domingo, 9 de mayo de 2010

Jämställdhet: Igualdade entre sexos


Suecia considérase como un dos países punteiros no que á igualdade de sexos se refire. Hai unha proporción máis ou menos igual de mulleres e de homes nos cargos públicos, e a poboación activa de mulleres supera o 79%, unha das máis altas do mundo (datos do instituto sueco de emprego; ano 2007). Por outra banda, a taxa de natalidade é unha das máis altas de Europa. Gracias á súa seguridade social, tanto homes como mulleres poden conxugar facilmente a vida laboral coa familiar. Jämställdhet é o termo que utilizan os suecos para definir esta igualdade entre sexos.

A modo de apuntamento, dicir que o permiso de maternidade son 480 días (16 meses) a repartir de xeito obrigatorio entre o pai e a nai (por lei, a nai ten que colle-los 60 primeiros días e o pai os 60 seguintes, quedando o resto do tempo para repartir segundo eles consideren). Durante este tempo, a persoa que está na casa co fillo recibe o 80% do seu soldo, e se nunca traballou antes, o goberno axúdao con 400€ ó mes. Se despois destes 480 días, algún dos pais decidise deixar de traballar, o Estado proporciónaríalle unha paga mensual de 300€.

Se a parella reparte este tempo de permiso ó 50% (8 meses a nai e 8 o pai), estes reciben unha bonificación por parte do Estado por promove-la igualdade entre sexos. No caso de ter xemelgos, o permiso multiplícaríase por dous: 32 meses a repartir entre pai e nai ou ben 16 para os dous ó mesmo tempo. Os proxenitores poderán reducir, por lei e se así o desexan, a súa xornada laboral ata o 75%, ata que os fillos teñen 8 anos. Ademais, reciben unha paga de aproximadamente 150€ ó mes por fillo ata que este ten 18 anos.

Como curiosidade, unha foto que atopei por internet, dun baño no aeroporto de Arlanda (Estocolmo), onde se pode intuir esta igualdade entre sexos que estou tratando de transmitir. Como podedes ver, os pais en Suecia tamén saben cambiar cueiros...

O obxectivo desta política de igualdade sueca é que tanto as mulleres coma os homes teñan iguais facultades para compaxina-lo traballo e a vida. Para elo, existen diferentes institucións ou órganos para asegurar que ámbolos dous sexos teñen iguais posibilidades, dereitos e obrigacións. Así, o Ministerio de Integración e Equidade, a Unidade de igualdade de oportunidades, os especialistas en igualdade dentro de cada goberno civil, etc. velan por que estas premisas se cumpran.

Dende a miña experiencia persoal, comentar que si que se aprecia unha conciencia feminista moi callada dentro da sociedade, incluso ás veces un chisco excesiva...

1 comentario:

  1. Wow!
    Gústame esa concepción de que un fillo é cousa de dous e non só das mulleres! :)

    ResponderEliminar