Sesión rápida de apertas e lume a fume de carozo cara o tren para non ter que esperar polo seguinte. Unha hora de retraso que abofé merecera a pena. Mamma och pappa xa estaban aquí! E non chegaran sós, non. O ruido das maletas ó tempo que rodaban polo chan delataba que meu pai traía as ferramentas con el: "a ver se che arranxo dunha vez os freos da bicicleta que levas medio ano sen eles. Ata que petes unha ostia non has de espabilar". Como vedes as cousas aínda non cambiaron tanto...
Foron 6 días de "turisteo" por Copenague, Malmö, Lund e Göteborg, nos que ademais de visita-las cidades, puidemos recuperar dun xeito ou outro parte do tempo que este ano non pasaramos xuntos. Xa esquecera a sensación de espertarse e te-lo almorzo preparado enriba da mesa, a de ir a algún sitio e non ter nin que mete-la man no peto para saca-la carteira, a de deitarse no sofá e que mamá faga cóxegas, a de atopa-la roupa xa dentro do armario e co ferro pasado, etc. Vamos... que esta semana volvín a se-la inutilidade en persoa! A xulgar polos comentarios, creo que quedaron encantados coa viaxe e co guía, un servidor, que fixo o que boamente puido.
Sensación extraña tamén a de ver a meus pais totalmente indefensos debido ó descoñecemento do idioma. Querer e non poder. Acostumando a que a maior parte das veces sexan eles os que saquen as castañas do lume, desta volta foron eles os que dependeron totalmente de min para todo. Vo-los dous, a poñerse co inglés xa!
Por suposto que non faltaron tampouco os comentarios técnicos e por outra banda esperados de meu pai: "aquí non hai un só taboleiro contrachapado, é todo fimapán". E tamén como é normal sobre as féminas: "carallo coa taberneira... aínda lle hei tomar 2 ou 3 cafés máis", "vir aquí con muller é como ir á Rioxa e leva-lo viño da casa"... De tódolos xeitos, teño que dicir que a concentración de rubias non era tan copiosa como habitualmente debido ó elevado número de turistas e a que moita xente sueca marchou de vacacións durante estas datas.
Hoxe hai un par de horas, as mesmas apertas que unha semana atrás me trouxeran a meus pais ata Suecia, devolvéronme agora á realidade a pé de andén. Desta volta, só ata dentro dun par de meses, que son os que quedan para voltar á casa... Grazas pola visita!
Se te hizo corta la semana eh juanzi?
ResponderEliminarEstá muy bien lo de volver a ser un niño ...aunque sea por unos dias nada mas!
Que orgulloso de papá y mamá se te ve en las fotos!
Ya no queda nada para que vuelvas tu :)
Qué envidia me das pero sana eh!
ResponderEliminarMe alegro de que todo fuera fenomenal :-)
Que grandes os comentarios do señor Negreira.
ResponderEliminarAlégrome de que desfrutaran contigo, só falto eu por visitarte!