sábado, 27 de febrero de 2010

Unha con xeo por favor...


Sábado 27 de febreiro de 2010. Punto de reunión: estación central de Lund. Destino: Malmö. Partimos coa mochila ó lombo para pasa-lo día en Malmö. Mochila? E para que? Pois aquí téde-la resposta:


A temperatura da auga era á hora do baño, e como se pode ver na figura adxunta, de +2ºC.

Podo asegurar sen temor a equivocarme que nunca na miña vida pasara tanto frío (sobre todo ó saír), mais abofé que mereceu a pena. Non tódolos días se baña un rodeado de xeo. "Que me quiten o bailado..." que diría o outro. Outra experiencia máis para recordar deste ano inesquecible que estou a vivir.

PD: Papá, mamá, estou ben, tranquilos. Por agora aínda non hai síntomas de enfermidade. jaja.

PD2: Aínda que quixen aguantar un pouco máis de tempo na auga, pódovos dicir que era moi difícil. Uns cantos segundos abondaron para que xa empezase e non senti-lo meu corpo. A tarefa de secado, por suposto, correu á conta dos acompañantes, pois eu xa non podía mover nin senti-las mans...

miércoles, 24 de febrero de 2010

Berlín e a sorte de ser escandinavo


Coma o fillo pródigo que volve á casa, esta fin de semana viaxei a Berlín. E volvín a ese "desorde organizado" que dous veráns atrás fora a miña casa. A simple vista, todo estaba como eu o deixara; todo baixo control. Unha fina e esvaradiza capa de neve cubría aquela cidade que, tempo atrás, me sorprendera co seu caloroso verán (abofé que cambia unha cidade dependendo na época na que se visite). Parecía que fora onte a última vez que pisara esas rúas. Como pasa o tempo meu Deus!...

E posto que de reencontros se trataba, alí atopeime con algúns vellos amigos que compartiran aulas comigo tempo atrás. Entre eles: Alsou, principal artífice da miña visita a Berlín e que me acolleu moi amablemente baixo o seu teito. Situación curiosa canto menos a nosa: unha rusa que lle fala en francés a un galego que responde en inglés...

Atopeime tamén con Rasmus, un danés que se mudara coa súa moza suíza á capital alemana, cidade onde se coñeceran durante o curso de alemán no que eles tamén tomaran parte. Deume unha aperta e díxome:

-Old buddy pal! Moving back to Copenaguen in two weeks! Finally neighbors!
-Why? You kidding me?

Dixo que non aguantaba máis; que a vida en Alemaña era moito máis difícil que en Dinamarca:

-Man... since I got here I realised how lucky I am being scandinavian... Everything is so easy up there! Come on... You are rich even being a student!
-[...]
-Now I got the job of my dreams so I am coming back... I really have to! And with my paycheck there I can come back to Berlin once per week if I want to... because of course I still love this city!

Pode parecer Rasmus de boas a primeiras un pouco farfallán, pero pódovos asegurar que non é así. Como xa dixen algunha vez, a vida pinta moito máis sinxela por aquí polo norte... pero moito máis! Isto non fixo senón confirmar unha vez máis o que levo vendo dende hai 5 meses. E deume a razón de novo unha imaxe vista no aeroporto de Copenague de volta á casa: centos (pero centos de verdade) de familias con equipaxe de neve para disfrutar das súa Sports Week. Sobran os cartos...

E así pasou a fin de semana; entre re-turisteo e longas parolas con amigos cos que afortunadamente din mantido o contacto tras todo este tempo. Porque como me teredes oído moitas veces... viaxar é unha das mellores escolas e a mellor forma de coñecer xente!

PD1: Papá, mamá; aínda que do alemán non me lembraba moito, a cidade coñecíaa coma a palma da man; así que a miña estadía alá non foi tan en balde...

PD2: Como a mentalidade escandinava aínda non callou en min de todo... andei toda a fin de semana no metro sen merca-lo ticket. Simplemente aferreime á "fórmula universal" do... "malo será!". E abofé que houbo sorte...

sábado, 20 de febrero de 2010

Professor Negreira?


O comezo desta historia data de alá de principios do mes de xaneiro. Como se os case 40 graos de diferencia de temperatura entre e Australia e Suecia non abondasen por si sós para manterme "apirolado", a conversación durante a hora do café no primeiro día trala miña volta acabaría de rematarme.

Estaba agardando na liña coma sempre para servirme o meu café (står i kö que din os suecos) cando de súpeto un profesor achégase a min e dime:

-Hi Juan! Happy new year! You are so tanned! You had a blast in Australia hadn't you?
-Oh yeah! Definitely! It was awesome! Unforgettable experience!
[...]
-Can I ask you a favour?
-Yeah, sure!
-Would you mind to teach a "dinamics of structures" lecture?
-WHO!? ME!?
-Yeah... I'll give you a topic and you will have to explain it relating it with your Master Thesis.
[...]

Pois iso... que se supoñía que tiña que dar unha clase na universidade... e por suposto en inglés.

---

Foros días duros os previos á clase navegando entre libros e borradores de presentacións en PowerPoint, pero por fin o 18-F chegara, día do meu debut como "profesor" na universidade.

Cheguei á clase e entrei. Por diante, dúas horas para falar e explicar entre Peter e eu (cada un a súa parte) o que non sen esforzo prepararamos. Conectei o proxector e coloquei a primeira transparencia para que todo estivese preparado cando os estudantes chegasen; crucei de brazos. Eran intres de confusión e inseguridade e só pensaba no momento de marchar pola porta a través da cal acababa de entrar cun "éxito" debaixo do brazo.

A xente foi entrando. "Vinde vindo!" pensei para min. Arredor de 25-30 persoas espalladas arredor dunha aula non moi grande. Podía apreciar nas súas facianas que polo menos máis da metade deles eran maiores ca min. Sentíame observado. Intercambiei miradas con algún deles buscando acubillo nalgún dos seus sorrisos. Coma bos nórdicos: impasibles. Baixei a mirada e remexín no medio dos papeis deixando que o tempo pasase.

Presenteime e sen dubidar nin un instante comecei a falar. Notei como ós poucos segundos de empezar unha inxección de calma e confianza percorría o meu corpo dándome azos. Ben! O idioma parecía non ser unha barreira. Aínda que non tan correcto como o faría en galego ou español, falaba "de corrido" e fluido. As caras atentas e as frecuentes preguntas interesantes facíanme ver que todo ía mellor do que esperaba. A confianza aumentaba máis cada vez que conseguía responder cada unha das dúbidas dos alumnos. As cousas estaban a saír ben!

E ben como empezaran as cousas así remataron. E co remate; o mellor premio que podía esperar: un forte aplauso e a noraboa do profesor da asignatura (dinamics of structures). E así foi a miña experiencia como "profesor" na universidade. Quen sabe!, ó melloe non é a última...

miércoles, 17 de febrero de 2010

Coffee break?


Era venres, e coma todos, pouca xente na universidade. Opostamente ó que eu pensaba, aquí en Suecia trabállase moito menos tempo efectivo que no noso país, pero curiosamente a "productividade" é maior. É raro o día que hai xente traballando nos seus respectivos despachos máis alá das 5 da tarde... A vida pinta moito máis sinxela por aquí polo norte...

Pois ben, como ía dicindo; ese venres -e coma tódolos días ás 10 da mañá e ás 3 da tarde-, David -o meu compañeiro de despacho- e máis eu recibímo-lo aviso dos nosos veciños de habitación para ir a toma-lo café. Desta volta, no canto de pronuncia-la palabra "Coffee!", escoitamos:

-Beer!!!
-What!? -contestamos David e máis eu ó unísono-
[...]

Dito e feito. Mochilas ó lombo encamiñámonos a un bar onde os 4 pasamos toda a tarde entre risas e contos. Levárame o meu tempo chegar a coñecelos e coller confianza, incluso dándoo por imposible repetidas veces ante a dificultade para "rompe-lo xeo". Pero mereceu a pena. Agora son un máis entre eles tanto nas horas dos cafés como nas comidas, festas, etc.

Cancelei tódolos meus plans que durante toda a semana organizara con coidado e mimo para tentar á sorte e á improvisación. Tras insistentes invitacións uninme a eles para cear e posteriormente ir a unha festa nun piso: 12 suec@s e máis eu (por suposto e como dixen na anterior entrada todos falando en inglés para que eu me sentise benvido).

E alá estivemos ata as 3 da mañá, hora na que voltei cara a casa coa mochila ó lombo pedaleando como boamente podía entre a esponxosa neve; e demostrando unha vez máis que moitas veces o improvisado sae moito mellor có planeado; e que as festas con xente sueca son moito mellores que calquera outra...

domingo, 14 de febrero de 2010

Jag talar svenska och engelska


A semana pasada tiven a oportunidade de asistir a unha conferencia de Rami Khouri. Rami é un xornalista palestino-xordano e cidadán americano que reside no Líbano. É autor, editor e columnista a nivel internacional, tendo tamén un papel importante en certos espacios televisivos, como por exemplo a CNN.

O título da conferencia era: Mosque, malls and Monarchs: the Middle East Redefines Itself. Durante a mesma, o poñente intentou explica-la interacción actual entre estes tres entes principais e por outra banda ben diferenciados en Oriente Medio: o poder relixioso (Mosque), a iniciativa privada (malls) e os gobernantes (Monarchs).

Sen meterme a analiza-lo tema da conferencia nin ningún dos puntos alí tratados; que por suposto fondamente respeto pero que nin moito menos entendo nin comparto, pasarei ó tema do que verdade quero falar: o inglés.

Atopabámonos alí cerca de 50 persoas, maioritariamente suecos e algún que outro internacional como era o meu caso. A conferencia, obviamente, así como a posterior rolda de preguntas, tivo lugar en inglés; por que? Porque todo o mundo o fala e o entende.

----

O catedrático Jan Svartvik escribe: “En moitas escolas secundarias suecas existe a chamada ’ensinanza bilingüe’, é dicir, que a ensinanza se fai en inglés, non só na clase de inglés senón tamén noutras materias como física, matemáticas e historia. A idea é por certo boa: facer que os alumnos usen o inglés como unha ferramenta funcional e desa maneira poder convertirse en bilingües 'de verdade'. Pero a ensinanza básica en inglés para estudantes que teñen sueco como lingua materna ten tamén os sus efectos negativos…".

Estes efectos negativos dos que fala este catedrático son, segundo o meu humilde e ignorante punto de vista as influencias que o idioma oficial recibe do inglés, empobrecendo a lingua en algunhas ocasións e impedindo en moitas outras a evolución da mesma. É evidente e facilmente perceptible ó escoitar unha conversación entre suecos a cantidade de palabras, interxeccións, expresións, insultos, vocabulario técnico... inglés que utilizan.

----

Volvendo de novo e esta vez de maneira definitiva ó miolo do asunto; a conferencia non foi un feito illado, senón unha proba máis do que levo comprobando dende que a estas frías terras cheguei alá polo mes de setembro e que aínda me sorprende día tras día. Sorpréndeme que eu poida obter un título universitario sueco cursando materias unicamente en inglés, sorpréndeme que cando estou con só suecos cambien amablemente e por mottu propio o rexistro a inglés e que cando abandono a sala e regreso un intre despois aínda o estean falando; sorpréndeme que a maior parte da bibliogafía na universidade sexa en inglés, sorpréndeme que todo estea en versión orixinal... e sorpréndeme tamén que case o 90% da poboación maior de 15 anos teña totais competencias lingüísticas en inglés -datos de 2005; agora a porcentaxe crese que se incrementou-. E por que? Pois porque eles si que poden dicir... Jag talar svenka och engelska (eu falo sueco e inglés). Non sei o qué... pero o que está claro é que nós algo estamos a facer mal...

Knowledge of foreign languages in Sweden, in per cent of the population aged 15 and above, 2005. Data taken from an EU survey

Vivo en Suecia, seino. Sei que non estou nin en USA nin no Reino Unido, nin en ningún outro país anglofalante, pero resulta difícil practica-lo pouco sueco que non sen esforzo estou tentando aprender, cando todo o mundo moi amablemente cambia o rexistro ó darse conta de que son estranxeiro...

Diferentes mentalidades con resultados que obviamente lle dan a razón a Suecia. Mentres nós nos pelexamos para ensinar só unha lingua nas escolas "porque los niños los confunden", aquí aprenden o maior número posible de linguas, porque ningún idioma é un impedimento á hora de aprender outro, senón todo o contrario...

domingo, 7 de febrero de 2010

55 mentiras sobre a lingua galega


O venres pasado presentouse en Copenague, ó mesmo tempo que noutras 68 localidades espalladas arredor do mundo enteiro (principalmente en Galicia por suposto) o libro 55 mentiras sobre a lingua galega. Está escrito por membros de Prolingua, autodefinida como unha "plataforma apolítica creada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión que ten como obxectivos exclusivos a promoción do galego como lingua propia de Galicia (e das comarcas estremeiras) e a consecución da súa oficialidade real, que pasa por unha presenza normal en ámbitos dos que se mantén practicamente excluída, como a empresa, a xustiza e outros servizos públicos e privados, especialmente os medios de comunicación".

"Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude á sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade. Co gallo de ofrecer unha análise dos prexuízos máis comúns que difunden os negacionistas do idioma, sae publicado este esperado libro útil, unha obra rigorosa que, paseniño e cun ton distendido, avanza até desmontar por completo, unha por unha, as principais falacias que ao correr da historia se veñen vertendo sobre a lingua galega, facendo fincapé naquelas que, por diversas razóns que tamén o libro pon de relevo, a día de hoxe teñen un maior calado na sociedade. Xa que logo, podemos falar desta publicación como dunha reacción organizada, limpa e contundente contra as difamacións daqueles que, por complexo, mesquindade ou ambas as dúas cousas, só buscan o esmorecemento da lingua propia de Galicia, o galego".

Aínda non tiven tempo de lelo, polo que non podo comenta-las miñas impresións, pero esperando está na miña mesiña de noite e abofé que pronto o farei.

Porque como escribín alá polo mes de novembro; o idioma non debería de ser unha arma política coa que enfrontar á sociedade. Encántame ver cando xente de diferentes orientacións políticas defenden o idioma, porque o galego é moito máis importante ca calquera ideoloxía. Reafírmome no dito e repito: eu son galego, e español tamén; e estou orgullosísimo de fala-los dous idiomas... pero hai que fala-los 2! Non son excluíntes! E ogallá puidese falar moitos máis dos que falo...

Así que, polo amor de Deus... deixémonos de andrómenas e de tonterías e pensemos un pouquiño coa cabeza... Como dicía un profesor meu... "Sentidiño común meu neniño..."