viernes, 30 de octubre de 2009

Россия (Rusia)

Din da infancia que é unha época inesquecible, marabillosa, unha desas etapas que deixa pegada e que te marca para o resto da túa vida. E a miña foina sen dúbida.

Coma todo cativo; a min tamén me gustaba o fútbol. Eu tamén era un daqueles rapaces que intercambiaba cromos día tras día no patio do colexio ata completa-lo ansiado álbum. Esa paixón polo deporte que din rei xunto co gusto pola música, facían dos partidos entre seleccións internacionais un acontecemento especial á par que chamativo para min. A combinación música/deporte facía que non me conformara con chegar para ve-lo saque inicial, senón que un par de minutos antes eu xa me atopaba pegado á caixa tonta para escoita-los himnos nacionais dos respectivos países. Canto menos, curiosa afección que confeso que aínda hoxe en día conservo.

De entre tódolos himnos nacionais, había un que me chamaba especialmente a atención: o ruso. Melodía sobria, autoritaria e pegadiza que penetraba a través dos meus oídos, escorregaba polo meu interior e producíame un calafrío. Mantíñame atento sen pestañexar como se dun tranqulizante se tratase. Aquela correlación de sons que engarzaba nota tras nota de forma sinxela marcárame sen saber por qué, ata o punto de crear un lazo de simpatia cara ese pais. Preguntábame inocente eu cativo cómo sería vivir nun país cun himno tan bonito, do que as fotos delataban extrema beleza. Viaxar a Rusia converteuse polo tanto, xa tempo atrás, nunha asignatura pendente que agora, anos despois, farei realidade.

Realizarei unha viaxe por Suecia, Finlandia e Rusia durante 13 días; viaxe organizada por unha asociación de estudiantil. Os viaxeiros serán 120 estudiantes universitarios de toda Suecia, polo que o bo ambiente, a priori (e esperamos que así sexa), está asegurado. Aquí adxunto o planning deste Road trip.

  • Sábado 31 de outubro - martes 3 de novembro:

Desprazamento a Estocolmo, para disfrutar da capital sueca pola nosa conta, unha das cidades máis bonitas que ata agora teño visitado.

  • Martes 3 de novembro:

Logo de disfruta-los últimos momentos en Estocolmo, colleremos un barco que nos levará facendo noite nos seus camarotes ata Helsinki.

  • Mércores 3 de novembro:

Chegada a Helsinki pola mañá e tempo para visita-la capital finlandesa.

  • Xoves 5 de novembro:

Almorzo no hotel e viaxe por estrada en autobús ata San Petesburgo, onde chegaremos arredor do mediodía. Tempo para visita-la cidade.

  • Venres 6 de decembro:

Segundo día de turismo en San Petesburgo. Pola noite faremos noite nun autobús de camiño a Moscova.

  • Sábado 7 de decembro:

Chegada a Moscova á mañá e tempo para disfrutar da vila.

  • Domingo 8 de decembro:

Visita organizada ó Kremlin. Á noite volveremos para San Petesburgo de novo facendo noite no autobús.

  • Luns 9 de novembro:

Chegada a San Petesburgo pola mañá e visita guiada pola cidade. Tempo libre ata a noite, que a pasaremos nesta cidade.

  • Martes 10 de novembro:
Camiño de volta de San Petesburgo a Helsinki e posteriormente Estocolmo en barco.

  • Mércores 11 de novembro:

Chegada a Lund.

É máis que probable que o blog estea abandonado ata que volva, pois o acceso a internet estará máis que limitado por dificultades técnicas obvias. De tódolos xeitos, espero que á volta poida contar tódalas curiosidades e detalles máis salientables da viaxe dun modo resumido e ameno.

Un saúdo: Хуан Негреира Монтерo

(así di o meu visado que se escribe o meu nome en ruso)

lunes, 26 de octubre de 2009

Morriña galega

Cando a morriña comeza a facer estragos; un acórdase primeiramente da família e dos amigos, pero tamén da súa terra e da súa lingua. Porque como ben apuntou Castelao: “Somos galegos por obra e gracia da língua”.

Empezarei forte. Sen piedade. “Arrasando” con todo o que se poña por diante. Debemos de ser inflexibles no tema do idioma igual que o somos co machismo, coa violencia de xénero, coa discriminación racial... ou con calqueira outra actuación que produza rexeitamento social xeralizado. Só así de creará o ambiente necesario para desacreditar ós que odian o galego.

Creo que ningunha causa xusta nesta vida se pode basear ou apoiar nunha mentira. Mentira coma a de que en Galicia o idioma español está en perigo (disque...). Mentira coma a de que en Galicia non se pode estudiar en castelán. Falacias repetidas unha e outra vez ata a saciedade que chegan a pasar por verdade e son consideradas como tales.

Basta xa de que o galego reciba ataques de persoas e institucións que queren a desaparición da lingua de Galicia. Deixémonos de andrómenas de pailán cosmopolita e apoucado que sente o idioma propio do seu país como limitación.

Os resultados falan por si sós:

http://www.publico.es/espana/129458/gallego/pierde/hablantes

http://www.vieiros.com/nova/72806/entre-1992-e-2004-duplicouse-o-numero-de-monolingues-en-castelan

Tanto uns coma outros utilizan a lingua como arma política. Uns úsana de escudo e outros a modo de frecha. Pero esa frecha fire e consegue o que non debería: enfrontar á poboación. A lingua non é unha arma para crear diferencias; a lingua é un lazo que debería unirnos a todos, respectándonos os uns ós outros. O idioma está por enriba de calquera ideoloxía política (ou polo menos debería).

Centenares de anos de historia, unha cultura vasta e rica, unha producción literaria á altura da das línguas que din “prestixiosas” e moitas cousas máis. Pero non. Parece ser que o meu galego; o teu galego; o noso galego, non está á altura do castelán nin á de ningún outro idioma... Razón? Non a sei.

Porque o galego é de todos. Non é nin meu nin teu. O galego, como ben apuntaba un anuncio televisivo dunha arquicoñecida multinacional americana; é dos altos e dos baixos; dos brancos e dos negros; dos cativos e dos maiores; dos homes e das mulleres; dos de aqui e dos de acolá...

Porqué é a miña lingua nai, porque sinto, penso e entendo en galego, porque é a lingua na que me ensinaron a dici-las palabras máis fermosas e importantes da miña vida... por estas e milleiros de razóns máis que podería dar é polo que quero aporta-lo meu gran de area dende Suecia á miña maneira con esta entrada, coincidindo ademais coas mobilizacións producidas en Galicia a favor do idioma a semana pasada nas que participaron moita xente que, ó igual ca min, senten a lingua galega como propia e necesaria.

Dende aquí, dende a distancia; quero que este meu berro a prol do galego se escoite ben alto. Porque 2500km de distancia non son nada se polo que se loita merece a pena. Xuntos podemos facer desta lingua o que realmente merece; unha lingua cuxos falantes a mimen e a coiden, a falen e a ensinen sen medo ó “qué dirán”. Porque somos españois, claro que si; pero antes tamén somos galegos, e como tal debemos aprecia-la nosa cultura e tradicións ás que todo lle debemos.

Só espero, e xa para rematar; que este novo goberno non pase á historia coma o enterrador do idioma, pero xa se sabe... para exercer esta profesión necesítase un cadáver que soterrar...

“qué fermoso país pero qué carallo de xente” (José Otero Abeledo “Laxeiro”)

"mexan por riba de nós e hai que dicir que chove" (Popular)

jueves, 22 de octubre de 2009

Corridor Party

Cheguei antes de tempo e petei á porta. O intenso bulicio que podía percibir do interior da estancia dende fóra demostraba que a memoria non me traicionara: Delphi, edificio K 1ºD. Gerardo respondeu facéndose derrogar co seu habitual acento sureño: “Joé, no ehperaba ió que fuehseh a llegáh tan puntuá; aún no ha llegao ningún invitao pero vengah, pasa palante”

Un corridor vén sendo, para situarnos, o que no noso país denominariamos unha residencia de estudiantes. Por que se lle da este nome? Pois porque é iso: un corredor, ou para os castelán falantes; un pasillo no que a ámbolos dous lados hai habitacións e ó final do mesmo unha cociña e unha sala comúns. O número de habitacións, forma... do corridor varía duns a outros. Como xa puidestes ter lido en previas entradas, Lund está practicamente copado na súa totalidade pola universidade, que se extende por toda a cidade, polo que existen moitos lugares adicados única e exclusivamente a residencia de estudiantes; como é o caso de Delphi, un complexo de edificios numerados con letras dende o A ata o Z e lugar da festa de hoxe.

Polo simple feito de chegar antes do previsto fun invitado ó“tour de chambre”, unha tradición previa á festa propiamente dita e exclusiva para os habitantes do corridor, que consiste en que tódolos membros dese corridor van bebendo de habitación en habitación e no que o dono da mesma ten que preparar algo típico do seu país para os invitados. Cando eu cheguei, era o turno na habitación de Gerardo, o rapaz cordobés que me invitara á festa. Entrei e puiden ve-la sangría enriba da mesa ó tempo que sonaba de fondo a canción“Que viva España” de Manolo Escobar. Por que!!?? Vaia recibimento, pensei para os meus adentros.

-“This is typical spanish isn’t it?” preguntáronme.

-“Kinda”  respondín sen moito interés.

Traguei o meu orgullo e deixei unha resposta aberta que evitou unha polémica que, por outra parte, me gustaría ter tido.

-“I will wait outside until this song is over” bromeei.

Sentei na cama e puiden intuir polo estado dos membros do corridor que esta non era a primeira habitación que visitaban. Aquí as festas non empezan ata que a xente bebeu o suficiente, momento no cal comezan a deshinibirse e mostran todo o seu encanto, escondido durante a semana e ceibo os venres e sábados á noite.

Teño que dicir que isto de estar en terras extrañas é máis duro do que un prevé. Un sempre se sinte no lugar equivocado, un extraño que podería desaparecer en calquera momento sen que ninguén se dera conta. Sen embargo, esa etapa xa pasou. Agora mesmo síntome un máis do grupo onde estou e con confianza abondo para estreitar novos lazos se a situación o require.

Seguinte canción: flamenco. De Guatemala a Guatepeor. Bromeei con Gerardo en inglés para que tódolos presentes na habitación escoitaran e entenderan: “Come on man... Don’t make them think that all music is like this in Spain...” . Mentres pronunciaba estas palabras, collín o móbil na man e finxín unha chamada para evitar preguntas impertinentes que seguramente desembocarían nunha discusión político-nacionalista: non era lugar nin o momento. Saín e agardei ó cambio de habitación esperando outro ambiente máis acolledor para poder continua-la festa.

Seguinte e última habitación: a dunha rapaza sueca que tiña tamén “menú” preparado para todos nós e especialmente para min. O cambio de estancia deu comezo a un literal acoso cara a miña persoa por parte dunha muller na súa propia habitación baixo a atenta mirada atónita dos alí presentes. Xa dende que chegara a vira moi interesada en falar comigo e coñecerme, pero iso de “xogar na casa” debeuna reconfortar e saíu ó ataque, cunha táctica claramente ofensiva na que non había lugar para o odiado, arquicoñecido pero ás veces efectivo catenaccio. Tamén din no argot futbolístico que o que falla e perdoa acaba perdendo, e iso foi o que lle pasou a ela tras múltiples tiros á meta contraria ben atallados polo gardarredes visitante. Aínda así, cabe salienta-las gañas, garra e saber estar do equipo local, que o tentou ata o minuto 90 de partido.

A festa trasladouse despois do “tour de chambre” e coincidindo coa chegada dos invitados, á cociña. Os invitados chegaban a poucos e incluso moitos deles eran xente que entraba ó escoita-la música dende fóra sen estar personalmente citados ó evento. Esta "táctica intrusista" é perfectamente válida e non reprochada por ninguén en Lund, pois todo o mundo a pode facer. 

Alí na cociña,  un ordenador con potentes altofalantes marcaba o ritmo do baile. Mesas a modo de tarimas, sofás convertidos en “picadeiros”, culleres que servían como micrófono, etc. Todo era válido con tal de que a festa non decaese; e así continuou ata altas horas da madrugada sueca (3 e media da mañá).

Así foi a miña primeira festa nun corridor que, por suposto, non será nin a última nin a mellor...

domingo, 18 de octubre de 2009

Lund

Dispóñome agora a escribir unha entrada que, sendo lóxicos e consecuentes, debería ter sido escrita ó comezo do blog. Porén, tampouco está mal escribila unha vez que se coñece un pouco máis a cidade para falar con coñecemento de causa. Aquí vos deixo resumido e a modo de presentación, uns datos sobre a miña nova cidade que espero que vos sexan de utilidade e interese para coñecer un pouco máis un sitio que, sen dúbida, merece a pena visitar.

Lund é unha das cidades máis antigas de Suecia. Cidade principal do município homónimo, está localizada na sureña provincia de Escania (en sueco Skåne), e dentro da rexión de Öresund. A cidade, con máis de 1000 anos de historia, é un importante centro industrial, científico e educativo, gracias á Universidade de Lund e ó parque científico Ideon. Debido a isto, recibe o nome de cidade das ideas.

Crese que foi fundada arredor do ano 990, cando as terras da rexión de Skåne pertencían a Dinamarca. Pronto se volveu o centro cristiano do norte de Europa gracias á súa catedral construída no ano 1103 e situada no actual centro histórico da vila.

Está ubicada a 15 km ó norleste de Malmö –terceira cidade máis grande de Suecia despois de Estocolmo e Gotemburgo-, e a 35-40 minutos en tren da capital danesa Copenague. Exténdese sobre unha área de 32 km2 e alberga unha poboación que supera os 78.000 habitantes.

De clima costeiro, atópase entre os 10 e os 80 metros sobre o nivel do mar. A precipitación mensual promedio é de 55 mm e a anual de 655mm. Os veráns son cálidos cunha temperatura media de 22ºC e temperaturas mínimas de 14ºC, mentres que os invernos son fríos, con temperaturas medias que oscilan entre os -3ºC e os 0ºC, aínda que a sensación térmica é moito menor debido ó forte e habitual vento.

A Universidade de Lund, fundada en 1666, é a universidade máis grande de Suecia e conta cun total de 42.000 estudiantes. Na década dos anos 40, a cidade era relativamente pequena con pouca industria a pequena escala, cubrindo aproximadamente só a cuarta parte da área urbana dominada maioritariamente pola catedral e a universidade. Dende aquela, a poboación estudiantil aumentou 12 veces e moitas máis industrias como Sony-Ericsson, Tetra-Pak, Alfa Laval ... asentaron as súas sedes na cidade, polo que tanto a arquitectura como a poboación e o ambiente cambiaron radicalmente.

É unha cidade feita por e para estudiantes, e iso nótase no ambiente reinante na mesma. Rúas ateigadas de xente nova que percorren día tras día, coma se de formigas se tratasen, as medievais vías públicas da vila dun lado para outro.

A vida estudiantil céntrase e xira arredor das Nations, que se poderían definir como unha mestura entre unha asociación de estudiantes e un clube social; unha maneira única e irrepetible de vivi-la etapa universitaria en Lund, así como tamén unha ferramenta máis de socialización. Estas Nations, que contan con locais sociais propios, serven comida, organizan actividades deportivas, e sobre todo festas (tódolos días hai festa nalgunha das 13 Nations). Todo estudiante ten a obriga de anotarse nunha. Deste xeito, unha vez obtido o carné dunha determinada Nation, pódese acceder a calquera outra ou incluso participar nas súas actividades. Se non se ten o devandito carné ou no seu defecto unha tarxeta universitaria do país de procedencia se non es un estudiante de Lund -xunto cunha guest pass válida para unha semana-, non se poderá entrar a ningunha festa, quedando reducidas as opcións de saída soamente ás festas nos Corridors (residencia de estudiantes) ou ós poucos locais propios da cidade. Sexa o día que sexa, pódese saír de festa tódolos días sen máis que dar un paseo por algún complexo residencial de estudiantes e entrar onde escoites música sen nin sequera ter por qué coñecer a ninguén. Única esixencia: leva-la túa propia bebida. O resto está feito.

Chegados a este punto é onde teño que poñerlle o único “pero” a esta cidade: realmente é difícil relacionarse con xente que non sexa estudiante. Vivimos nunha “burbulla” que non nos deixa ver moitas veces realmente a vida sueca “de a pé”. De todas formas, o querer é poder...

Ata aquí unha breve descrición de Lund. Espero tervos presentado un pouco esta fermosa cidade á que estades, por suposto, máis que invitados.

domingo, 11 de octubre de 2009

Sittning at Väsgötta Nation


Moi probablemente neste preciso instante e tras le-lo título desta entrada vos esteades preguntando qué é un Sittning. Iso mesmo foi o que me pasou a min cando fun preguntado pola miña asistencia a tal evento. De tódolos xeitos, teño que confesar que confirmei a miña futura presencia sen saber moi ben do que se trataba. Polo visto, era un motivo de reunión onde poder coñecer nova xente, polo que non vin inconvinte ningún en asistir. Tras pesquisas a posteriori, aquí vos deixo unha pequena descrición do que vén sendo:

Sittning is a tradition that best summarizes Lund's student life. Something everybody should experience in Sweden. Singing, drinking and having a good time

Pois iso é un Sittning: unha cea das de toda a vida pero ó estilo sueco. Normalmente e segundo puiden escoitar, sempre hai un tema para que tódolos invitados poidan libera-la súa imaxinación. Neste caso, o tema era tan amplo como apetecible:

We have decided the theme and it's called BAD TASTE; so get your ugliest clothes (or come without any, would say that shows some bad taste too... though I can't promise they let naked people in at Väsgötta Nation). Wear whatever you want as it shows some serious lack of taste.

Como bos suecos e seguindo a tradición, os organizadores planearon unha pre-party... ás 5 da tarde!

Pre-party at Anneli's appartment at 5pm. So come to Magistratsvägen 55S appt 202 (Delphi S-building second floor) wearing your ugliest outfit and hang out before we head down to VG's for good food, drinks and a lot of singing and dancing!. She has bought some snacks for us to warm up with, but bring your own alcohol/drinks.

Evidentemente… non fun. Son consciente de que xa non estou vivindo no meu país e que hai que adaptarse a esta nova forma de vida sueca, pero de ningún xeito vou a empezar unha festa ás 5 da tarde! Cheguei ás 6:30 xa cara o final da pre-party e antes do comezo do Sittning para vestirme acorde co evento. A verdade é que, debido ás poucas posibilidades que o meu armario ofrecía, non dubidei en deixarme aconsellar por algunha estilista feminina que se ofreceu voluntaria, polo que naturalmente acabei vestido de muller cun toque de mal gusto máis que evidente. Cando alí cheguei para someterme á sesión de travestimento, dinme conta de que non era o único individuo que alí se atopaba para disfrazarse. Caixas con roupa enriba da cama, zapatos ciscados polo chan… e todo isto acompañado de música a alto volume e algunha que outra bebida, facían daquela habitación unha escena digna dun mercado ambulante.Un Hitler maricón, unha Pipi calzaslargas estilo putón… todo o mundo podía atopar alí prendas ó seu gusto; aquelas caixas semellaban non ter fondo!

Busquei no medio da roupa cando Irina dixo: “Wait, wait Juan! I’ve got something perfect for you. You should definitely wear it. You will show your beautiful legs tonigh”. Dito e feito: vestín unha minisaia de volantes modelo cheerleader e un top de rombos, e enfundei unhas tetas desas que calquera de nós gostaría de ter entre as súas mans algún día. Estaba listo para a festa!

O camiño dende Delphi ata o lugar da cea non foi fácil. O frío que ía mesturado coas facianas asombradas da xente cando a miña saia se levantaba en cada pedalada non fixeron o camiño sinxelo. Pero non me importaba, hoxe era un día para pasalo ben.

A cea, baseada en saborosa comida típica sueca, pasouse entre cancións, amenas conversas cos compañeiros aleatorios que se nos foran asignados á entrada, e por suposto berros e tamén risas. Houbo un momento no que unha persoa encargada da organización tocou co seu garfo na súa copa solicitando a palabra. Todos calaron e comezou a falar. Ía proceder á entrega dos premios ós mellores disfraces ó mal gusto… Redobre de tambores e…

“Although the party is about bad taste and she is almost reaching the good taste because she’s really hot… The best woman costume’s prize is for… JUAN!”

O meu compañeiro masculino no podio foi un rapaz alemán que vestía un disfraz exótico de cowboy. Xuntos tivemos que bailar agarrados a canción que segue titulada Birth Control, que foi entonada por 90 persoas ó unísono (tratade de cantala co ritmo da canción dos Beatles “Yesterday”)

Birth control;

Is the only way to save my soul

Since I put it in my girlfriend’s hole,

I wish I had used birth control.

Sifilys,

It all started with a little kiss,

Now It hurts me when I try to piss,

Oh I believe, It’s sifilys

Why I had to cum I don’t know, she

Wouldn’t blow,

I stayed in too long,

No I long for birth control

Pregnancy, there’s a shotgun

hanging over me

It was unexpected pregnancy

Oh, I believe in birth control

Why, I had to cum I don’t know,

She woulnd’n blow

I satayed in too long

Now I know for birth control….HIV!


Como se dunha voda se tratase, fomos sometidos a unha sesión de flashes durante a cal non podiamos parar de rir un abrazado ó outro.

O devandito baile así como unha sesión de cancións típicas de cada país na que cada un de nós tivemos que cantar unha peza autóctona, deu por finalizado o Sittning co posterior traslado á discoteca anexa ó restaurante.

Miradas cravadas en tódolos comensales na nosa entrada debido ós disfraces, mans masculinas que ante a imposibilidade de agarrar algo así a miúdo se centraban nas miñas tetas, fotos outra vez, e moita pero que moita diversión. Así foi como se pasou a noite do meu primeiro Sittning en Suecia; algo diferente e divertido que espero poder volver a repetir pronto.

Postre para rematar a modo de despedida cara o final da noite. Noto un toque no lombo e escoito unha voz feminina que pregunta: “Are you trying to get late tonight? Because I am looking forward to sleep at your place”…

sábado, 3 de octubre de 2009

"Never have I ever..." : Malmö party


Presas habituais e volta á normalidade. A puntualidade do primeiro día de clase fora só unha casualidade ou un quizais máis ben un exceso de responsabilidade que non sei se se repetirá moi a miúdo. Saín da facultade apurado e tras unha visita fugaz ó supermercado Willy’s pasei pola casa para acicalarme. Ducheime e enfundei o traxe de luces nun abrir e pechar de ollos para dirixirme á estación na miña bicicleta como se dunha contrarreloxo se tratase e colle-lo tren das 19:10 con dirección a Malmö. A invitación recibida por parte de Annika a principios de semana fora irrexeitable: “We will have a pre-party in one of my girlfriend’s house and then we’ll go out. Wanna join us?”. Que podía dicir? “Of course I will! I would love to!”

...

Puiden ver ó lonxe pola venta do autobús a Annika antes de que éste parase xusto onde quedaramos de atoparnos. Alí estaba ela cuberta por unha chaqueta que servía ó mesmo tempo de minisaia. Resultado: primeiro envenenamento transitorio e por suposto non o último da noite. Fundímonos nunha aperta e dirixímonos cara a casa dunha das súas amigas mentres recordabamos entre risas o intercambio no que ela participara co meu colexio facía 6 anos. “Six years!? Oh my God, time goes by so fast...” Apuntou ela. E non lle faltaba razón; aínda parece que foi onte cando aquela bandada de rubias entrou polo patio da Salle adiante ante a mirada atónita de todos nós. Ela continuaba falando sen parar, pero a miña cabeza desconectaba por momentos e imaxinaba cousas...

Chegamos ó lugar en cuestión e petamos á porta. Recibiunos moi amablemente un matrimonio que, para a miña sorpresa, non falaba inglés (posteriormente enteraríame de que eran de orixe Macedonio). O seu sorriso delataba hospitalidade e complicidade, polo que non dubidei en devolverllo. Parco en palabras, tratei de explicar no meu básico sueco o contento e agradecido que estaba de poder estar na súa casa.

Quitámo-los zapatos e acompañados por Anastasia (amiga de Annika e filla do citado matrimonio) dirixímonos á parte de atrás da vivenda onde xa estaba todo preparado: mesa, pinchos, música... todo excepto bebida; xa que en Suecia sempre que se vai a unha festa cada un leva a súa bebida.

Xa coas presentacións formais realizadas sentámonos á mesa mentres esperabamos pola chegada dos outros. Fun sometido a unha batería de preguntas na que por suposto non faltou a arquirrepetida pregunta que me fan case tódalas persoas coas que falo: “Why do you come to Sweden? Spain is really nice and you have a great weather over there!”. Tentei explicarlles que España non todo é bo tempo e festas, aínda que puiden ver na súa cara que non as convencera.

Os invitados chegaban a poucos ata que finalmente nos xuntamos todos: seis mulleres e dous homes (contando comigo). Non podía pedir máis; bo ambiente e mellor compañía.

Como se do comezo das rebaixas se tratase, abalanzáronse todos cara o frigorífico a coller cadansúas pertenzas e comezaron a beber e a comer sentados ó redor da mesa cunha agradable música de fondo e unha amena conversación en inglés para que eu tamén puidese intervir.

Eu non era capaz de saír do meu asombro; ó outro lado da porta de cristal que delimitaba a estancia na que nos atopabamos estaban os donos da casa e pais de Anastasia vendo a televisión e asistindo ó mesmo tempo como espectadores de luxo a un botellón estilo sueco. Miraba de esguello de vez en cando para o cristal, pero a naturalidade coa que estaban acontecendo as cousas indicábame que non era a primeira vez que asistían a tal evento.

 ...

Punto álxido da festa e tempo para o “Never have I ever”, ou o que é o mesmo; a versión inglesa do “Yo nunca he...”. Como se dun tormenta de ideas se tratase, milleiros de preguntas comezáronme a vir á cabeza. Tras unhas primeiras rondas mansiñas que serviron como entremés, comecei a subi-lo listón. Era realmente a miña oportunidade para contrastar estatísticas e comprobar tópicos. “Como quen non quere a cousa” atrevinme a preguntar: “Never have I ever made a threesome”. Sorpresa! Entre gargalladas e miradas cruzadas puiden comprobar que das sete persoas que tiñan que responder, seis fixérono de forma afirmativa. Qué podo dicir...

Outras rondas e atrévome a preguntar de novo: “Not counting the threesome before mentioned...Never have I ever had an experience with a person from same gender”. Tres de seis respostas afirmativas. “Not bad my friend, not bad”

Fin do xogo e polo tanto da pre-party. Chamada ós taxis e dirixímonos ó centro de Malmö. Destino: discoteca Étage. Na porta da mesma, un detector de metais digno do aeroporto máis seguro. Quito o cinto e as cousas metálicas que levaba no peto e cruzo o escáner, pero a pesares de non salta-la alarma cachéanme. “It’s OK, you can get in”.

Miradas clavadas en min. Un séntese ben ó se-lo diferente da discoteca: o máis moreno, un dos máis baixos, e por suposto o que máis miraba para tódolos lados. Aquel rabaño de rubias era incrible! Bailes, charlas, etc etc. Así pasou a miña primeira noite de festa en Suecia.

E recordade...”What happens in Sweden stays in Sweden”