

Cambirei os aloumiños e a calor dos pais, tan botado en falta durante estes últimos meses, pola calor do verán australiano e o deses amigos tamén extrañados durante todo este tempo; cambiarei as luvas polas chancletas, os xerseis de lá polas camisetas de tiras e a “barra de cacao” polo protector solar. É que por primeira vez na miña vida experimentarei o Summer Christmas!
Aínda que á miña amiga Morriña lle gustaría ter retornado á terriña, a verdade é que a oportunidade que brinda ter un amigo nas antípodas non se podía deixar escapar así que... there we go!
Aquí está, pois, o planning resumido da viaxe que temos preparada:
Voo Madrid – Sydney (escala en Seoul –Korea-). Duración: 28 horas
Visitaremos Sydney, capital do Estado de New South Wales
Desprazamento en avión a Melbourne, segunda cidade de Australia con case 4 millóns de habitantes, centro cultural e deportivo do país. Visita pola vila.
Voo cara Lauceston. A segunda cidade de Tasmania será o punto de partida para a nosa viaxe. Unha parada nunha tenda de outdoor para mercar unha tenda de campaña e listos para descubri-la encantadora e orixinal illa de Tasmania pola nosa conta.
Ó final do noso camiño norte-sur chegaremos a Hobart, principal cidade de Tasmania e segunda máis antiga de Australia, que se atopa ó sur da illa. O día de nadal é o elixido para disfrutar desta vila, para máis tarde poñer rumbo a Adelaida (no Estado de Australia do Sur).
Chegada e tempo para pasear relaxadamente por Adelaide, un destino que ofrece como interesante todo aquilo que ten ó redor, mais non a cidade en si mesma. Porén é un exemplo significativo do modelo de organización de cidade australiana.
Ó día seguinte collémo-lo tour de Adventure Tour ás 6 da mañá. Visitaremos Kangaroo Island, The Grampians, Great Ocean Road…
Fin de ano na icónica cidade australiana, podendo vivir en primeira persoa a mítica imaxe de tódolos telexornais no véspera de aninovo. “En Australia xa é (un ano máis)”. Tempo para o relax o ocio, e gozar dunha experiencia única na vida.
Achegarémonos ata Brisbane, terceira do país con 1,6 millóns de habitantes, para poder vela dando un paseo no seu CityCat, sistema de transporte en Catamarán que bordea a cidade navegando polo río que lle dá nome.
Despois colleremos dirección de Hervey Bay, 4 horas de camiño para facernos unha idea do Estado de Queensland. Ás 15h teremos que estar en Hervey Bay, no Bar Koala, para asistir ó briefing, ou charla explicativa, do Koala Self-Drive. Contarannos qué ver e cómo facer, ademais de darnos todo o que precisamos: asignaranos un 4x4 e mailo material de cociña e supervivencia necesario. A aventura comeza. A partir dese momento poderemos dirixirnos por exemplo ós lagos interiores nos que un se pode bañar vendo quenllas no océano. Non estará de máis conducir un pouco pola praia de 75 millas ou baña-los pés no Océano Pacífico. Non creo que sexa boa idea o corpo enteiro, por se os… tiburóns… Tres días e dúas noites para vivi-la nosa adventura en Fraser Island, un paraíso terreal, a maior illa de area do mundo.
Últimos intres para disfrutar de Sydney e volta o día 7 para España, nun voo que durará aproximadamente 43 horas (contando escalas) e no que faremos noite en Seoul (aproveitaremos tamén para visita-la capital surcoreana).
-Today we have a new engineer in the Max-IV group. Please Juan introduce yourself.
Enxeñeiro? Quen? Eu? Si hó... Se cho conto choras... pensei para min.
Esta semana pasada foi algo máis axetreada do normal; sen dúbida a de máis agobio dende que a estas frías terras –non tanto como esperaba- cheguei. O mércores ás 10 da mañá subín, coma tódolos días, ó fika ou hora do café. Servinme o meu café au lait con 4 azucres e sentei en fronte á ampla mesa para disporme a preparar dúas torradas de manteiga, marmelada de pexego e queixo. De súpeto, o ritual matutino veuse interrompido pola voz do meu titor que, “coma quen non quere a cousa” dixo:
-By the way Juan and Peter! This friday at 13hours we’ve a meeting with the people from Max-IV. You now are in the group and you should make a presentation of what you’ve done so far.
Ostiá! Menos mas que avisas con tempo cabrón...
Din que “home previsor vale por dous” e eu, espelido de min, xa adiantara unha parte do proxecto antes de que el mo ordenase, polo que o aviso non me collera tan “en bragas” como a priori podía pensar. O resto da semana pasouse entre Power Points, longas esperas (ó super-computador lévalle sobre 70-80 horas facer un cálculo simplificado do asunto en cuestión), amplas xornadas de traballo, e algún que outro agobio. Sexa como for, ó final a presentación non saíu tan mal.
---
Cheguei puntual e pasei para a sala de xuntas. Alí, os sitios xa distribuidos mediante unha cartolina co nome de cada un de nós e unha botella de auga en fronte “falaban” da seriedade do asunto. Cando o reloxo deu a unha en punto, xa todo estaba preparado para comezar; porque como din aquí: “os 5 minutos de cortesía son unha descortesía para os que chegan a tempo”.
A un lado da mesa, catro profesores do “meu” departamento, eu e Peter -un rapaz sueco quen, coma min, ten asignado no seu proxecto o cálculo dunha parte do Max-IV-. Ó outro lado, a xente responsable do complexo que, segundo puiden extraer das súas intervencións eran dous físicos, un arquitecto e un enxeñeiro.
Seguindo a orde do día, comezouse a falar (en inglés por suposto, para que a profesora suíza e máis eu entendesemos) das medidas das vibracións no futuro entorno do laboratorio. Segundo comentaban os profesores, os datos recompilados pola empresa noreguesa contratada polos responsables do Max-IV non eran fiables, pois estaban tomadas durante só unha semana dende as 10 da mañá ás 4 da tarde, evitando así as medidas das ondas producidas polo tráfico existente durante a rush hour (hora punta). Tras unha “discusión” livá ó estilo sueco, sen por suposto ningunha palabra máis alta ca outra, chegouse á conclusión de que a universidade non tomaría risco nin responsabilidade algunha con eses datos; polo que contratarán a outra empresa para volver a realiza-las medidas de novo.
Namentres a reunión avanzaba coa orde do día da man, Peter máis eu pareciamos ás veces xuíces de silla nun partido de tenis, ollando dun lado cara outro asistindo como espectadores de luxo a aquel brainstorming de eruditos. Sinceramente, abofé que se aprende moito nun lugar así.
Cambio de tercio e turno para os “pipiolos”. Coa axuda dos titores, fomos capaces de explicarlle ós que alí en fronte se atopaban os nosos primeiros cálculos e cara ónde ían encamiñados. Nervios mesturados con ilusión e relativo medo, xa non só á presentación senón ó proxecto en si; levaron ó final a un resultado, ó xulgar polos ánimos da xente, máis ca satisfactorio.
Tras 2 horas e media de reunión; tempo para pecha-la sesión e para poñe-la data da seguinte reunión.
-What about middle January?
-Sorry! Off to Australia during Christmas; coming back on January 12th -dixen en voz firme-
-Alright, no prob! let’s meet then in the beginning of February so you can have more time to work and present something new in the next meeting.
Pois parece ser que non só teño o obligatorio e obvio compromiso co meu titor de proxecto na facultade, senón que tamén lle teño que ir expoñendo periódicamente os meus “progresos” ós responsables de turno, polo que o agobio será se cabe maior...
Max-lab é un laboratorio nacional sueco coordinado conxuntamente polo goberno do país e a Universidade de Lund. Hoxe en día, o proxecto Max conta con 3 instalacións: Max-I, Max-II, Max-III e un pre-acelerador de partículas chamado Max-Injector.
Para levar a cabo unha mellora na investigación no campo da ciencia de materiais (nanotecnoloxía, etc) precísase dun novo complexo 100 veces máis eficiente cás instalacións xa existentes. Max-IV será, polo tanto, a seguinte xeración dos Max-Lab suecos.
Este complexo será construido gracias a unha subvención que a Unión Europea concedeu a Lund (arrebatándolle tal premio a Bilbao) o ano pasado, e prevese que as instalacións estean funcionando no ano 2015. Os cálculos do complexo levaraos a cabo a Universidade de Lund.
Max-IV consistirá básicamente nun acelerador circular de partículas de aproximadamente 200 metros de diámetro e nun túnel subterráneo (Linac) de 385 metros de lonxitude. Para describilo dunha maneira sinxela, poderíamos dicir que Max-IV será un microscopio xigante en 3D.
Obxectivo
No meu proxecto de fin de carreira (Master Thesis) analizarei os niveis de vibración que soportará o Linac. Debido á natureza das actividades que se levarán no interior do túnel subterráneo, esixiráselle ó mesmo unhas moi estrictas condicións técnicas para levar a cabo no seu interior as investigacións pertinentes. Así, só vibracións moi pequenas (da orde de nanómetros) serán permitidas.
É obvio que os elementos circundantes terán unha moi grande influencia no comportamento do túnel. Próximo e el está situada a autovía E22 en dirección a Göteborg, que por suposto propagará cara o túnel vibracións de diferencias frecuecias dependendo da densidade do tráfico. Do mesmo xeito, tamén se construirá unha ponte para a circulación de autobuses por enriba do Linac que tamén perturbará o comportamento do mesmo.
O obxectivo principal do meu proxecto será, polo tanto, analiza-la influencia das fontes de vibracións próximas ó túnel subterráneo do Max-IV mediante o método de elementos finitos. Para conseguir este propósito, será necesario manexar moitas hipóteses (de cargas, materiais, etc.) para cercionarse de que se cumplen as condicións técnicas que se lle esixen á estructura en tódolos casos. Se nalgún caso non se cumplisen, tamén haberá que aportar posibles solucións para que así o sexa.