domingo, 25 de abril de 2010

Systembolaget


Continuando coa liña iniciada na anterior entrada, dispóñome a seguir contando algún que outro detalle propio e/ou típico da cultura sueca. Desta volta: o Systembolaget.

Systembolaget é o monopolio das tendas de licores en Suecia. Son os únicos establecementos autorizados para vender ó por menor bebidas alcólicas cunha porcentaxe do mesmo superior ó 3.5%. Segundo apuntan na súa páxina web: the Systembolaget exists for one reason: to minimize alcohol-related problems by selling alcohol in a responsible way, without profit motive.

A orixe do Systembolaget data do ano 1850. Aparentemente e antes desa época, a destilación do alcol propio na maioría dos fogares suecos era unha tónica constante, co problema de alcolismo que iso conlevaba entre a poboación. Debido a este inxente consumo de alcol, o goberno decidiu comezar a regula-lo seu consumo, prohibindo esta destilación doméstica e permitindo só a súa venda en determinados puntos autorizados. Así, no ano 1870, xa había unha cadea de tendas estendida por todo o país, nas que tódolos beneficios obtidos ían parar ós petos do goberno. E así continuou ata hoxe.

O SystemBolaget réxese, entre outras, polas seguintes normas ou reglamentacións:
  • tódalas bebidas e mesmo latas de cervexa véndense de forma individual, polo que non se poderán mercar packs nin caixas das mesmas.
  • está prohibido calquera tipo de promoción, venta ou desconto (tipo 2x1, etc) en tódalas bebidas alí presentes.
  • ningún producto deberá estar desfavorecido. Así, ou tódalas bebidas están refrixeradas ou ningunha o estará (normalmente é a segunda a opción que prevalece).
  • os impostos que se aplican a cada bebida fanse, dende o ano 1950, de maneira progresiva. Así, canto máis alcol, máis impostos hai que pagar (unha botella de alta graduación pode custa-lo dobre que en España)
  • deberás ter máis de 20 anos para realizar calquera tipo de compra.
No seu interior lucen practicamente coma un supermercado normal. De feito, ó entrar mesmo podes colle-lo teu carro ou cesto. A única diferencia é que dentro só hai botellas, tetrabricks e latas de bebidas alcólicas. O horario de apertura é de 10 a 18 durante os días de semana, e de 10 a 15 os sábados. Os domingos, todos están pechados.

Así que se estás pensando en cociñar uns chourizos ó viño o domingo para sorprender ós teus comensais, máis che vale telo planexado cun par de días de antelación e ter comprado o viño no Systembolaget, pois no supermercado máis próximo de seguro que non o atoparás...

martes, 20 de abril de 2010

Stå i kö


Suecia é un país moi organizado. Esa é a imaxe que exportan e a que un foráneo coma min percibe aquí a diario. Todo está perfectamente organizado e teñen leis para tódalas cousas. Moitas delas nin sequera cómpren ser escritas oficialmente, pois aínda non existindo tecnicamente, a xente ségueas dun xeito ata enfermizo por mottu propio. Isto fai, por suposto, a vida un chisco máis sinxela se cabe en moitas das situacións cotiás.

Unha das costumes máis estendidas e calladas na cultura sueca, e da que xa falei en anteriores entradas, é a súa cultura para poñerse á cola: stå i kö que din eles. Non o fixo ata agora nin nunca deixará de sorprenderme. Canto entras nunha tenda, biblioteca, clínica, discoteca, cando esperas polo autobús (incluso aínda chovendo)… todo o mundo garda a súa praza tranquilamente na cola ata que chega o seu momento. É máis, nalgúns establecementos a cola que se forma non é para ser atendidos senón que é para coller un número nunha máquina chamada nummerlapp que che da dereito a facer cola para ser atendido posteriormente. Por suposto que Suecia non é o único país que usa este tipo de sistema (sen ir máis lonxe nós por exemplo témolo), mais estou seguro de que eles elevaron esta costume é enésima potencia converténdoa mesmo nunha arte.

Parecerá mentira o que aquí vou escribir, mais crédeme por favor que non o é, pois xa me ten pasado máis dunha vez. Imaxinade un establecemento completamente baleiro. Non sería raro que non sexas atendido ata que sáque-lo correspondente número e llo presentes ó empregado de turno. Este permanecerá coa cabeza abaixada ata que así o fagas, incluso sabendo que ti es o único cliente alí dentro presente e que trataches de interacionar con el previamente sen éxito. Curioso canto menos, non? E si… con perdón toca os collóns un pouquiño ás veces!

Entón nese punto entendes todo. A xente coma min con certas tendencias bárbaras de colarse e trampear debería optar pola opción de "foderse e esperar", mesmo sendo ó aire libre e a -5 graos, se queres evitar reprimendas escandinavas. Iso si... todo o dito anteriormente é válido só e cando o estado do sueco é sobrio, mais non funciona exactamente igual se está bébedo, cando os instintos animais dominan. Porque como saberedes, a cabra tira ó monte...

domingo, 18 de abril de 2010

Landskrona & Illa de Ven


Aproveitando a segunda visita da irmá de Albert, decidimos organizar unha excursión dun día para coñecer algo máis de Skåne. Importante detalle o da segunda visita, pois significou non ter que repetir por enésima vez os mesmos sitios ós que se levan a tódalas visitas durante súa primeira estancia aquí (Malmö, Copenague, Lund, Göteborg, Helsinborg e Helsingor). Os lugares escollidos: Landskrona e a illa de Ven.

A verdade é que Landskrona non ten, para o meu gusto, nada especial que ver, mais si a illa de Ven. Armados de candansúa bicicleta, percorrémo-las verdes paisaxes ó longo de todo o día. Natureza en estado puro que recordaba por momentos á terriña. Aquí quedan algunhas instantáneas:

miércoles, 14 de abril de 2010

Loito polaco


Todo estaba preparado. Coa sensación do deber feito tras entrega-lo primeiro borrador do proxecto, partía a expedición desta volta cada Gdansk. O obxetivo era nesta ocasión que os meus ollos deran crédito ó que o meu entendemento nin sequera puidera imaxinar cando André dixo que "dos primeiros 20 días que estiven en Polonia saín 19, e a media por semana agora mesmo ronda os 4 días de festa".

Trala nosa chegada o venres e unha noite relaxada reservando forzas para o sábado, o espertador tocou á mañá seguinte unha melodía aínda máis noxenta do habitual. Nano abriu a porta da habitación berrando "acaba de morre-lo presidente de Polonia nun accidente de avión". Momentos de silencio e incredulidade que alguén (direi André por iso de apostar sobre seguro) rompeu dicindo: "foder! logo hoxe pola noite estará todo pechado". Por suposto aínda non eramos conscientes da magnitude do acontecido...

Dende ese preciso intre todo comezou a xirar, como é lóxico, en torno á traxedia: boletíns sobre o accidente nos telexornais, edicións especiais dos diarios gratuitos repartidos pola rúa, programas especiais en tódolos canais... O país estaba totalmente desfeito, e iso podíase percibir ó ve-la xente cabizbaixa camiñando tal autómatas cara as igrexas para pregar, como católicos declarados que son, polas almas dos falecidos.
A nosa viaxe acababa de dar un xiro de 180º trala declaración dunha semana de loito oficial. Atraidos polo morbo e logo de visitar Gdansk e Sopot, Albert mais eu desprazámonos a Varsovia. 6 horas e 33 minutos en tren para percorre-los 345 km que separan as dúas cidades. Incrible pero certo.

Bandeiras a media asta, fotos dos falecidos, coroas de flores, xente chorando, etc. As rúas semellaban ríos en tempos de enchenta onde a xente escorregaba polos meandros da zona vella da capital ata chegar á súa desembocadura en fronte ó Palacio Presidencial. Alí, fotos, velas e flores amoreábanse ó redor do valado recordando a memoria do presidente e da súa muller. Impactante, espeluznante... quédome sen palabras para describi-las imaxes que alí vin. Unha cousa é velo pola televisión e outra moi distinta estar alí no medio...

Agora mesmo mentres escribo, albisco pola ventá do tren que nos leva de volta a Gdansk, algún que outro símbolo de loito nalgunha aldea calquera espallada ó longo da estepa polaca. Así remata unha viaxe que abofé pasará á historia por motivos lamentablemente non moi agradables. Dende aquí transmiti-lo meu máis sentido pésame ó pobo polaco.
PD: Gracias a Nano, Janks e André pola súa hospitalidade. Véxovos en Suecia en 2 semanas! Foi bonito volver a ver a Andrade despois de tanto tempo e incluso poder compartir cama con el: "André, eu non durmo no colchón de aire eh? que esta cama é grande coma unha praza de touros e collémo-los dous". "Seino, ten habido grandes corridas aquí, sempre saíndo por suposto pola porta grande e con rabo e dúas orellas"

viernes, 9 de abril de 2010

Composteláns polo mundo


O xornal local Santiagosiete, na súa tirada semanal, publica este venres unha reportaxe sobre un mozo galego que anda polo norte de Europa...

Hai dúas semanas, o turno fora para outro amigo trotamundos dende Down Under.

lunes, 5 de abril de 2010

Pappa och mamma


Sesión rápida de apertas e lume a fume de carozo cara o tren para non ter que esperar polo seguinte. Unha hora de retraso que abofé merecera a pena. Mamma och pappa xa estaban aquí! E non chegaran sós, non. O ruido das maletas ó tempo que rodaban polo chan delataba que meu pai traía as ferramentas con el: "a ver se che arranxo dunha vez os freos da bicicleta que levas medio ano sen eles. Ata que petes unha ostia non has de espabilar". Como vedes as cousas aínda non cambiaron tanto...

Foron 6 días de "turisteo" por Copenague, Malmö, Lund e Göteborg, nos que ademais de visita-las cidades, puidemos recuperar dun xeito ou outro parte do tempo que este ano non pasaramos xuntos. Xa esquecera a sensación de espertarse e te-lo almorzo preparado enriba da mesa, a de ir a algún sitio e non ter nin que mete-la man no peto para saca-la carteira, a de deitarse no sofá e que mamá faga cóxegas, a de atopa-la roupa xa dentro do armario e co ferro pasado, etc. Vamos... que esta semana volvín a se-la inutilidade en persoa! A xulgar polos comentarios, creo que quedaron encantados coa viaxe e co guía, un servidor, que fixo o que boamente puido.

Sensación extraña tamén a de ver a meus pais totalmente indefensos debido ó descoñecemento do idioma. Querer e non poder. Acostumando a que a maior parte das veces sexan eles os que saquen as castañas do lume, desta volta foron eles os que dependeron totalmente de min para todo. Vo-los dous, a poñerse co inglés xa!

Por suposto que non faltaron tampouco os comentarios técnicos e por outra banda esperados de meu pai: "aquí non hai un só taboleiro contrachapado, é todo fimapán". E tamén como é normal sobre as féminas: "carallo coa taberneira... aínda lle hei tomar 2 ou 3 cafés máis", "vir aquí con muller é como ir á Rioxa e leva-lo viño da casa"... De tódolos xeitos, teño que dicir que a concentración de rubias non era tan copiosa como habitualmente debido ó elevado número de turistas e a que moita xente sueca marchou de vacacións durante estas datas.

Hoxe hai un par de horas, as mesmas apertas que unha semana atrás me trouxeran a meus pais ata Suecia, devolvéronme agora á realidade a pé de andén. Desta volta, só ata dentro dun par de meses, que son os que quedan para voltar á casa... Grazas pola visita!