domingo, 21 de marzo de 2010

Visitas


E volvín á realidade e á rutina. O aspirador e a mopa devolvíanlle á miña habitación o seu look habitual mentres eu recordaba a modo de fotogramas pasando por diante de min unha semana que abofé fora especial. Despois das visitas de Breixo, Marzoa e César (moitas grazas a todos), que cal lóstregos pasaron por aquí, era agora o turno para Borja, José Luis e Taba.

Foron 14 anos no colexio e 5 convivindo con Borja e abofé que é unha das cousas que máis boto de menos dende a miña chegada a Suecia por razóns obvias. Moitas horas xuntos pasamos durante eses anos universitarios que din inesquecibles (e que así foron). Malia ser desta volta un escenario diferente a máis de 2500km daquel López Mora 72, a convivencia baixo o mesmo teito deixou ese sabor a morriña dos vellos tempos. Grazas Borch!

O segundo de a bordo era José Luis (perdón polo descenso de rango comandante), que despois de estar en Madrid tres anos para sacar un puto carné aínda tivo que merca-lo billete de avión no canto de vir pilotando el (manda carallo...) Venezolano de nacemento, galego de corazón e madrileño de casamento (de nada José Luis) é un deses amigos que che gustaría ter cerca máis a miúdo e non vivindo na capital. Grazas a ti tamén Pepis!

Chegaron o sábado cunha semana por diante na que visitaron Lund, Malmö, Göteborg e Helsinborg en Suecia; e Helsingör e Copenague en Dinamarca, con algunha que outra festa intercalada in between que lles permitiu empaparse da vida Erasmus (creo que xa están máis ca convencidos de pedir cadanseu intercambio...)

E o venres chegou Taba, ese gran xenio e mellor persoa procedente de Suíza; outro gran amigo do meu paso pola universidade. Unha persoa coa que é imposible aburrirse porque se pode falar con el de calquera cousa (un pouco toca-collóns ó falar de fútbol pero bueno..) Sei que non che gustan estas mariconadas Taba... pero grazas por todo a ti tamén!

Os catro pasámo-lo venres xuntos en Copenague, e o sábado á mañá Pepis e Borja regresaron para a casa de empatada (como ten que ser!) O resto da fin de semana Taba e máis eu visitamos Malmö e Lund. O domingo, volvín quedar só...

Moitas gracias ós 3 pola visita!


Agora é o turno de meus pais, que chegarán o luns 29 e estarán aquí toda a Semana Santa.

jueves, 18 de marzo de 2010

Babysitter


A historia que estou a piques de contar é sen dúbida unha das máis pintorescas, surrealistas e curiosas que me ten pasado durante a miña vida universitaria nestes últimos 5 anos. Ó igual que sempre que conto algo que ten lugar na facultade, todo aconteceu no corredor do cuarto andar do departamento cando me dispuña a tomar café ás 10 da mañá. De súpeto, a miña examinadora achégase a min e dime:

-Can I ask you a personal favour?
-Sure!
-Would you mind to take care of my son during one night? I have a really important meeting in Berlin, and his babysitter will not be able to make it, so... I have no choice. It's too late to fix something else.

Tras uns segundos de incredulidade nos que non vin escapatoria posible ó asunto... dixen que si! E que podía contestar eu?

---

E aquí estou agora, escribindo esta entrada no salón da casa dunha profesora da universidade despois de recollerlle ó fillo na escola ás 5, facerlle de cear e metelo na cama ás 8 da tarde. Mañá toca erguerse ás 6 e media para levalo ó colexio.

Chámase Mateo e ten 8 anos. Nin que dicir ten que o cativo fala inglés mellor ca min (vai a un colexio internacional) e que é "ghieiro coma el só". Tras unhas partidas á Wii e unha cea lixeira, pedinlle que se duchara para ir para a cama e sen nin a mínima protesta alá foi el soíño.

Unha vez máis... este país non deixa de sorprenderme...

PD: A profesora non está boa, aforrádevos comentarios por favor.

viernes, 12 de marzo de 2010

Terapia de grupo


Chega a primavera e con ela as primeiras raiolas de sol. A neve resístese a abandona-los prados sobre os que descansou dende hai máis de 4 meses, mais resulta pouco menos que imposible. Lentamente escorrega polas estradas abaixo deixando ó descuberto a verde pero por agora aínda queimada herba, facendo a conducción na miña bicicleta sen freos nada sinxela. E os días medran...

Aínda que o estoupido climático primaveral non chegou ó seu cumio nin moito menos (aínda vai un frío de carallo...), o humor e o carácter da xente tornou se cabe xa un pouquiño máis "mediterráneo". E abofé que se dá un de conta. Ten que notarse, xa que son xente que pasa todo ano esperando a chegada do bo tempo. Aínda así, non me cansarei de repetir que se queixan de vicio (polo menos aquí no sur de Suecia). Habíaos de ver eu en Galicia durante o inverno chovendo un mes seguido. Aquí vai frío si, moito! pero con abrigarse abonda porque case non chove (e se chove chispea). Definitivamente, o clima de aquí é mellor có de alá.

Non sei se foi cousa da famosa astenia primaveral ou simplemente coincidencia, pero esta última semana tanto eu como os meus achegados na facultade racaneamos abondo. Aproveitando a coxuntura do longo tempo de cálculo que o meu proxecto ten, a semana podería resumirse en emocionantes competicións de Angrybirds no iPhone que David mercou hai unha semana, interesantes parolas, comidas e longas sobremesas no que demos a chamar a "group therapy week". Por suposto tamén houbo momentos serios para reunións e traballo (non todo é esperar), pero menos que do normal. A sensación sentirse parte dun grupo de suecos sendo o único estranxeiro é indescriptible. Levou tempo pero mereceu a pena.

E escribo esta entrada agora mesmo dende o despacho un venres tarde mentres pola ventá vexo como acaba de comezar a nevar (estame ben por falar!). David, ó meu lado, segue xogando por suposto ó iPhone tratando de bati-lo récord que Mikael actualmente posúe. Agora iremos tomar algo e cear por aí para relaxar un pouco e seguir con esta terapia de grupo.

Aquí deixo unha mostra das marabillas que se poden facer con certas aplicacións do iPhone (por orde e de enriba cara abaixo: eu, David, Peter, Mikael e Andreas).

Trevlig helg! (boa fin de semana)