lunes, 28 de septiembre de 2009

Clases


Inusualmente puntual. Así definiría eu o meu primeiro día de clase. Faltaban 5 minutos para as 8 da mañá pero eu xa me atopaba en fronte á aula P2 onde ía ser impartida a clase de “Building acoustics and vibrations”. 

Contra todo prognóstico, fora capaz de chegar á facultade sen présas, despois dun copioso almorzo acompañado por un periódico electrónico. O bo tempo invitaba a disfrutar do paseo en bicicleta dende a casa ata a facultade; así que fixen o propio a través dos numerosos parques e xardíns cos que conta a vila. Este paseo, exento de rápidas e fortes pedaladas, levou sobre uns 10 minutos escasos e serviu de preludio ó meu primeiro día de clase en Suecia.

Sorprendentemente, cando cheguei á facultade, eu era a única persoa que se atopaba diante da clase P2. Tras 5 minutos e sorprendido pola impuntualidade sueca, unha mestura de cabreo e intranquilidade tomou o meu corpo. Levantarse ás 7 da mañá para vir aqui e non ter clase!?... As dúbidas comezaron a martelar na miña cabeza, polo que decidín ir a preguntar e cercionarme se realmente estaba esperando no lugar correcto, como así era.

Eran aproximadamente as 8 e 10 cando a xente comezou a aparecer. Entraron un a un moi ordenadamente, como se de máquinas programadas se tratasen. Sen querer facer moito “ruído”, collín a última posición nesa improvisada cola. Entrei e senteime na terceira fila dunha clase non moi grande na que me chamaron a atención nada máis entrar unha máquina de café e un fregadeiro que había ó fondo da mesma. Miradas clavadas en min e murmurios. Notábao; era o novo e eles sabíano. 

Eran arredor as 8 e 15 cando entrou a profesora. O seu saúdo enérxico e amable foi contestado o unísono por tódolos alumnos nun acto digno de calquera coro. Simplemente impresionante.

Abraiado pola “falta de seriedade” dinme conta posteriormente falando cun compañeiro de que realmente non existía tal impuntualidade. Debido a unha tradición histórica, tódalas clases comezan ás e cuarto e non ás horas en punto. Por que? Pois parece ser que antigamente, cando os reloxos brilaban pola súa ausencia e non eran un ben de uso extendido, a xente saía da casa ó escoita-lo reloxo da catedral. Ó ser Lund unha cidade pequena, o tempo medio de desprazamento entre dous puntos calquera da mesma en bicicleta é de aproximadamente 15 minutos, polo que a xente sempre chegaba a tódolos lugares 15 minutos despois de que sonara o reloxo da catedral.

Mentira? Non o sei, pero se as clases empezan a e cuarto como así é, a lenda ten sentido e ata pode ser que sexa verdade.

Os primeiros minutos de clase foron totalmente desaproveitados; eu non daba crédito ó que alí estaba vendo: á miña dereita un rapaz tomando café, á miña esquerda outro lendo o periódico, un na fila de adiante que responde ó telefono móbil e sae da clase para falar, outro descalzo cos pés na silla do lado, unha rapaza que come unha mazá... E mentres tanto, o profesor explicando! Abraiado como estaba, pronto me din conta de que o “rollo sueco” é totalmente diferente ó noso: clase lenta con tempo abondo para copiar, preguntar ou incluso falar co compañeiro, na que se percibe un enfoque moito máis práctico ca no noso país.

Ó final da clase, a profesora tivo a grandiosa idea de presentarme en público diante dos meus compañeiros: “This is Juan, a spanish student who is doing his master thesis this year in Lund. Since he has already done all his courses back in Spain, he is not supposed to take any here. Anyway, we think that Buiding acoustics could be really useful for his project, so that’s why he is here. He is not doing any exam but he can help some group with the final project you have to do. Does any group want Juan’s help?”

Non sei se era unha pregunta retórica ou non, pero ninguén levantou a man: silencio sepulcral como había moito tempo que non sentía. Ó mellor é a retranca sueca, pero a min non me fixo nin puta gracia...

Finalmente e tra-la inoportuna presentación, un grupo de rapaces achegouse a min e preguntáronme moi amablemente se quería axudalos co seu traballo. “Podiades ter levantado a man antes cabróns” pensei eu para os meus adentros. Xa tiña grupo... 

Non vou a entrar a avalia-los sistemas educativos de ámbolos dous paises, posto que non son ningún experto nin teño coñecementos abondo para facelo, pero tras unha semana de clases aquí dinme de conta de que se tratan de sistemas completamente diferentes. Mentres que o noso é un sistema baseado na distancia entre profesor e alumno no que predomina o contido teórico, aqui puiden percibir (polo menos nas asignaturas ás que estou asistindo eu) que se trata dun sistema máis práctico cunha estreita relación profesor-alumno no que a penas se percibe a xerarquía. Predomina o traballo diario e en grupo sobre o individual e as clases son de a penas 15 - 20 estudiantes.

Cal é mellor? Non o sei, pero o que si sei é que son enfoques diferentes... 

jueves, 24 de septiembre de 2009

Mr. Göran Sandberg


Un cálido apretón de mans ó son do saúdo sueco “Hej Hej” marcou o comezo da reunión entre Göran Sandberg máis eu. Obxectivo: defini-las directrices, tema, pautas e metodoloxía de traballo a seguir durante a vida do proxecto. 

Teño que dicir (e de paso agradecer) que a maior parte da “culpa” de que eu hoxe estea aquí estudiando en Lund tena este profesor, quen moi amablemente se fixo responsable de titoriza-lo meu traballo por mottu proprio, tendo como única referencia as gañas e interese evidentes que eu mostrei.

Sen case ter tido tempo para asentarme na cidade tra-la miña chegada o venres; Göran citárame para o luns a primeira hora no seu despacho, pero un cambio de plans de última hora na súa axenda aprazara este encontro finalmente ata o martes.

A miña aterraxe tardía non servira máis que para pasa-la fin de semana e mailo luns tratando de arranxar cousas que me permitiran poñer a andar unha nova vida nun sitio totalmente descoñecido. Documentación erasmus, carné da biblioteca, tarxerta de estudiante, visado, cesta da compra e visitas pola cidade encheran a miña cabeza e coparan a totalidade do meu tempo durante os pasados tres dias. Sen embargo, esta mañá, esa citada e necesaria adaptación (aínda a medio camiño) pasa a un segundo plano. É hora de enfrontarse ó proxecto: o obxectivo último da miña estadía en Suecia.

Os ruidos das impresoras e dos instrumentos nos laboratorios anexos servían de banda sonora á película que alí se estaba a piques de rodar comigo como actor principal. Cámaras, luces e...acción! 

-Welcome to Lund Juan! Have a sit, please! How are you doing?

A súa voz amable e preocupada, así como tamén a súa actitude servicial como nunca antes percibira de parte dun profesor invitaba á tranquilidade. Enriba da mesa descansaban o meu expediente, o meu CV, e dúas tazas de café que amablemente servira Göran uns intres atrás. Estanterías cheas de libros rodeaban un amplo despacho presidido por un encerado cheo de cálculos dos que non puiden descifrar nin a primeira liña. “How am I supposed to solve this?”, bromeei. Entre risas e conversacións sobre os meus primeiros dias en Lund comezamos a falar do proxecto.

Como se dunha tormenta de ideas se tratase, na que eu era un mero espectador; comezou a sacar temas ó mesmo tempo que os escribía nunha folla en sucio. Aquel bocexo digno dun cativo de parvulario no que a penas se podían albiscar unhas poucas liñas e maragatos, serviulle como guión para posteriormente explicarme máis en profundidade cada un dos temas. Deixei que tomase a iniciativa como se me tratase dunha marioneta bailando ó son da súa voz e asentindo tódalas súas afirmacións. Preguntas formuladas e constestadas por el mesmo levaron finalmente á decisión última. Acordamos que o proxecto sería de cálculo de estructuras mediante Elementos Finitos con análise de vibracións en edificacións.
Debido a que me atopo na facultade de enxeñería civil, hai certas cousas sobre as que non teño nin idea, polo que asistirei a dúas asignaturas: Building acustics and vibrations e Finite Element Method, ámbalas dúas impartidas en inglés e nas que me terei que poñer ó dia, debido a que o curso está agora mesmo xa na terceira semana de clase. 
O proxecto propiamente dito comezareino dentro de tres semanas ou un mes, a medida que avanzan as asignaturas e se concreta máis o tema (propúxose no seu momento incluso unha participación parcial nun proxecto real, aínda que xa se verá). 

Unhas últimas palabras para rematar do titor para a reflexión: “Remember this is YOUR master thesis. It’s up to you to sep up meetings with the professor and you will be the only one deciding what to do in every situation. Once you're done with it you will be an engineer, so I will only help you with minor things. By the way...your scholarship might be extended”. 

Eran as 10: hora do café ou fika. Como un membro máis do departamento de Construction Science fun invitado á sala de profesores situada no 4º piso do edifício V, onde se me presentou formalmente a tódolos membros do departamento. Amablemente, todos eles comezaron a falar en inglés para que non me sentise fora de lugar e a interesarse por min. Pregunta tras pregunta puiden finalmente darme a coñecer un pouco máis. 
Aproveitei tamén para coñece-los dous profesores que me darán clases teóricas, quen moi amablemente se puxeron á miña disposición para calquera tipo de dúbida así como para co-dirixi-lo proxecto con Göran. 

Como todo protagonista principal nunha película, eu tamén tiña que ter un trato preferencial, polo que me foi asignado un despacho con ordenador, fotocopiadora, impresora, teléfono... no que poderei traballar tanto tempo como queira. E cando digo “tanto tempo como queira” refírome a que esta frase debe de ser tomada ó pé da letra, xa que na miña tarxeta de estudiante activáronme unha banda magnética que hai no reverso da mesma xunto cun contrasinal, de tal forma que podo entrar e saír da facultade á hora que queira o día que queira.

Agora mesmo atópome no devandito despacho (que ben sona isto...) rodeado de libros e escribindo esta entrada que espero que vos guste; aínda que creo que a hora da retirada vaise achegando porque hoxe xa traballei tempo abondo. Tampouco hai que acostumbralos mal o primeiro día e que vexan que son moi traballador. 

Mañá será outro día...

viernes, 18 de septiembre de 2009

Välkomnande till Sverige, Juan

Maletas cheas diante da porta e pasaxe de avión no peto. Escena soñada unha e outra vez dende hai moito tempo. Sensacións nunca antes experimentadas apoiadas sobre os bultos. Alegría mesturada con respecto e con bágoas contidas. Alegría por estar a uns intres de vivir un soño no estranxeiro. Respecto obvio ó descoñecido. Bágoas contidas polos que aquí esperan.

Parto cara o aeroporto coma se fora unha das tantas viaxes xa feitas. Unha única diferenza: one-way-ticket. Esta diferenza faise notar nas facianas dos meus pais, que especulan ante un pronto regreso para “unha fin de semana longa”. “Xa veremos; hó, ainda non marchei”, respondo eu.

Última revisión antes de facturar por parte dos proxenitores: “Levas todo?”, “Seguro que non levas líquidos na maleta de man?”, “mira ben en qué porta tes que embarcar”, “Ten sempre as túas pertenzas contigo”... Consellos que noutra ocasión serían reprochados; hoxe non. Hoxe é diferente e ata se agradecen.

Hora de pasa-lo control. Apertas. Bicos e máis bicos. Un “Veña, carretera!” á defensiva de meu pai marca o final das despedidas. “Chámanos ó chegar”.

Escorrega unha bágoa ó comezar a subi-las escaleiras mecánicas e perder de vista ós meus pais, pero ó mesmo tempo tamén se empeza a debuxar un sorriso na miña faciana. Un sorriso esperado dende había moito tempo... Por fin o Erasmus chegara.

---

Agora mesmo estou sobrevoando... ¿Francia? e escribo dende unha altura aproximada de 34000 pés (uns 10500 metros) a primeira entrada deste blog que non pretende ser máis ca unha pequena ventá ou pantalla a través da cal intentarei transmitir e facervos ver algunhas das moitas impresións e experiencias (boas e/ou malas) que terei durante este ano neste país nórdico. Espero que isto non sexa só froito dun día, polo que tratarei de escribir algo non cada moito tempo.

Remontémonos agora ata principios deste ano 2009. Alá polo mes de marzo ou abril. Foi arredor desas datas cando a Oficina de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo deu a coñece-la relación de prazas de Erasmus para o vindero curso (e xa presente) 2009/2010; confirmando o que eu xa tiña ben sabido pero que aínda non quería crer: praza na Lunds Tekniska Högskola -LTH- (Sweden) para realiza-lo proxecto de fin de carreira.

Correos electrónicos, chamadas, axuda de xente de forma desinteresada, moita paciencia e incluso unha visita ó lugar de destino deran finalmente os seus froitos. Supoño que xa por todos será coñecida esta historia, xa que é probable que vos rompera a cabeza máis dunha vez con ela.

Comezara a conta atrás. A partires daquel intre todo comezou a xirar en torno a Suecia: buscar piso, persoas de contacto, voos, trámites burocráticos, etc. Tras moitos e por sorte ben resoltos contratempos, todo parecía estar en orde: profesores avisados, piso buscado, billetes comprados e moitas pero que moitas gañas de que todo saíra ben.

E por que Suecia? Boa pregunta que moita xente me ten feito. Pero digo eu...E por que non?

Dúas viaxes a este país; unha universidade das que din mellores de Europa; un proxecto da especialidade de construcción; a inexistencia de ningún outro destino apetecible para min, a posibilidade de comunicarse en inglés con todo o mundo, a atracción polo “diferente” así como por suposto as mulleres suecas (meu pai aínda segue crendo que só vin a Suecia por esta última razón) son, segundo o meu punto de vista, motivos máis ca suficientes para terse decantado por este país. Espero que o tempo e as vivencias que aquí me esperan me dean a razón e non me arrepinta da decisión tomada. 

---

Escoito voces. a asistenta de voo estase dirixindo a min: “Could you please shut down your laptop once you’ve finished?”. Imos aterrar nuns intres. Despois dun voo movidiño con moitas turbulencias, Copenague agarda. Dende alí, tren ata Lund cruzando a Ponte de Öresund que une Suecia e Dinamarca; e unha vez en Lund, tratar de atopa-la que vai se-la miña residencia nos próximos... ¿6,7,8...10...meses?

Queda ainda un longo traxecto por recorrer...

---

Abro a porta acompañado de Kent –o caseiro-. Os nervios apodéranse de min durante os intres previos a ve-la casa e os meus compañeiros. “Hej hej” saúdo moi educadamente ó entrar. Non obteño resposta. A casa está baleira. O encontro terá que esperar. 

Durante a previa "visita guiada" polas diferentes estancias da vivienda a cargo do dono, éste explícame que se trata dunha casa con 3 andares. Cada andar é un apartamento que albega unha cociña, unha sala de estar, un baño e as devanditas 4 habitacións. Asimesmo, no soto existe unha sala de xogos con mesa de ping-pong, así como tamén unha dependencia para a lavadora e a sala de caldeiras (si...evidentemente temos calefacción).

Ó fondo do corredor do terceiro andar atópase a miña habitación. Ábrese a porta. Non quero mirar pero teño que facelo. Definitivamente moito mellor do que esperaba! A habitación pasara o exame e con nota. Ten sobre uns 15 metros cadrados equipados cun vestidor, estanterías varias, mesa de estudio con flexo, e unha mesiña de noite xunto á cama.

Agora toca desempacar e arrombar tódalas cousas. 

Hoxe empeza sen dúbida unha nova etapa na miña vida, da cal espero podervos facer testigos dende a distancia a través deste blog. Novo país, nova xente, novas costumes... que non serán se non experiencias que me farán madurar como persoa.

Unha aperta para todos dende Lund!