jueves, 23 de septiembre de 2010

Umeå


Rematou a vida de estudiante e coa de traballador chegan novas responsabilidades, desta volta en forma de viaxe. Destino: Umeå.

Aínda sendo o doutoramento unha etapa de transición entre o académico e o laboral mesturando ámbolos dous "mundos", o cambio do ano pasado a este é xa palpable mesmo agora ó comezo. Máis responsabilidades e novos retos que por agora acepto e afronto moi ilusionado e animado.

Partimos cara Umeå o domingo a primeira hora da mañá. O obxectivo da viaxe: tomar medidas in situ dun edificio en construcción necesarias para unha parte do meu proxecto. O noso punto de encontro foi a universidade, onde collemos tódolos bártulos e equipos de medida que xa deixaramos preparados e empacados axeitadamente o venres á tarde. Caixas e máis caixas que carrexamos como boamente poidemos entre o fracés Arnaud e máis eu. Taxi cara o aeroporto e alá imos! Dous mil kilómetros dirección norte e unha viaxe en avión con escala en Estocolmo nos separan do noso destino!

Tras unha tarde-noite de domingo relaxada na que só saímos do hotel para cear nun restaurante do centro da cidade, a retirada non se fixo esperar (a temperatura non invitaba a pasear: +0.5ºC). Á mañá seguinte a campá soou cedo e con sorprendente enerxía erguinme e baixei a almorzar. Un rápido pero suficiente paseo turístico pola cidade e dirixímonos no coche ó aeroporto a recoller a Delphine (a miña supervisora) e outra rapaza que tamén viña a tomar medidas para o seu proxecto.

A partir de aí comezou a xornada de traballo, que se prolongou dende as 2 da tarde ata case as 4 da mañá que nos deitamos con só algunha pausa espallada para levar algo á boca. As características das medidas que se fixeron requerían que moitas delas se fixeran á noite debido á ausencia de ruido exterior. Nas imaxes podedes ver algunha imaxe da miña primeira experiencia práctica como doutorando.

lunes, 20 de septiembre de 2010

En utflykt på österlen


Coincidindo coa visita sempre reconfortante de Alberto e a modo de despedida; os nosos amigos suecos Daniel e David leváronnos nunha tarde de domingo a facer unha excursión pola parte leste de Skåne (en utflykt på österlen).

A nosa primeira parada foi o monumento megalítico de Ale Stenar. Paisaxe verde e idílica por momentos similiar á da terriña como podedes observar nas fotografías. Posteriormente dirixímonos a Ystad, o municipio máis meridional de Suecia para pasear polas súas rúas antes de dirixirnos á casa dos pais de Daniel, onde disfrutamos dunha deliciosa cea sueca con comida a esgalla. Abofé que un moi bo día para recordar en compaña de xente que realmente aprecio.

Tack så mycket för utflykten mina vänner (moitas gracias pola excursión amigos).

jueves, 9 de septiembre de 2010

Inflyttningsfest (by Alberto Trillo)


Os cálculos para preparar o buffet da festa non lle saíran tan ben como aqueles cos que obrigou ós políticos suecos a mover unha estrada, o primeiro paso na súa carreira para devir alcalde de Lund, disque. Porén, para a Inflyttningsfest, a festa de inauguración do seu piso en Malmö, non tivera tanto tino. Isto non fora máis ca parte da estratexia para confirmar o seu carácter impuntual que el utiliza como sixiloso e disimulado imán de loiras. Aínda nin sequera se duchara e os invitados estaban a piques de chegar á súa casa. Albert, descansaba coas pernas en alto, duchado, vestido e perfumado. O Servizo da casa remataba unhas saborosas tortillas namentres tiraba unhas fotos do resultado do traballo previo que, posto sobre a mesa, semellaba que tardaran cinco minutos en preparar no canto das horas que investiran.


David Persson e os seus músculos foron os primeiros en entrar pola porta. Quería facer gala da súa puntualidade sueca. Viña con Joakim, o rockstar da festa. David viu a Juan en camiseta e pantalón curto de andar por casa mais non se sorprendeu.

- Juan, ti vas chegar ó teu propio enterro!

O Servizo de casa mandou ir ducharse a Juan. El era quen tiña que estar presente para recibir os convidados. O timbre comezou a soar. Albert foi facendo os honores. Nuns minutos todo estaba listo e Juan xa estaba presentable. O Servizo da casa tamén se foi amañar. E nada máis saír da ducha topouse cun frío e distante apretón de mans, un sorriso correcto e agradable sorpresa de coñecer a convidada máis fermosa da Inflyttningsfest. Era Mathilda, aquela loira pola que todos suspiraban e perdían o alento, menos Albert, que é “súa amiga”. “Abofé que é bonita”, pensou o servizo da casa. Mais Albert, como bo “perro del hortelano”, cinguiríase ós seus labores.

Cada convidado, parella ou grupo traía un pequeño agasallo, Houbo quen trouxo dende un sostén ata un libro, pasando por moitas botellas de viño e derivados do alcol.

A festa comezaba fría entre os descoñecidos. Na cociña o grupo de geeks enxeñeril, compañeiros de facultade de Juan agrupábanse en torno á mesa con debates centrados nas aplicacións dos móbiles de última xeración. Xunto a eles tamén estaba Hanna Nilsson, unha loira enigmática, de cara estreita e maquillaxe abundante, que non despegou o cu do asiento até o seu remate de festa. Que mágoa. Logo marcharía con Otto, un dos grandes animadores desas primeiras conversas só aptas para freaks, probablemente o seu amor platónico.

No salón estaba o grupo Korridor, era a xente invitada por Albert, que el coñecía da súa experiencia na residencia en Lund o ano pasado. O Korridor, para que o que non se lembre, é aquel lugar do que falara Juan onde disputara unha especie de partido de fútbol cunha rapaza moi atacadora.

O resto de convidados “neutros” paseaban dun sitio para o outro intentando buscar refuxio e conversa naqueles outros despistados. Aproveitaban a zona da barra, un bo lugar de avituallamento malia a escasa cantidade de xamón que Albert puxera no seu pa amb tumaca. A súa avaricia resultou nunha conversa interesante para facer entender ós foráneos a infinita e ás veces excesiva xenerosidade e capacidade acolledora dos galegos. Juan, que se multiplicaba nas conversas e parecía xogar unha partida múltiple de xadrez, mailo servizo da casa entenderon con clarividencia que esta festa era unha desas oportunidades para facer país dende fóra. Que tamén se fai así, a miúdo se temos que esperar por algúns a que o fagan dende dentro… Sergio, de Guadalupe, Santiago, axudaba na tarefa.

Grolo a grolo a festa foise animando. O muro invisble que separaba a cociña do salón foi desaparecendo. Non eran nin as nove e media. O timbre voltou a sooar. Eran Mikael e Lina, os derradeiros en chegar, pero os máis orixinais. Traían un agasallo ben particular. Dous lenzos pequenos en branco, unha caixa de pinturas, uns pinceis e unha consigna: todos a pintar. Velaí o resultado.

A cociña, o salón e a barra axiña quedaron pequenos. Os 100 metros cadrados do piso souberon abrir máis horizontes. O pequeno balcón que conecta a habitación de Juan coa cociña, e que dá ó patio interior foi o refuxio das poucas chemineas que acudiron á festa. Xa sabe que aquí en Suecia fumar dentro está máis ca prohibido (como será en España nuns meses?) O balcón tamén foi o escenario improvisado para que Joakim, guitarra en man, escintilase o seu talento musical. Juan tamén demostrou por que é amigo de Iago Pico.

Os grupos iniciais deixaron de selo. A xente víase que o pasaba ben. O buffet desaparecera. “A tortilla está moi boa”, comentaba Annika. Mentres todos ían pintando nos lenzos, a mesa do salón moveuse para habilitar unha improvisada pista de baile. Gastando pista alguén derramou un pouco de viño que caeu directamente sobre a alfombra. Como se se tratase de neve botaron sal por riba, porque seica absorbería o viño. Non foi así.

Os cuartos de Juan e Albert tamén abriron as súas portas ó ambiente tranquilo e civilizado que se respiraba na festa. O abrir e pechar de portas daba lugar a suspicacias, infundadas na maior parte dos casos, aínda que en cada mentira sempre se agoche unha parte de verdade. Juan, ás veces, poñíase algo nervioso, especialmente cando o inocente Servizo da casa entrou con Mathilda no cuarto de Albert e a porta se pechou detrás deles. Como bo anfitrión, entrou a comprobar que todo ía ben.

A música non atronaba e a xente comportábase. O que poderiamos esperar… para sorpresa da gran maioría dos suecos presentes na festa. Moitos deles esperaban unha festa na que a mesa enorme escandinava do salón se convertiría en improvisado tablao flamenco, cheo de españois vestidos con camisa de Burberrys, cinto coas cores da bandeira nacional, náuticos ou mocasíns no seu defecto e unhas cantas bicicletas roubadas no balcón do salón. Nada máis lonxe da realidade. Tres galegos, tres cataláns, tres italianos, un curmán portugués e o resto, ata 37, non lles facía falta facerse os suecos. O Servizo da casa, aínda que sabedor da realidade, non deixou de quedar abraiado da excelente integración de Albert e Juan na vida escandinava, e das súas habilidades sociais, cada un no seu estilo, diferentes como son.

Despois de chiscar os ollos doce e suavemente, a festa tocou á súa fin. O móbil de Juan comezou a recibir mensaxes: “Grazas pola festa, foi xenial.”