jueves, 23 de septiembre de 2010

Umeå


Rematou a vida de estudiante e coa de traballador chegan novas responsabilidades, desta volta en forma de viaxe. Destino: Umeå.

Aínda sendo o doutoramento unha etapa de transición entre o académico e o laboral mesturando ámbolos dous "mundos", o cambio do ano pasado a este é xa palpable mesmo agora ó comezo. Máis responsabilidades e novos retos que por agora acepto e afronto moi ilusionado e animado.

Partimos cara Umeå o domingo a primeira hora da mañá. O obxectivo da viaxe: tomar medidas in situ dun edificio en construcción necesarias para unha parte do meu proxecto. O noso punto de encontro foi a universidade, onde collemos tódolos bártulos e equipos de medida que xa deixaramos preparados e empacados axeitadamente o venres á tarde. Caixas e máis caixas que carrexamos como boamente poidemos entre o fracés Arnaud e máis eu. Taxi cara o aeroporto e alá imos! Dous mil kilómetros dirección norte e unha viaxe en avión con escala en Estocolmo nos separan do noso destino!

Tras unha tarde-noite de domingo relaxada na que só saímos do hotel para cear nun restaurante do centro da cidade, a retirada non se fixo esperar (a temperatura non invitaba a pasear: +0.5ºC). Á mañá seguinte a campá soou cedo e con sorprendente enerxía erguinme e baixei a almorzar. Un rápido pero suficiente paseo turístico pola cidade e dirixímonos no coche ó aeroporto a recoller a Delphine (a miña supervisora) e outra rapaza que tamén viña a tomar medidas para o seu proxecto.

A partir de aí comezou a xornada de traballo, que se prolongou dende as 2 da tarde ata case as 4 da mañá que nos deitamos con só algunha pausa espallada para levar algo á boca. As características das medidas que se fixeron requerían que moitas delas se fixeran á noite debido á ausencia de ruido exterior. Nas imaxes podedes ver algunha imaxe da miña primeira experiencia práctica como doutorando.

lunes, 20 de septiembre de 2010

En utflykt på österlen


Coincidindo coa visita sempre reconfortante de Alberto e a modo de despedida; os nosos amigos suecos Daniel e David leváronnos nunha tarde de domingo a facer unha excursión pola parte leste de Skåne (en utflykt på österlen).

A nosa primeira parada foi o monumento megalítico de Ale Stenar. Paisaxe verde e idílica por momentos similiar á da terriña como podedes observar nas fotografías. Posteriormente dirixímonos a Ystad, o municipio máis meridional de Suecia para pasear polas súas rúas antes de dirixirnos á casa dos pais de Daniel, onde disfrutamos dunha deliciosa cea sueca con comida a esgalla. Abofé que un moi bo día para recordar en compaña de xente que realmente aprecio.

Tack så mycket för utflykten mina vänner (moitas gracias pola excursión amigos).

jueves, 9 de septiembre de 2010

Inflyttningsfest (by Alberto Trillo)


Os cálculos para preparar o buffet da festa non lle saíran tan ben como aqueles cos que obrigou ós políticos suecos a mover unha estrada, o primeiro paso na súa carreira para devir alcalde de Lund, disque. Porén, para a Inflyttningsfest, a festa de inauguración do seu piso en Malmö, non tivera tanto tino. Isto non fora máis ca parte da estratexia para confirmar o seu carácter impuntual que el utiliza como sixiloso e disimulado imán de loiras. Aínda nin sequera se duchara e os invitados estaban a piques de chegar á súa casa. Albert, descansaba coas pernas en alto, duchado, vestido e perfumado. O Servizo da casa remataba unhas saborosas tortillas namentres tiraba unhas fotos do resultado do traballo previo que, posto sobre a mesa, semellaba que tardaran cinco minutos en preparar no canto das horas que investiran.


David Persson e os seus músculos foron os primeiros en entrar pola porta. Quería facer gala da súa puntualidade sueca. Viña con Joakim, o rockstar da festa. David viu a Juan en camiseta e pantalón curto de andar por casa mais non se sorprendeu.

- Juan, ti vas chegar ó teu propio enterro!

O Servizo de casa mandou ir ducharse a Juan. El era quen tiña que estar presente para recibir os convidados. O timbre comezou a soar. Albert foi facendo os honores. Nuns minutos todo estaba listo e Juan xa estaba presentable. O Servizo da casa tamén se foi amañar. E nada máis saír da ducha topouse cun frío e distante apretón de mans, un sorriso correcto e agradable sorpresa de coñecer a convidada máis fermosa da Inflyttningsfest. Era Mathilda, aquela loira pola que todos suspiraban e perdían o alento, menos Albert, que é “súa amiga”. “Abofé que é bonita”, pensou o servizo da casa. Mais Albert, como bo “perro del hortelano”, cinguiríase ós seus labores.

Cada convidado, parella ou grupo traía un pequeño agasallo, Houbo quen trouxo dende un sostén ata un libro, pasando por moitas botellas de viño e derivados do alcol.

A festa comezaba fría entre os descoñecidos. Na cociña o grupo de geeks enxeñeril, compañeiros de facultade de Juan agrupábanse en torno á mesa con debates centrados nas aplicacións dos móbiles de última xeración. Xunto a eles tamén estaba Hanna Nilsson, unha loira enigmática, de cara estreita e maquillaxe abundante, que non despegou o cu do asiento até o seu remate de festa. Que mágoa. Logo marcharía con Otto, un dos grandes animadores desas primeiras conversas só aptas para freaks, probablemente o seu amor platónico.

No salón estaba o grupo Korridor, era a xente invitada por Albert, que el coñecía da súa experiencia na residencia en Lund o ano pasado. O Korridor, para que o que non se lembre, é aquel lugar do que falara Juan onde disputara unha especie de partido de fútbol cunha rapaza moi atacadora.

O resto de convidados “neutros” paseaban dun sitio para o outro intentando buscar refuxio e conversa naqueles outros despistados. Aproveitaban a zona da barra, un bo lugar de avituallamento malia a escasa cantidade de xamón que Albert puxera no seu pa amb tumaca. A súa avaricia resultou nunha conversa interesante para facer entender ós foráneos a infinita e ás veces excesiva xenerosidade e capacidade acolledora dos galegos. Juan, que se multiplicaba nas conversas e parecía xogar unha partida múltiple de xadrez, mailo servizo da casa entenderon con clarividencia que esta festa era unha desas oportunidades para facer país dende fóra. Que tamén se fai así, a miúdo se temos que esperar por algúns a que o fagan dende dentro… Sergio, de Guadalupe, Santiago, axudaba na tarefa.

Grolo a grolo a festa foise animando. O muro invisble que separaba a cociña do salón foi desaparecendo. Non eran nin as nove e media. O timbre voltou a sooar. Eran Mikael e Lina, os derradeiros en chegar, pero os máis orixinais. Traían un agasallo ben particular. Dous lenzos pequenos en branco, unha caixa de pinturas, uns pinceis e unha consigna: todos a pintar. Velaí o resultado.

A cociña, o salón e a barra axiña quedaron pequenos. Os 100 metros cadrados do piso souberon abrir máis horizontes. O pequeno balcón que conecta a habitación de Juan coa cociña, e que dá ó patio interior foi o refuxio das poucas chemineas que acudiron á festa. Xa sabe que aquí en Suecia fumar dentro está máis ca prohibido (como será en España nuns meses?) O balcón tamén foi o escenario improvisado para que Joakim, guitarra en man, escintilase o seu talento musical. Juan tamén demostrou por que é amigo de Iago Pico.

Os grupos iniciais deixaron de selo. A xente víase que o pasaba ben. O buffet desaparecera. “A tortilla está moi boa”, comentaba Annika. Mentres todos ían pintando nos lenzos, a mesa do salón moveuse para habilitar unha improvisada pista de baile. Gastando pista alguén derramou un pouco de viño que caeu directamente sobre a alfombra. Como se se tratase de neve botaron sal por riba, porque seica absorbería o viño. Non foi así.

Os cuartos de Juan e Albert tamén abriron as súas portas ó ambiente tranquilo e civilizado que se respiraba na festa. O abrir e pechar de portas daba lugar a suspicacias, infundadas na maior parte dos casos, aínda que en cada mentira sempre se agoche unha parte de verdade. Juan, ás veces, poñíase algo nervioso, especialmente cando o inocente Servizo da casa entrou con Mathilda no cuarto de Albert e a porta se pechou detrás deles. Como bo anfitrión, entrou a comprobar que todo ía ben.

A música non atronaba e a xente comportábase. O que poderiamos esperar… para sorpresa da gran maioría dos suecos presentes na festa. Moitos deles esperaban unha festa na que a mesa enorme escandinava do salón se convertiría en improvisado tablao flamenco, cheo de españois vestidos con camisa de Burberrys, cinto coas cores da bandeira nacional, náuticos ou mocasíns no seu defecto e unhas cantas bicicletas roubadas no balcón do salón. Nada máis lonxe da realidade. Tres galegos, tres cataláns, tres italianos, un curmán portugués e o resto, ata 37, non lles facía falta facerse os suecos. O Servizo da casa, aínda que sabedor da realidade, non deixou de quedar abraiado da excelente integración de Albert e Juan na vida escandinava, e das súas habilidades sociais, cada un no seu estilo, diferentes como son.

Despois de chiscar os ollos doce e suavemente, a festa tocou á súa fin. O móbil de Juan comezou a recibir mensaxes: “Grazas pola festa, foi xenial.”

lunes, 30 de agosto de 2010

Parabéns amigo!


Onte foi un día feliz. Un día importante para un amigo e polo tanto para min. Éxito que en certo xeito sinto como propio: Antón proclamouse SUBCAMPIÓN DE ESPAÑA ABSOLUTO DE TRIATLÓN!

Porque tras moitos altibaixos, os éxitos que a modo de consolo lle adiantaramos que chegarían co tempo, non se fixeron esperar e viñeron en forma dun segundo posto que soubo e sabe a vitoria. E ademais, calando as bocas que no seu día lle negaron correr competicións que por méritos propios lle correspondían. Claro que si! Porque ben o mereces!
Porque é un pracer adestrar con vós e ver como facedes que os máis mediocres nos sintamos importantes, por estar sempre aí para o que precise e por moito máis; neste día de resaca deportiva, o teu día, adícoche esta entrada para que recibas deste xeito os meus parabéns! Noraboa campión!

lunes, 23 de agosto de 2010

Fin da retransmisión?


E como o xurelo que morde o rabo, alí descansaban os mesmos bultos na mesma porta case un ano despois. Xa non espera un mundo descoñecido mais unha manchea de dúbidas en forma de contidos académicos. Medo desta volta mesturado con gañas de afronta-lo reto que se me presenta diante.

Atrás queda un verán inesquecible que, sen incluir nada extraordinario no menú, deixou momentos en compaña da familia e dos amigos que difícilmente se han borrar co tempo. Gracias a tod@s! Un verán no que tamén me din de conta o moito que me gusta Galicia e particularmente Santiago de Compostela. Axiña os nosos camiños se han de cruzar de novo...

Agora pecho con esta entrada un blog no que xa non escribirei con tanta frecuencia mais pode que ser que si algún día de xeito esporádico. Un blog que plasmou de xeito máis ou menos ameno un ano que foi abofé o mellor da miña vida. Un Erasmus cheo de experiencias e que por suposto recomendo a todo o mundo. Como dixo o outro… “que me quiten lo bailao”. Un ano despois do cal percibo á miña volta que nada cambiou excepto eu... É grato ver como a pesar da distancia a xente que importa segue e seguirá sempre aí.

Gracias por todo… espero que vos gustara o blog.

domingo, 13 de junio de 2010

Broloppet


-Man! Didn't you want to run the Broloppet?
-I would fucking kill for one ticket
-Then I guess you are lucky since one of Lina's friends is giving one ticket away for free!
-When is it?
-Tomorrow!

[...]

Dito e feito. Nin a inexperiencia nin o feito de levar sen "adestrar" dende nadal me botaron cara atrás á hora de aceptar tal "oferta". Unha media maratón (21 km) sobre a ponte de Öresund que cruza dende Suecia a Dinamarca pagaría sen dúbida a pena.

Erguinme tranquilamente, e tras mira-lo tríptico de información para corredores dinme conta de que me quedaban 45 minutos para colle-lo último autobús facilitado pola organización para desprazarme a Copenague. Planificación escandinava: carreira que comeza ás 4 pm e o último bus sae á 1:15.... Tarde, mal e arrastro coma sempre, pensei. Collín a roupa axeitada non sen présa e pasei polo McDonalds que hai debaixo da casa para aprovisionarme dunha comida abofé que non axeitada para o esforzo que se aveciñaba. Mais non quedaba outra. Disimulei o menú cun par de pezas de froita a modo de postre e collín un taxi cara o punto de encontro. Fíxenme co dorsal e metinme no autobús. Ó chegar a Copenague, 2 horas de espera ata que ás 4 se deu o pistoletazo de saída.

Aínda existindo diferentes grupos ó comezo correspondentes ó ritmo de cada un, a carreira comezou, como non podía ser doutro xeito, cun ritmo baixo ata que a milleira de xente se foi espallando paseniñamente. Pronto impuxen un ritmo tranquilo aconsellado polo míster Don Alberto Trillo e comecei a sentirme mellor e mellor. Corría sorprendentemente relaxado disfrutando do escenario inigualable. Pasaron así os kilómetros cruzando en primeiro lugar pola parte subterránea da ponte, para logo subir de novo á superficie e acaba-la carreira ó outro lado da mesma xa en terras suecas. Ó final, 1 hora, 31 minutos e 57 segundos (4:22 min/km), e acabando con sprint para baixar dos 1:32:00. Ben é certo que a carreira non foi moi dura e incluso nalgún momento o aire petaba de costas. Aínda así, quedei moi contento tendo en conta que levo sen correr "seriamente", como apuntei antes, dende nadal. Dato a salientar tamén que en ningún momento me deu ningún calambre nin "pájara".

Aí queda esa marca máis que factible para batir na seguinte ocasión...

PD: Colgarei fotos da carreira en canto as consiga.

jueves, 10 de junio de 2010

Cambios


Considero que fun sempre unha persoa con poder de decisión. Ou mellor dito; considerábame. Os acontecementos ocorridos nestes últimos meses serviron para convencerme do contrario. Ben é certo que nunca antes un SI ou un NON significaran tanto. E explícome...

Tra-la presectación do proxecto, vexo como lentamente desaparecen tras de min os 5 anos en Vigo: exames, titorías... e por que non tamén? festa, amigos... Consumindo as súas últimas horas de vida está tamén un Erasmus para nunca esquecer. Punto e a parte. Agora, a "vida de adulto" chama a unha porta que se resiste a ser aberta. Mais parece ser que non hai outro remedio... Hai que buscarse a vida! Decisión per se non sinxela que se ve agravada se cabe pola posibilidade que me xurdiu para quedar aquí. Non queres caldo? Pois toma sete cuncas!

No meu ombreiro esquerdo, un anxo racional que me murmuria que debo quedar; no dereito, un demo emocional pedíndome que volva. E a que? pregúntome eu.

Noites sen durmir, momentos de indecisión e frustración e longas parolas con familia e amigos, dos que por certo sempre tiven total apoio, deron ó final cunha decisión que non sei se acertada, pero canto menos ben deliberada. Crédeme que non é nada sinxelo tomar unha decisión deste tipo, desas que poden ter eco na miña vida. Pero como di unha das miñas citas favoritas: máis vale arrepentirse dunha cousa feita que dunha que non fixeches. Son novo e sempre hai tempo para volver. Se regresase agora e as cousas me foran mal... arrepentiríame toda a miña vida de non ter aceptado esta opción. Ó final, decidinme por un douramento no canto de aceptar unha oferta de traballo que tamén tiven. A vida na universidade dá moita máis liberdade para voltar á casa a miúdo, está moi conectada co mundo laboral e o soldo é practicamente o mesmo. Vexamos se o tempo me dá a razón ou se pola contra ma quita...

E xa que de cambios vai o asunto, decidín probar xunto con Albert (un amigo catalán que tamén queda en Suecia) a cidade de Malmö como lugar de residencia. Malmö é a terceira cidade máis grande de Suecia e está a 11 minutos en tren de Lund. Xuntos mudámonos a un apartamento de 100 m2 no centro da cidade. Aquí deixo algunhas instantáneas dalgunhas partes do apartamento, que debido a que foi "estrenado" esta semana aínda está algo baleiro. Espero que vos guste!

viernes, 28 de mayo de 2010

"Ingueniero"


Despois dunha visita inesquecible a modo de regalo de aniversario por parte de Bruji, Álex e Patri na que visitamos Copenague, Lund, Malmö e atravesámo-lo sur de Suecia en coche ata Estocolmo, era tempo para voltar ó traballo. A presentación do proxecto achegábase de maneira ameazante.

E chegou o día... 27 de maio de 2010. Arribei á escola sorprendentemente relaxado cunha hora e media de antelación, que aproveitei para le-los xornais e parolar un anaco coa xente. Preparei todo coidadosamente e esperei na aula a que a xente fora chegando. A xulgar pola asistencia, a invitación que de xeito obrigatorio hai que mandar a tódolos membros do departamento antes dunha presentación, xurdira efecto. Os profesores, que entraban cunha morea de follas embaixo do brazo e bolígrafo en man, axenciábanse rapidamente para botarlle un ollo unha das copias da miña memoria que previamente imprimira e puxera enriba da mesa. Actitude canto menos impoñente que seguía sen causarme, para a miña sorpresa, a máis mínima inquietude. Intercambio de sorrisos cos amigos e uns grolos de auga...

Cun lixeiro e á vez sorprendente retraso sobre as 10:30 previstas, o meu titor deu comezo á sesión:

-Welcome to the presentation of the thesis "Vibration analyses of underground tunnel at high-tech facility" whose author is Juan Negreira Montero [...] The procedure will be as follows: Juan will first present his work and then the opponent will express her oppinions and questions about it. Afterwards, the discussion will be open to the audience. So... please Juan start whenever you are ready...

Din as gracias pola asistencia a tódolos presentes e comecei a falar... Sen case darme conta acabou a presentación no medio dun forte aplauso que deu paso de xeito case inmediato á posterior batería/bombardeo de preguntas, ás que afortunadamente souben contestar sen atrancos. Tras 20 minutos de presentación e outro tanto de preguntas, a "discusión" dexenerou en temas cotiás como por exemplo "When are you coming back home?, What do you think about your swedish experience so far?, etc" . Outro aprauso mentres a miña examinadora me daba a noraboa ó mesmo tempo que un apertón de mans indicándome dunha forma indirecta que, a falta da firma en Vigo, por fin era enxeñeiro... parece que foi onte cando comecei a carreira, mais para ben ou para mal todo chegara xa ó seu final. Non son consciente aínda do cambio que isto pode supoñer na miña vida, mais agora mesmo só quero agradecer a toda a xente que dun xeito ou outro me axudaron ou compartiron momentos comigo durante estos últimos anos, abofé que inesquecibles e os mellores da miña vida.

E hoxe volta ó traballo. Aínda hai que maqueta-la memoria do proxecto e facer algunha cousiña máis. Iso si... desta volta un pouco máis relaxado. Só faltan 20 días para voltar á terriña...


domingo, 9 de mayo de 2010

Jämställdhet: Igualdade entre sexos


Suecia considérase como un dos países punteiros no que á igualdade de sexos se refire. Hai unha proporción máis ou menos igual de mulleres e de homes nos cargos públicos, e a poboación activa de mulleres supera o 79%, unha das máis altas do mundo (datos do instituto sueco de emprego; ano 2007). Por outra banda, a taxa de natalidade é unha das máis altas de Europa. Gracias á súa seguridade social, tanto homes como mulleres poden conxugar facilmente a vida laboral coa familiar. Jämställdhet é o termo que utilizan os suecos para definir esta igualdade entre sexos.

A modo de apuntamento, dicir que o permiso de maternidade son 480 días (16 meses) a repartir de xeito obrigatorio entre o pai e a nai (por lei, a nai ten que colle-los 60 primeiros días e o pai os 60 seguintes, quedando o resto do tempo para repartir segundo eles consideren). Durante este tempo, a persoa que está na casa co fillo recibe o 80% do seu soldo, e se nunca traballou antes, o goberno axúdao con 400€ ó mes. Se despois destes 480 días, algún dos pais decidise deixar de traballar, o Estado proporciónaríalle unha paga mensual de 300€.

Se a parella reparte este tempo de permiso ó 50% (8 meses a nai e 8 o pai), estes reciben unha bonificación por parte do Estado por promove-la igualdade entre sexos. No caso de ter xemelgos, o permiso multiplícaríase por dous: 32 meses a repartir entre pai e nai ou ben 16 para os dous ó mesmo tempo. Os proxenitores poderán reducir, por lei e se así o desexan, a súa xornada laboral ata o 75%, ata que os fillos teñen 8 anos. Ademais, reciben unha paga de aproximadamente 150€ ó mes por fillo ata que este ten 18 anos.

Como curiosidade, unha foto que atopei por internet, dun baño no aeroporto de Arlanda (Estocolmo), onde se pode intuir esta igualdade entre sexos que estou tratando de transmitir. Como podedes ver, os pais en Suecia tamén saben cambiar cueiros...

O obxectivo desta política de igualdade sueca é que tanto as mulleres coma os homes teñan iguais facultades para compaxina-lo traballo e a vida. Para elo, existen diferentes institucións ou órganos para asegurar que ámbolos dous sexos teñen iguais posibilidades, dereitos e obrigacións. Así, o Ministerio de Integración e Equidade, a Unidade de igualdade de oportunidades, os especialistas en igualdade dentro de cada goberno civil, etc. velan por que estas premisas se cumpran.

Dende a miña experiencia persoal, comentar que si que se aprecia unha conciencia feminista moi callada dentro da sociedade, incluso ás veces un chisco excesiva...

sábado, 1 de mayo de 2010

Valborg


8 am. Toca o radio-espertador. Hoxe a súa melodía non parece tan molesta. Ó contrario que habitualmente, esta mañá non dou voltas nin premo o botón do "snooze", non. Hoxe é Valborg. Como se dunha centella se tratase, póñome en pé e tras un rápido pero inxente almorzo collo "o petate" e marcho cara o Stadsparken.

---

Segundo a tradición viquinga, na noite do 30 de abril ó 1 de maio celébrase a chegada definitiva da primavera en Suecia. De maneira similar ó San Juan no noso país, a xente amoréase en torno a cacharelas ó redor das cales bailan, cantan, ou realizan calquera outro tipo de manifestación festiva. A tradición das cacharelas comezou alá polo ano 1900, e ten a súa orixe en cando os campesiños por fin podían saca-lo gando a pacer fóra despois dun longo e duro inverno pechados nas cuadras. Porén e durante a noite, compría protexe-los animais de depredadores (lobos...), polo que se prendían estes lumes a modo de espantallo. Dende aquela, celébrase a chegada da primavera deste xeito.

Por suposto que esta idea orixinal de benvida da primavera experimentou modificacións se cabe dexenerativas, e sobre todo nas dúas cidades universitarias máis grandes de Suecia (Lund e Uppsala); onde "students guarantee your day will be filled out with music, joviality and as much beer as you can imagine. There also rumours of nubile bodies rolling down hills. You'll have to see to believe it".

---

E alí cheguei ó parque arredor das 8:45, onde para a miña sorpresa os meus amigos suecos da universidade xa plantaran o "campamento base" media hora antes por medo a non ter sitio máis tarde. Arredor del, sillas de praia distribuidas a modo de círculo perfecto, e unhas mantas no interior para tumbarse. Alí me sentei na silla que moi amablemente me trouxeran para min e comezamos un día que pasamos entre risas, longas parolas, música, comida, cervexas, contos, etc. Nin sequera as dúas chuvieiras que caeron durante o día puideron empapar a boa imaxe deste meu primeiro Valborg na compaña de xente coa que cada día me sinto mellor.

domingo, 25 de abril de 2010

Systembolaget


Continuando coa liña iniciada na anterior entrada, dispóñome a seguir contando algún que outro detalle propio e/ou típico da cultura sueca. Desta volta: o Systembolaget.

Systembolaget é o monopolio das tendas de licores en Suecia. Son os únicos establecementos autorizados para vender ó por menor bebidas alcólicas cunha porcentaxe do mesmo superior ó 3.5%. Segundo apuntan na súa páxina web: the Systembolaget exists for one reason: to minimize alcohol-related problems by selling alcohol in a responsible way, without profit motive.

A orixe do Systembolaget data do ano 1850. Aparentemente e antes desa época, a destilación do alcol propio na maioría dos fogares suecos era unha tónica constante, co problema de alcolismo que iso conlevaba entre a poboación. Debido a este inxente consumo de alcol, o goberno decidiu comezar a regula-lo seu consumo, prohibindo esta destilación doméstica e permitindo só a súa venda en determinados puntos autorizados. Así, no ano 1870, xa había unha cadea de tendas estendida por todo o país, nas que tódolos beneficios obtidos ían parar ós petos do goberno. E así continuou ata hoxe.

O SystemBolaget réxese, entre outras, polas seguintes normas ou reglamentacións:
  • tódalas bebidas e mesmo latas de cervexa véndense de forma individual, polo que non se poderán mercar packs nin caixas das mesmas.
  • está prohibido calquera tipo de promoción, venta ou desconto (tipo 2x1, etc) en tódalas bebidas alí presentes.
  • ningún producto deberá estar desfavorecido. Así, ou tódalas bebidas están refrixeradas ou ningunha o estará (normalmente é a segunda a opción que prevalece).
  • os impostos que se aplican a cada bebida fanse, dende o ano 1950, de maneira progresiva. Así, canto máis alcol, máis impostos hai que pagar (unha botella de alta graduación pode custa-lo dobre que en España)
  • deberás ter máis de 20 anos para realizar calquera tipo de compra.
No seu interior lucen practicamente coma un supermercado normal. De feito, ó entrar mesmo podes colle-lo teu carro ou cesto. A única diferencia é que dentro só hai botellas, tetrabricks e latas de bebidas alcólicas. O horario de apertura é de 10 a 18 durante os días de semana, e de 10 a 15 os sábados. Os domingos, todos están pechados.

Así que se estás pensando en cociñar uns chourizos ó viño o domingo para sorprender ós teus comensais, máis che vale telo planexado cun par de días de antelación e ter comprado o viño no Systembolaget, pois no supermercado máis próximo de seguro que non o atoparás...

martes, 20 de abril de 2010

Stå i kö


Suecia é un país moi organizado. Esa é a imaxe que exportan e a que un foráneo coma min percibe aquí a diario. Todo está perfectamente organizado e teñen leis para tódalas cousas. Moitas delas nin sequera cómpren ser escritas oficialmente, pois aínda non existindo tecnicamente, a xente ségueas dun xeito ata enfermizo por mottu propio. Isto fai, por suposto, a vida un chisco máis sinxela se cabe en moitas das situacións cotiás.

Unha das costumes máis estendidas e calladas na cultura sueca, e da que xa falei en anteriores entradas, é a súa cultura para poñerse á cola: stå i kö que din eles. Non o fixo ata agora nin nunca deixará de sorprenderme. Canto entras nunha tenda, biblioteca, clínica, discoteca, cando esperas polo autobús (incluso aínda chovendo)… todo o mundo garda a súa praza tranquilamente na cola ata que chega o seu momento. É máis, nalgúns establecementos a cola que se forma non é para ser atendidos senón que é para coller un número nunha máquina chamada nummerlapp que che da dereito a facer cola para ser atendido posteriormente. Por suposto que Suecia non é o único país que usa este tipo de sistema (sen ir máis lonxe nós por exemplo témolo), mais estou seguro de que eles elevaron esta costume é enésima potencia converténdoa mesmo nunha arte.

Parecerá mentira o que aquí vou escribir, mais crédeme por favor que non o é, pois xa me ten pasado máis dunha vez. Imaxinade un establecemento completamente baleiro. Non sería raro que non sexas atendido ata que sáque-lo correspondente número e llo presentes ó empregado de turno. Este permanecerá coa cabeza abaixada ata que así o fagas, incluso sabendo que ti es o único cliente alí dentro presente e que trataches de interacionar con el previamente sen éxito. Curioso canto menos, non? E si… con perdón toca os collóns un pouquiño ás veces!

Entón nese punto entendes todo. A xente coma min con certas tendencias bárbaras de colarse e trampear debería optar pola opción de "foderse e esperar", mesmo sendo ó aire libre e a -5 graos, se queres evitar reprimendas escandinavas. Iso si... todo o dito anteriormente é válido só e cando o estado do sueco é sobrio, mais non funciona exactamente igual se está bébedo, cando os instintos animais dominan. Porque como saberedes, a cabra tira ó monte...

domingo, 18 de abril de 2010

Landskrona & Illa de Ven


Aproveitando a segunda visita da irmá de Albert, decidimos organizar unha excursión dun día para coñecer algo máis de Skåne. Importante detalle o da segunda visita, pois significou non ter que repetir por enésima vez os mesmos sitios ós que se levan a tódalas visitas durante súa primeira estancia aquí (Malmö, Copenague, Lund, Göteborg, Helsinborg e Helsingor). Os lugares escollidos: Landskrona e a illa de Ven.

A verdade é que Landskrona non ten, para o meu gusto, nada especial que ver, mais si a illa de Ven. Armados de candansúa bicicleta, percorrémo-las verdes paisaxes ó longo de todo o día. Natureza en estado puro que recordaba por momentos á terriña. Aquí quedan algunhas instantáneas: