-What!? No way! 300 Rubles!
-400 Rubles!
-OK! Let´s go! But we are 5 people!
-All in!
Así de rápida tal e como a ledes (pero con xestos) foi a conversa que tivemos co taxista de turno á saída dunha discoteca en Moscova antes de voltar ó noso hotel.
---
Rusia é un país de contrastes; moito máis acusados que noutros lugares do planeta se cabe e perceptibles moitos deles a simple vista a medida que avanzas durante unha tranquila camiñata polas súas amplas rúas.
Durante unha desas múltiples andainas, escoitei unha voz falar español e decidín “asaltar” á simpática parella. Sempre “está simpático” atopar paisanos polo mundo adiante, e máis aínda nestes lugares exóticos, onde brilamos pola nosa ausencia.
Tratábase duns mozos vascos que… estaban vivindo e estudiando en Rusia! A rapaza miroume e dixo:
-Ésa es la cara que pone todo el mundo cuando le cuento mi historia. Qué ganas de complicarse la vida viniendo a Rusia; piensa la gente…
Logo das presentacións protocolarias, sumímonos nunha agradable e interesante conversación. Faláronnos do país e da adaptación dun estranxeiro á vida rusa (que para a nosa sorpresa pintaron fácil e interesante). Pero tamén comentaron certos “inconvenientes”, como por exemplo o auxe dun sentimento nacionalista ruso que hoxe en día está a tomar forma, chegando a ser incluso preocupante debido ó rexeitamento xeralizado dunha gran parte da poboación a abrirse ó resto do mundo.
Dito e feito; esa mesma tarde puidemos comprobar a citada actitude cando Dan, o meu compañeiro de habitación americano, quixo mercar un libro en ruso para regalarlle á súa moza, amante confesa da lectura, a modo de recordo. As continuas negativas dos vendedores ó escoitarnos falar un idioma diferente ó seu foron o letimotiv ata a entrada na quinta tenda; onde finalmente o puido mercar. Non era unha cuestión de cartos; senón de nacionalidade. Simplemente incomprensible.
Coches de 20 millóns das antigas pesetas ó lado de automóbiles do ano 1940 que caen a anacos son tamén imaxes habituais neste fermoso, variopinto, intrigante e por que non?, raro país. Tampouco colle na miña cabeza como un país onde moita xente morre de fame e de frío pode te-la segunda capital máis cara de Europa. Por non poñernos a falar do réxime… democrático? no que viven... Como dixen antes: lugar de contrastes…
Rusia é tamén, e sobre todo se es turista, un país no que o “regateo” é deporte oficial e no que a supervivencia se basea en non ser enganado polo próximo. Teño que recoñecer que nalgún momento a inseguridade apoderouse de min como non o fixera en ningunha outra viaxe das que teño feito; quizais por non poder comunicarme con ninguén en inglés nin poder ler nin recordar nada dese curioso e descoñecido alfabeto cirílico que nos rodeaba por todas partes.
Porén, e a pesar dos hándicaps enumerados enriba, recoñezo que é un destino máis que recomendable que sen dúbida merece moito e pena. Un dos lugares máis diferentes e fermoso que visitei nunca.
---
Camiñamos cara a parada de de taxi cando de súpeto un coche parou preto de nós:
-This must be one of those illegal taxis Maca told us about!
-Taxi? preguntou o conductor
-Vega Hotel, dixen
Tralo “regateo” correspondente narrado ó principio desta entrada, entramos os cinco no automóbil que lucía como se mostra na foto... Incrible pero certo!
Finalmente e despois dun rallie polas rúas moscovitas, chegamos ó hotel, onde unhas xa poucas horas de sono nos ían servir de "preparación" para unha longa viaxe de volta onde poderiamos recapacitar sobre esta experiencia, sen dúbida inesquecible.