viernes, 12 de marzo de 2010

Terapia de grupo


Chega a primavera e con ela as primeiras raiolas de sol. A neve resístese a abandona-los prados sobre os que descansou dende hai máis de 4 meses, mais resulta pouco menos que imposible. Lentamente escorrega polas estradas abaixo deixando ó descuberto a verde pero por agora aínda queimada herba, facendo a conducción na miña bicicleta sen freos nada sinxela. E os días medran...

Aínda que o estoupido climático primaveral non chegou ó seu cumio nin moito menos (aínda vai un frío de carallo...), o humor e o carácter da xente tornou se cabe xa un pouquiño máis "mediterráneo". E abofé que se dá un de conta. Ten que notarse, xa que son xente que pasa todo ano esperando a chegada do bo tempo. Aínda así, non me cansarei de repetir que se queixan de vicio (polo menos aquí no sur de Suecia). Habíaos de ver eu en Galicia durante o inverno chovendo un mes seguido. Aquí vai frío si, moito! pero con abrigarse abonda porque case non chove (e se chove chispea). Definitivamente, o clima de aquí é mellor có de alá.

Non sei se foi cousa da famosa astenia primaveral ou simplemente coincidencia, pero esta última semana tanto eu como os meus achegados na facultade racaneamos abondo. Aproveitando a coxuntura do longo tempo de cálculo que o meu proxecto ten, a semana podería resumirse en emocionantes competicións de Angrybirds no iPhone que David mercou hai unha semana, interesantes parolas, comidas e longas sobremesas no que demos a chamar a "group therapy week". Por suposto tamén houbo momentos serios para reunións e traballo (non todo é esperar), pero menos que do normal. A sensación sentirse parte dun grupo de suecos sendo o único estranxeiro é indescriptible. Levou tempo pero mereceu a pena.

E escribo esta entrada agora mesmo dende o despacho un venres tarde mentres pola ventá vexo como acaba de comezar a nevar (estame ben por falar!). David, ó meu lado, segue xogando por suposto ó iPhone tratando de bati-lo récord que Mikael actualmente posúe. Agora iremos tomar algo e cear por aí para relaxar un pouco e seguir con esta terapia de grupo.

Aquí deixo unha mostra das marabillas que se poden facer con certas aplicacións do iPhone (por orde e de enriba cara abaixo: eu, David, Peter, Mikael e Andreas).

Trevlig helg! (boa fin de semana)





4 comentarios:

  1. Non vai ser todo traballar animal. Agora, o do tempo machiño...ti moito dirás de min no asunto de autoconvecerse...pero o teu grao de autoconvencemento dicindo que o tempo de alá é mellor...tampouco é cativo. jaja. A pasalo ben!

    ResponderEliminar
  2. A ver, xa cho expliquei algunha vez. Se queres facer triatlón a alto nivel, pois sen dúbida é mellor o clima de alá, porque aquí se saes a correr no inverno cada vez que respiras é peor ca levar unha puñalada no peito. Mais para unha persoa normal que quere dar un paseo e non mollarse pois probablemente sexa mellor este clima (polo menos o deste inverno que é o que me tocou vivir a min aquí).

    ResponderEliminar
  3. Bueno bueno,xa estades tirando por fóra. Como vas a comparar o clima sueco co aussie? Aí Alberto ten as de gañar.Moito amor por esta terra Juanzinho,ímonos celar. jeje

    ResponderEliminar
  4. Non non! Estouno a comparar co galego, non co aussie (faltaría máis... jaja). Unha aperta Antonciño! Falamos!

    ResponderEliminar