jueves, 24 de septiembre de 2009

Mr. Göran Sandberg


Un cálido apretón de mans ó son do saúdo sueco “Hej Hej” marcou o comezo da reunión entre Göran Sandberg máis eu. Obxectivo: defini-las directrices, tema, pautas e metodoloxía de traballo a seguir durante a vida do proxecto. 

Teño que dicir (e de paso agradecer) que a maior parte da “culpa” de que eu hoxe estea aquí estudiando en Lund tena este profesor, quen moi amablemente se fixo responsable de titoriza-lo meu traballo por mottu proprio, tendo como única referencia as gañas e interese evidentes que eu mostrei.

Sen case ter tido tempo para asentarme na cidade tra-la miña chegada o venres; Göran citárame para o luns a primeira hora no seu despacho, pero un cambio de plans de última hora na súa axenda aprazara este encontro finalmente ata o martes.

A miña aterraxe tardía non servira máis que para pasa-la fin de semana e mailo luns tratando de arranxar cousas que me permitiran poñer a andar unha nova vida nun sitio totalmente descoñecido. Documentación erasmus, carné da biblioteca, tarxerta de estudiante, visado, cesta da compra e visitas pola cidade encheran a miña cabeza e coparan a totalidade do meu tempo durante os pasados tres dias. Sen embargo, esta mañá, esa citada e necesaria adaptación (aínda a medio camiño) pasa a un segundo plano. É hora de enfrontarse ó proxecto: o obxectivo último da miña estadía en Suecia.

Os ruidos das impresoras e dos instrumentos nos laboratorios anexos servían de banda sonora á película que alí se estaba a piques de rodar comigo como actor principal. Cámaras, luces e...acción! 

-Welcome to Lund Juan! Have a sit, please! How are you doing?

A súa voz amable e preocupada, así como tamén a súa actitude servicial como nunca antes percibira de parte dun profesor invitaba á tranquilidade. Enriba da mesa descansaban o meu expediente, o meu CV, e dúas tazas de café que amablemente servira Göran uns intres atrás. Estanterías cheas de libros rodeaban un amplo despacho presidido por un encerado cheo de cálculos dos que non puiden descifrar nin a primeira liña. “How am I supposed to solve this?”, bromeei. Entre risas e conversacións sobre os meus primeiros dias en Lund comezamos a falar do proxecto.

Como se dunha tormenta de ideas se tratase, na que eu era un mero espectador; comezou a sacar temas ó mesmo tempo que os escribía nunha folla en sucio. Aquel bocexo digno dun cativo de parvulario no que a penas se podían albiscar unhas poucas liñas e maragatos, serviulle como guión para posteriormente explicarme máis en profundidade cada un dos temas. Deixei que tomase a iniciativa como se me tratase dunha marioneta bailando ó son da súa voz e asentindo tódalas súas afirmacións. Preguntas formuladas e constestadas por el mesmo levaron finalmente á decisión última. Acordamos que o proxecto sería de cálculo de estructuras mediante Elementos Finitos con análise de vibracións en edificacións.
Debido a que me atopo na facultade de enxeñería civil, hai certas cousas sobre as que non teño nin idea, polo que asistirei a dúas asignaturas: Building acustics and vibrations e Finite Element Method, ámbalas dúas impartidas en inglés e nas que me terei que poñer ó dia, debido a que o curso está agora mesmo xa na terceira semana de clase. 
O proxecto propiamente dito comezareino dentro de tres semanas ou un mes, a medida que avanzan as asignaturas e se concreta máis o tema (propúxose no seu momento incluso unha participación parcial nun proxecto real, aínda que xa se verá). 

Unhas últimas palabras para rematar do titor para a reflexión: “Remember this is YOUR master thesis. It’s up to you to sep up meetings with the professor and you will be the only one deciding what to do in every situation. Once you're done with it you will be an engineer, so I will only help you with minor things. By the way...your scholarship might be extended”. 

Eran as 10: hora do café ou fika. Como un membro máis do departamento de Construction Science fun invitado á sala de profesores situada no 4º piso do edifício V, onde se me presentou formalmente a tódolos membros do departamento. Amablemente, todos eles comezaron a falar en inglés para que non me sentise fora de lugar e a interesarse por min. Pregunta tras pregunta puiden finalmente darme a coñecer un pouco máis. 
Aproveitei tamén para coñece-los dous profesores que me darán clases teóricas, quen moi amablemente se puxeron á miña disposición para calquera tipo de dúbida así como para co-dirixi-lo proxecto con Göran. 

Como todo protagonista principal nunha película, eu tamén tiña que ter un trato preferencial, polo que me foi asignado un despacho con ordenador, fotocopiadora, impresora, teléfono... no que poderei traballar tanto tempo como queira. E cando digo “tanto tempo como queira” refírome a que esta frase debe de ser tomada ó pé da letra, xa que na miña tarxeta de estudiante activáronme unha banda magnética que hai no reverso da mesma xunto cun contrasinal, de tal forma que podo entrar e saír da facultade á hora que queira o día que queira.

Agora mesmo atópome no devandito despacho (que ben sona isto...) rodeado de libros e escribindo esta entrada que espero que vos guste; aínda que creo que a hora da retirada vaise achegando porque hoxe xa traballei tempo abondo. Tampouco hai que acostumbralos mal o primeiro día e que vexan que son moi traballador. 

Mañá será outro día...

4 comentarios:

  1. Menos falar de Göran e máis falar de suecas.Jajajaj!

    ResponderEliminar
  2. Si ves que se che fai moi aburrido o traballo no "devandito despacho", que te acompañe algunha rubia que pase polo pasillo non?

    ResponderEliminar
  3. eres todo un afortunado, qué envidia sana siento, Juan, de verdad!!

    Sigue manteniéndonos informados!

    ResponderEliminar