulta difícil practica-lo pouco sueco que non sen esforzo estou tentando aprender, cando todo o mundo moi amablemente cambia o rexistro ó darse conta de que son estranxeiro...

Diferentes mentalidades con resultados que obviamente lle dan a razón a Suecia. Mentres nós nos pelexamos para ensinar só unha lingua nas escolas "porque los niños los confunden", aquí aprenden o maior número posible de linguas, porque ningún idioma é un impedimento á hora de aprender outro, senón todo o contrario...

4 comentarios:

  1. Acabo nestes intres de ver a entrega dos "GOYA", e non podes imaxinarte a alegría que me dou Luís Tosar cando despois de recoller o premio o mellor actor dixo unhas palabras de agradecemento, claro esta, en castelán, pero o final dirixíndose a todos dixo: como sei que me ides entender quero falar en galego para adicarlle este premio a meus pais...

    ResponderEliminar
  2. boas!!!

    pareceume moi interesante esta entrada túa.quedome persoalmente coas últimas verbas que escribes..."Porque ningún idioma é un impedimento á hora de aprender outro, senón todo o contrario..."

    hai un tempo fixen na facultade un traballo apra un profesor de desenvolvemento humano, sobre o bilingüísmo e a inmersión lingüística, e son ben certas esas palabras que dis, polo menos no tocante ao desenvolvemento das persoas e moito menos interfiren negativametne entre sí si o suxeito está en proceso de maduración, é dicir, ainda está medrando.
    si dende pequenos se plantexa a idea do bilingüísmo ou multiples linguas, e a inmersión non é que non sexa complicado, senón que resultará "sinxelo" para o neno aprendelas.
    o de que confunde...pode pasar, pero co denominado interferencia lingüística, e pasa sendo adultos xa cando inconscientemente unha persoa que fala varias linguas introduce palabras dun idioma noutro...algo, si me permites, habitual en moitos casos...

    ResponderEliminar
  3. Eu creo que o que temos que sacar en limpo do exemplo sueco non é a influencia do inglés na súa lingua, nin os problemas de bilingüismo inmersión ou outras cousas. O importante é ver o seu exemplo, e doutros estados nórdicos de reducida poboación, de como abrirse ó mundo, aprender a lingua global, e estar no mundo sen que isto signifique renunciar ó seu, ó propio, por cativo que sexa, como hai moita xente que pensa en Galicia. O noregués por exemplo é unha lingua con 4 millóns de falantes. Podemos e debemos falar castelán, inglés e cantas se poida pero o máis grave e esquece-lo noso. Unha cousa non quita a outra.

    ResponderEliminar
  4. Estou con Alberto, o máis grave é esquecer, e mesmo desprestixiar, o noso.
    Malia todo, si que deberiamos facer algo por mellor o noso sistema educativo...
    Por certo Juanzinho, viches a Tosar? se aínda non mira en youtube a entrega dos Goya!
    Un BICOO (xa ves que ao final non me resistín e púxenme a ler o blog..)

    ResponderEliminar