miércoles, 27 de enero de 2010

...and finally I came back


-Riiiiiiiinggggg!!!, Riiiiiiiinggggg!!!
-What's that David? -pregunteille ó meu novo compañeiro de despacho-
-It's the fire alarm. It goes off sometimes; don't know why. But don't worry. Nothing happens.
-Ok! So let's stay here.
-NO! No way! We gotta go out!
-But why? You just said that nothing happens...
-These are the rules. We just have to go out. Walk and don't ask. It's like is supossed to be.

E si... alí estabamos baixo a neve cerca de 400 persoas diante da porta da V-Sektionen esperando a que alguén arranxase esa alarma de sonido estridente que non era a primeira vez que saltaba por equivocación. Pero de todas formas, si... alí estabamos todos obedecendo ordes e normas como bos suecos que somos!

Foi este un dos primeiros detalles que me confirmaron, por se aínda me quedaba algunha dúbida, que xa estaba de volta en Suecia. Isto e máis por suposto, o groso velo virxe e branco que a modo de mantel cubría (e cubre 2 semanas despois) toda a cidade. Este foi o meu recibimento:

Despois da que foi sen dúbida a mellor viaxe da miña vida; era tempo para disfrutar un pouco da familia e dos amigos que tanto botara e boto de menos a diario. Tres días en Santiago non serviron para máis que agobiarme indo dun lugar cara outro tentando saudar e visitar á maior cantidade de xente posible. De todas formas, como di o outro... "menos dá unha pedra!". Iso si; serviron para carga-lo carro de "mimos" outra vez.

E agora aquí estou de volta, na miña cidade adoptiva, intentando (como dixo Alberto nun dos comentarios do blog) "obsequiarvos cunha redacción sobre a chegada do fillo pródigo ó paraíso dourado de longas palmeras cubertas de neve branca volvendo a verse acurralado por tales entes rubios que, tal fino pó branco, desencaixan e humedecen a boca do famento"...

O salto dunha parte a outra do mundo tróuxome non só unha diferenza de case 45ºC de temperatura e unha forte caída na bicicleta debido á neve, senón tamén a volta ás responsabilidades diarias, pequenos agobios e demais tarefas. Reunións, presentacións, prazos, entregas e tamén por suposto tempo libre que sempre deixa momentos inesquecibles vólvenme á "normalidade" dos últimos 4 meses nesta cidade nórdica na que felizmente vivo.

E así remata o meu curto relato do meu regreso a terras escandinavas, esperando por moitas máis historias para contarvos como boamente saiba. Ata a próxima!


PD: A rede de voleibol que teño na parte de atrás na casa parece agora (debido á neve) unha de tenis...

PD2: Engado a posteriori esta captura de pantalla do día 30 de xaneiro de 2010.

viernes, 15 de enero de 2010

Last aussie adventure!


Diferente: tras un fin de ano sen moita festa e un día de aninovo productivo e sen resaca na praia; dirixímonos de novo a ese xa coñecido aeroporto doméstico de Sydney. Os escasos controis xa non nos sorprenden e rapidamente embarcamos na aeronave que nos levará a Brisbane.

Alí, outro Ford Falcon XR6, desta vez maquillado en gris escuro, espéranos para conducirnos ata Hervey Bay, punto de partida da nosa última aventura australiana.

--

Impuntualidade: o diccionario da Real Academia Española define esta entrada como a “falta de ciudado y diligencia en llegar a la hora convenida”

Din que o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra. E efectivamente así é (eu puntualizaría e diría mellor “que polo menos tropeza...”).

Coitado de min cando pensaba que me contaxiara da puntualidade sueca. Abofé que non! Fora só un espellismo. O reencontro cos meus amigos conducírame outra vez ó lado escuro do vicio da impuntualidade (Berto non estou culpando a ninguén...).

Confiados, decidimos visita-la cidade de Brisbane antes de dirixirnos ó briefing ou charla informativa do tour que iamos facer ó día seguinte. Cando acordarmos, 450km distaban de Herbey Bay e só 3 horas de marxe. Mediante unha sinxela lei física, chegamos á conclusión de que non seriamos capaces de manter unha velocidade media de 150km/h durante todo o traxecto, polo que, como é obvio, chegamos unha hora e media tarde ó noso destino.

Se por algo se caracterizan os australianos é pola súa amabilidade. Tras insistir un pouco e contar que o retraso non fora culpa nosa senón dun accidente na autopista, o servicial recepcionista deunos a charla informativa en exclusiva para nós para que así non perderamos a nosa viaxe o día seguinte. Cheers mate!

--

Camping-gas, tendas de campaña, frigoríficos portátiles, sacos de durmir, compra para 3 días e demais material de supervivencia necesario acompañábannos a bordo daquel 4x4. Fraser Island, a illa de area máis grande do mundo esperábanos. Tres días e dúas noites para percorre-los seus 125km de longo no que sería a nosa última aventura nas antípodas.

Podería resumir estes tres días coma os máis aventureiros da miña vida no sentido estricto da palabra. Supervivencia en estado puro: durmir no chan, sen ducharse, cociña á intemperie, ausencia de calquera signo de civilización, conducción por corredoiras perigosas rodeados de vexetación tropical, animais... É dicir, tres días que puxeron a guinda perfecta a esta inesquecible aventura australiana.

Aquí van algunhas imaxen a modo de resumo, así coma un vídeo dende o interior do 4x4.



Como "non hai dúas sen tres", a volta ó aeroporto de Brisbane para retornar a Sydney non foi sen présas. Os últimos quilómetros pola circunvalación da cidade a unha velodidade quizais excesiva permitíronnos chegar ó aeroporto só media hora antes de que despegara o avión de volta.

Xa regresando á casa para disfrutar do noso último día na cidade vivimos unha escena canto menos curiosa nun taxi...


A mañá do día 7 de xaneiro a porta do número 87 de Darlington Road tinxiuse de despedida. Unha aperta puxo final ó que o meu amigo Alberto definiu moi ben como o "time of our lifes".

viernes, 1 de enero de 2010

Feliz ano 2010!


Dous tours foron os encargados de levarnos dende a cidade de Adelaida ata Melbourne. En primeira instancia desviamos un pouco a "ruta lóxica" para dirixirnos a Kangaroo Island, e posteriormente visitámo-las montañas The Grampians e a Great Ocean Road ata chegar ó noso punto de destino.

Natureza, paisaxes incribles, amigos, risas, carreiras detrás de canguros, e algunha que outra liorta cunha "belga tocacollóns" que viaxaba con nós no tour volveunos a deixar desta vez outra experiencia inesquecible que podemos plasmar de forma resumida nestas instantáneas.





Volta a Sydney na véspera de fin de ano e oportunidade para disfrutar da mítica imaxe que nos acompaña nos telexornais de mediodía nesta data. Entre a multitude conseguimos facernos un oco e situarnos nun lugar no que puidemos observa-lo espectáculo pirotécnico dende unha posición envexable... Just awesome!


Dende as antípodas quero desexarvos a todos un ledo aninovo 2010!

Happy new year 2010 from down under!