miércoles, 27 de enero de 2010

...and finally I came back


-Riiiiiiiinggggg!!!, Riiiiiiiinggggg!!!
-What's that David? -pregunteille ó meu novo compañeiro de despacho-
-It's the fire alarm. It goes off sometimes; don't know why. But don't worry. Nothing happens.
-Ok! So let's stay here.
-NO! No way! We gotta go out!
-But why? You just said that nothing happens...
-These are the rules. We just have to go out. Walk and don't ask. It's like is supossed to be.

E si... alí estabamos baixo a neve cerca de 400 persoas diante da porta da V-Sektionen esperando a que alguén arranxase esa alarma de sonido estridente que non era a primeira vez que saltaba por equivocación. Pero de todas formas, si... alí estabamos todos obedecendo ordes e normas como bos suecos que somos!

Foi este un dos primeiros detalles que me confirmaron, por se aínda me quedaba algunha dúbida, que xa estaba de volta en Suecia. Isto e máis por suposto, o groso velo virxe e branco que a modo de mantel cubría (e cubre 2 semanas despois) toda a cidade. Este foi o meu recibimento:

Despois da que foi sen dúbida a mellor viaxe da miña vida; era tempo para disfrutar un pouco da familia e dos amigos que tanto botara e boto de menos a diario. Tres días en Santiago non serviron para máis que agobiarme indo dun lugar cara outro tentando saudar e visitar á maior cantidade de xente posible. De todas formas, como di o outro... "menos dá unha pedra!". Iso si; serviron para carga-lo carro de "mimos" outra vez.

E agora aquí estou de volta, na miña cidade adoptiva, intentando (como dixo Alberto nun dos comentarios do blog) "obsequiarvos cunha redacción sobre a chegada do fillo pródigo ó paraíso dourado de longas palmeras cubertas de neve branca volvendo a verse acurralado por tales entes rubios que, tal fino pó branco, desencaixan e humedecen a boca do famento"...

O salto dunha parte a outra do mundo tróuxome non só unha diferenza de case 45ºC de temperatura e unha forte caída na bicicleta debido á neve, senón tamén a volta ás responsabilidades diarias, pequenos agobios e demais tarefas. Reunións, presentacións, prazos, entregas e tamén por suposto tempo libre que sempre deixa momentos inesquecibles vólvenme á "normalidade" dos últimos 4 meses nesta cidade nórdica na que felizmente vivo.

E así remata o meu curto relato do meu regreso a terras escandinavas, esperando por moitas máis historias para contarvos como boamente saiba. Ata a próxima!


PD: A rede de voleibol que teño na parte de atrás na casa parece agora (debido á neve) unha de tenis...

PD2: Engado a posteriori esta captura de pantalla do día 30 de xaneiro de 2010.

viernes, 15 de enero de 2010

Last aussie adventure!


Diferente: tras un fin de ano sen moita festa e un día de aninovo productivo e sen resaca na praia; dirixímonos de novo a ese xa coñecido aeroporto doméstico de Sydney. Os escasos controis xa non nos sorprenden e rapidamente embarcamos na aeronave que nos levará a Brisbane.

Alí, outro Ford Falcon XR6, desta vez maquillado en gris escuro, espéranos para conducirnos ata Hervey Bay, punto de partida da nosa última aventura australiana.

--

Impuntualidade: o diccionario da Real Academia Española define esta entrada como a “falta de ciudado y diligencia en llegar a la hora convenida”

Din que o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra. E efectivamente así é (eu puntualizaría e diría mellor “que polo menos tropeza...”).

Coitado de min cando pensaba que me contaxiara da puntualidade sueca. Abofé que non! Fora só un espellismo. O reencontro cos meus amigos conducírame outra vez ó lado escuro do vicio da impuntualidade (Berto non estou culpando a ninguén...).

Confiados, decidimos visita-la cidade de Brisbane antes de dirixirnos ó briefing ou charla informativa do tour que iamos facer ó día seguinte. Cando acordarmos, 450km distaban de Herbey Bay e só 3 horas de marxe. Mediante unha sinxela lei física, chegamos á conclusión de que non seriamos capaces de manter unha velocidade media de 150km/h durante todo o traxecto, polo que, como é obvio, chegamos unha hora e media tarde ó noso destino.

Se por algo se caracterizan os australianos é pola súa amabilidade. Tras insistir un pouco e contar que o retraso non fora culpa nosa senón dun accidente na autopista, o servicial recepcionista deunos a charla informativa en exclusiva para nós para que así non perderamos a nosa viaxe o día seguinte. Cheers mate!

--

Camping-gas, tendas de campaña, frigoríficos portátiles, sacos de durmir, compra para 3 días e demais material de supervivencia necesario acompañábannos a bordo daquel 4x4. Fraser Island, a illa de area máis grande do mundo esperábanos. Tres días e dúas noites para percorre-los seus 125km de longo no que sería a nosa última aventura nas antípodas.

Podería resumir estes tres días coma os máis aventureiros da miña vida no sentido estricto da palabra. Supervivencia en estado puro: durmir no chan, sen ducharse, cociña á intemperie, ausencia de calquera signo de civilización, conducción por corredoiras perigosas rodeados de vexetación tropical, animais... É dicir, tres días que puxeron a guinda perfecta a esta inesquecible aventura australiana.

Aquí van algunhas imaxen a modo de resumo, así coma un vídeo dende o interior do 4x4.



Como "non hai dúas sen tres", a volta ó aeroporto de Brisbane para retornar a Sydney non foi sen présas. Os últimos quilómetros pola circunvalación da cidade a unha velodidade quizais excesiva permitíronnos chegar ó aeroporto só media hora antes de que despegara o avión de volta.

Xa regresando á casa para disfrutar do noso último día na cidade vivimos unha escena canto menos curiosa nun taxi...


A mañá do día 7 de xaneiro a porta do número 87 de Darlington Road tinxiuse de despedida. Unha aperta puxo final ó que o meu amigo Alberto definiu moi ben como o "time of our lifes".

viernes, 1 de enero de 2010

Feliz ano 2010!


Dous tours foron os encargados de levarnos dende a cidade de Adelaida ata Melbourne. En primeira instancia desviamos un pouco a "ruta lóxica" para dirixirnos a Kangaroo Island, e posteriormente visitámo-las montañas The Grampians e a Great Ocean Road ata chegar ó noso punto de destino.

Natureza, paisaxes incribles, amigos, risas, carreiras detrás de canguros, e algunha que outra liorta cunha "belga tocacollóns" que viaxaba con nós no tour volveunos a deixar desta vez outra experiencia inesquecible que podemos plasmar de forma resumida nestas instantáneas.





Volta a Sydney na véspera de fin de ano e oportunidade para disfrutar da mítica imaxe que nos acompaña nos telexornais de mediodía nesta data. Entre a multitude conseguimos facernos un oco e situarnos nun lugar no que puidemos observa-lo espectáculo pirotécnico dende unha posición envexable... Just awesome!


Dende as antípodas quero desexarvos a todos un ledo aninovo 2010!

Happy new year 2010 from down under!

miércoles, 30 de diciembre de 2009

Vímo-lo demo!


Un ruido ponnos alerta. Un wallaby (canguro pequeno) cheira arredor da tenda de campaña que temos montada no medio da praia do parque natural de Freycinet, na illa de Tasmania. Os seus ollos asustados xunto cos seus potentes saltos tentando escapar delatan inocencia, polo que non nos preocupamos sobre o tema e simplemente disfrutamos da sua presencia.

Ilusionados pola natureza que nos rodea, organizamos unha expedición encabezada por Adrián/Bear Grills -en comuñón total coa natureza-. Obxectivo: saír das dúbidas nas que levamos navegando varios días de se realmente existen os demos de Tasmania. Durante un intre, percorrémo-los arredores da praia virxe na que acampamos e os montes colindantes en busca do devandito animal.

Abríndose paso coa luz do móbil e de camiño ós baños dun camping cercano (nós somos máis de free-camping), albiscámo-la sombra dun Possum. Adrián achegouse a el co obxectivo de gaña-la aposta "patada a calquera animal 30$", pero o único que fixo foi espantalo. Continuando co noso particular safari, conseguimos por fin conseguir ver esta especie endémica de Tasmania. Porén, como se adoita dicir, o bo é breve e só puidemos disfrutar da súa presencia durante só uns segundos tralos que se perdeu entre as pólas das árbores coma se dun esquío se tratase deixando paso á noiteboa.

24 de decembro. Por moito que trate de disimular, esta é unha noite especial. Por primeira vez vivina lonxe da familia. Había que buscar un xeito de poñer en orde os estraños sentimentos que provoca o "upside down state". Que mellor forma que unha churrascada de carne de canguro?

Previamente á cea e aproveitando o noso paso pola histórica vila de Richmond, o "padre Adrián" oficiou a ceremonia de nadal na Igrexa de 1833.


Son xa 4 dias "living out of the grid'". Desconectados do mundo disfrutamos desta illa sen enchufes. Ela, Tasmania, non fai senón regalarnos a vista con imaxes inimaxinables. O Ford Falcon XR6 que alugamos foi o encargado de transportarnos dun lugar a outro. Os 220 cabalos que nos acompañaron na saída de cada curva foron testemuñas de cancións, bromas, etc, durante 1000 km en sentido contrario sen atopar ningún coche de fronte polas serperteantes estradas da illa. Un road trip inesquecible nun dos paraísos naturais máis salientables deste planeta.

Escribo esta entrada dende o avión que nos leva a Adelaida. Mañá comezaremos un tour, desta volta organizado, que nos levará primeiro a Kangaroo Island para logo regresar por Adelaide, baixar polos Grampians ata empatar coa Great Ocean Road que nos deixará finalmente en Melbourne. O día 30 voltamos a Sydney para disfrutar da fin de ano nesta icónica cidade...en bañador, na praia...

domingo, 20 de diciembre de 2009

First impressions from Down Under


É o noso terceiro día das antípodas. A cada metro percorrido, a cada nova mirada, diferentes sensacións percorren os nosos corpos. Témo-lo privilexio de contar co noso guía e amigo Alberto, que pouco a pouco nos descobre os recunchos desta moderna, aberta e amigable cidade que durante o verán do ano 2000, con motivo dos Xogos Olímpicos, converteuse na capital do mundo sen nin sequera selo de Australia (Canberra é a súa capital política).

Porque non todo pode ser bo; para disfrutar deste apaixonante continente precisamos dunha dura viaxe, amenizada por Adrián e as súas ocurrencias. Madrid, Amsterdam, Seúl e finalmente Sydney. Case 30 horas de viaxe e 10 de cambio de horario presumían un jet-lag en toda a súa definición. Só rumores. O descanso no avión, adobado con gañas de descubrir e disfrutar, puidocon calquera cansancio e desorde do sono.

Desde a inusual choiva coa que nos recibiu este terra aloumiñada polo sol ata este espectacular paseo marítimo pola Bahía de Sydney, todo foron argumentos a favor destas vacacións de nadal: Summer Christmas. Estrañados admirámo-los típicos adornos de nadal mentres paseamos en chancletas e camiseta de tiras polas rúas. Desorientados, miramos, remiramos e volvemos a mirar cara ámbolos dous lados antes de cruza-la rúa debido ó sentido contrario de circulación "aussie". Dúas pequenas curiosidades dunha magnífica cidade e un ilusionante continente.

Mañá toca madrugar para recomezar esta aventura. Melbourne e a illa de Tasmania agárdannos con miles de experiencias por vivir.

domingo, 13 de diciembre de 2009

I have never been this far away from home!


“Vuelve a casa vuelve... por navidad” é o lema dun arquicoñecido anuncio televisivo que tornou en tópico e tradición, e que todos e cada un de nós temos escoitado ata a saciedade ó chegar estas datas; pero parece ser que este ano non... este ano non é que non volva á casa, senón que marcho aínda máis lonxe de onde estou. Porque como di a canción de Kaiser Chiefs: I have never been this far away from home (nunca estiven tan lonxe da miña casa).

Cambirei os aloumiños e a calor dos pais, tan botado en falta durante estes últimos meses, pola calor do verán australiano e o deses amigos tamén extrañados durante todo este tempo; cambiarei as luvas polas chancletas, os xerseis de lá polas camisetas de tiras e a “barra de cacao” polo protector solar. É que por primeira vez na miña vida experimentarei o Summer Christmas!

Aínda que á miña amiga Morriña lle gustaría ter retornado á terriña, a verdade é que a oportunidade que brinda ter un amigo nas antípodas non se podía deixar escapar así que... there we go!

Aquí está, pois, o planning resumido da viaxe que temos preparada:

  • Día 16/12/09:

Voo Madrid – Sydney (escala en Seoul –Korea-). Duración: 28 horas

  • Dias 18/12/09 – 20/12/09:

Visitaremos Sydney, capital do Estado de New South Wales

  • Dia 21/12/09:

Desprazamento en avión a Melbourne, segunda cidade de Australia con case 4 millóns de habitantes, centro cultural e deportivo do país. Visita pola vila.

  • Dia 22/12/09 – 25/12/09:

Voo cara Lauceston. A segunda cidade de Tasmania será o punto de partida para a nosa viaxe. Unha parada nunha tenda de outdoor para mercar unha tenda de campaña e listos para descubri-la encantadora e orixinal illa de Tasmania pola nosa conta.

Demos de Tasmania

Ó final do noso camiño norte-sur chegaremos a Hobart, principal cidade de Tasmania e segunda máis antiga de Australia, que se atopa ó sur da illa. O día de nadal é o elixido para disfrutar desta vila, para máis tarde poñer rumbo a Adelaida (no Estado de Australia do Sur).

Paisaxe de Tasmania

  • Dia 25/12/09 – 30/12/09:

Chegada e tempo para pasear relaxadamente por Adelaide, un destino que ofrece como interesante todo aquilo que ten ó redor, mais non a cidade en si mesma. Porén é un exemplo significativo do modelo de organización de cidade australiana.

Ó día seguinte collémo-lo tour de Adventure Tour ás 6 da mañá. Visitaremos Kangaroo Island, The Grampians, Great Ocean Road…


Paisaxe da Great Ocean Road

Praia de Kangaroo Island

  • Día 31/12/09 – 02-01/10:

Fin de ano na icónica cidade australiana, podendo vivir en primeira persoa a mítica imaxe de tódolos telexornais no véspera de aninovo. “En Australia xa é (un ano máis)”. Tempo para o relax o ocio, e gozar dunha experiencia única na vida.

  • Día 02/01/10 – 06/01/10

Achegarémonos ata Brisbane, terceira do país con 1,6 millóns de habitantes, para poder vela dando un paseo no seu CityCat, sistema de transporte en Catamarán que bordea a cidade navegando polo río que lle dá nome.

Despois colleremos dirección de Hervey Bay, 4 horas de camiño para facernos unha idea do Estado de Queensland. Ás 15h teremos que estar en Hervey Bay, no Bar Koala, para asistir ó briefing, ou charla explicativa, do Koala Self-Drive. Contarannos qué ver e cómo facer, ademais de darnos todo o que precisamos: asignaranos un 4x4 e mailo material de cociña e supervivencia necesario. A aventura comeza. A partir dese momento poderemos dirixirnos por exemplo ós lagos interiores nos que un se pode bañar vendo quenllas no océano. Non estará de máis conducir un pouco pola praia de 75 millas ou baña-los pés no Océano Pacífico. Non creo que sexa boa idea o corpo enteiro, por se os… tiburóns… Tres días e dúas noites para vivi-la nosa adventura en Fraser Island, un paraíso terreal, a maior illa de area do mundo.

Fraser Island

  • Día 06/01/10 – 07/01/10

Últimos intres para disfrutar de Sydney e volta o día 7 para España, nun voo que durará aproximadamente 43 horas (contando escalas) e no que faremos noite en Seoul (aproveitaremos tamén para visita-la capital surcoreana).

miércoles, 9 de diciembre de 2009

Sr. enxeñeiro?

-Today we have a new engineer in the Max-IV group. Please Juan introduce yourself.

Enxeñeiro? Quen? Eu? Si hó... Se cho conto choras... pensei para min.

Esta semana pasada foi algo máis axetreada do normal; sen dúbida a de máis agobio dende que a estas frías terras –non tanto como esperaba- cheguei. O mércores ás 10 da mañá subín, coma tódolos días, ó fika ou hora do café. Servinme o meu café au lait con 4 azucres e sentei en fronte á ampla mesa para disporme a preparar dúas torradas de manteiga, marmelada de pexego e queixo. De súpeto, o ritual matutino veuse interrompido pola voz do meu titor que, “coma quen non quere a cousa” dixo:

-By the way Juan and Peter! This friday at 13hours we’ve a meeting with the people from Max-IV. You now are in the group and you should make a presentation of what you’ve done so far.

Ostiá! Menos mas que avisas con tempo cabrón...

Din que “home previsor vale por dous” e eu, espelido de min, xa adiantara unha parte do proxecto antes de que el mo ordenase, polo que o aviso non me collera tan “en bragas” como a priori podía pensar. O resto da semana pasouse entre Power Points, longas esperas (ó super-computador lévalle sobre 70-80 horas facer un cálculo simplificado do asunto en cuestión), amplas xornadas de traballo, e algún que outro agobio. Sexa como for, ó final a presentación non saíu tan mal.

---

Cheguei puntual e pasei para a sala de xuntas. Alí, os sitios xa distribuidos mediante unha cartolina co nome de cada un de nós e unha botella de auga en fronte “falaban” da seriedade do asunto. Cando o reloxo deu a unha en punto, xa todo estaba preparado para comezar; porque como din aquí: “os 5 minutos de cortesía son unha descortesía para os que chegan a tempo”.

A un lado da mesa, catro profesores do “meu” departamento, eu e Peter -un rapaz sueco quen, coma min, ten asignado no seu proxecto o cálculo dunha parte do Max-IV-. Ó outro lado, a xente responsable do complexo que, segundo puiden extraer das súas intervencións eran dous físicos, un arquitecto e un enxeñeiro.

Seguindo a orde do día, comezouse a falar (en inglés por suposto, para que a profesora suíza e máis eu entendesemos) das medidas das vibracións no futuro entorno do laboratorio. Segundo comentaban os profesores, os datos recompilados pola empresa noreguesa contratada polos responsables do Max-IV non eran fiables, pois estaban tomadas durante só unha semana dende as 10 da mañá ás 4 da tarde, evitando así as medidas das ondas producidas polo tráfico existente durante a rush hour (hora punta). Tras unha “discusión” livá ó estilo sueco, sen por suposto ningunha palabra máis alta ca outra, chegouse á conclusión de que a universidade non tomaría risco nin responsabilidade algunha con eses datos; polo que contratarán a outra empresa para volver a realiza-las medidas de novo.

Namentres a reunión avanzaba coa orde do día da man, Peter máis eu pareciamos ás veces xuíces de silla nun partido de tenis, ollando dun lado cara outro asistindo como espectadores de luxo a aquel brainstorming de eruditos. Sinceramente, abofé que se aprende moito nun lugar así.

Cambio de tercio e turno para os “pipiolos”. Coa axuda dos titores, fomos capaces de explicarlle ós que alí en fronte se atopaban os nosos primeiros cálculos e cara ónde ían encamiñados. Nervios mesturados con ilusión e relativo medo, xa non só á presentación senón ó proxecto en si; levaron ó final a un resultado, ó xulgar polos ánimos da xente, máis ca satisfactorio.

Tras 2 horas e media de reunión; tempo para pecha-la sesión e para poñe-la data da seguinte reunión.

-What about middle January?

-Sorry! Off to Australia during Christmas; coming back on January 12th -dixen en voz firme-

-Alright, no prob! let’s meet then in the beginning of February so you can have more time to work and present something new in the next meeting.

Pois parece ser que non só teño o obligatorio e obvio compromiso co meu titor de proxecto na facultade, senón que tamén lle teño que ir expoñendo periódicamente os meus “progresos” ós responsables de turno, polo que o agobio será se cabe maior...

sábado, 5 de diciembre de 2009

Max-IV


Introducción

Max-lab é un laboratorio nacional sueco coordinado conxuntamente polo goberno do país e a Universidade de Lund. Hoxe en día, o proxecto Max conta con 3 instalacións: Max-I, Max-II, Max-III e un pre-acelerador de partículas chamado Max-Injector.

Para levar a cabo unha mellora na investigación no campo da ciencia de materiais (nanotecnoloxía, etc) precísase dun novo complexo 100 veces máis eficiente cás instalacións xa existentes. Max-IV será, polo tanto, a seguinte xeración dos Max-Lab suecos.

Este complexo será construido gracias a unha subvención que a Unión Europea concedeu a Lund (arrebatándolle tal premio a Bilbao) o ano pasado, e prevese que as instalacións estean funcionando no ano 2015. Os cálculos do complexo levaraos a cabo a Universidade de Lund.

Max-IV consistirá básicamente nun acelerador circular de partículas de aproximadamente 200 metros de diámetro e nun túnel subterráneo (Linac) de 385 metros de lonxitude. Para describilo dunha maneira sinxela, poderíamos dicir que Max-IV será un microscopio xigante en 3D.

Obxectivo

No meu proxecto de fin de carreira (Master Thesis) analizarei os niveis de vibración que soportará o Linac. Debido á natureza das actividades que se levarán no interior do túnel subterráneo, esixiráselle ó mesmo unhas moi estrictas condicións técnicas para levar a cabo no seu interior as investigacións pertinentes. Así, só vibracións moi pequenas (da orde de nanómetros) serán permitidas.

É obvio que os elementos circundantes terán unha moi grande influencia no comportamento do túnel. Próximo e el está situada a autovía E22 en dirección a Göteborg, que por suposto propagará cara o túnel vibracións de diferencias frecuecias dependendo da densidade do tráfico. Do mesmo xeito, tamén se construirá unha ponte para a circulación de autobuses por enriba do Linac que tamén perturbará o comportamento do mesmo.

O obxectivo principal do meu proxecto será, polo tanto, analiza-la influencia das fontes de vibracións próximas ó túnel subterráneo do Max-IV mediante o método de elementos finitos. Para conseguir este propósito, será necesario manexar moitas hipóteses (de cargas, materiais, etc.) para cercionarse de que se cumplen as condicións técnicas que se lle esixen á estructura en tódolos casos. Se nalgún caso non se cumplisen, tamén haberá que aportar posibles solucións para que así o sexa.

Aquí está o "documento oficial" da universidade coa descripción do proxecto


martes, 1 de diciembre de 2009

Sabes que te estás volvendo sueco cando...


Tras dous meses e medio por terras escandinavas, creo que xa estou en posición de poder xulgar dende fóra a "vida sueca", así como a maneira de ser de moitos dos seus habitantes. Aquí deixo esta listaxe que elaborei a partir de cousas atopadas na rede e que, segundo a miña experiencia, poden resumir en grande medida e a modo de broma a forma de ser desta xente da que, sen dúbida, temos moito que aprender (tamén teñen defectos por suposto, moitos!)...

Sabes que te estás volvendo sueco cando...

  • Tes serias dificultades para cruza-la rúa co semáforo de peóns en vermello; incluso non circulando ningún coche.
  • Sénteste mal por tirar algo á papeleira que podería ter sido reciclado.
  • Camiñando pola rúa só ves mulleres loiras ou morenas con raíces rubias.
  • Atopas perfectamente normal ter que ir a unha tenda especial propiedade do goberno (System Bolaget) aberta só ata as 6 da tarde para mercar calquera tipo de bebida alcólica.
  • Nunca usarías os transportes públicos sen un billete válido.
  • Nunca na túa vida copiarías nun exame, pois "iso sería facer trampas e non aprenderías nada"
  • Cres que a pre-party é moito máis divertida cá posterior sesión de discoteca
  • Ves perfectamente normal pagar máis do 50% do teu soldo en impostos.
  • Sínteste moi mal estando na casa se brila o sol fóra.
  • A ineficiencia cabréate moito.
  • Quitas sempre os zapatos ó entrar na casa e non entendes por qué a xente non sueca non o atopa gracioso.
  • Pasarías todo o traxecto do autobús de pé antes de molestar a alguén que ten a súa mochila ocupando o ultimo sitio libre.
  • Úneste con moito gusto a unha conversación sobre o tempo.
  • Cabréaste cando hai xente parada no lado esquerdo dunha escaleira automática.
  • Planeas cada segundo do día, incluso as túas visitas ó baño.
  • Respondes ó teléfono dicindo o teu nome.
  • Rematas tódalas chamadas telefónicas con “puss puss", e non entendes por qué a xente anglofalante que te rodea te mira con cara rara.
  • Estás sempre pedindo desculpas, incluso sen saber moi ben por qué.
  • Estás acostumado a que polo menos unha muller comente os partidos de fútbol tal e como dicta a lei.
  • Proclamas ben alto que a auga da billa da túa casa é moito mellor que calquera auga mineral embotellada vendida no supermercado.
  • Prefires sentarte nunha terraza cunha manta e debaixo dunha estufa que dentro dun bar, aínda que a temperatura ambiente sexa de “menos algo”.
  • Atopas que a xente doutras culturas fala moi alto.
  • Non consideras o silencio coma un problema. É divertido!
  • Cres que construir casas de ladrillo é unha tontería. A madeira é unha ganga!
  • Cabréaste se as cousas non están no seu sitio e correctamente etiquetadas.
  • Un sandwich consiste para ti nunha soa rebanda de pan.
  • É aceptable comer ás 11 da mañá.
  • Aceptas que terás que facer cola para coller un número que che permita facer cola.
  • Cabréaste moitísimo se o autobús chega dous minutos tarde.
  • Cres que ir á sauna espido cunha manada de extraños é unha parte necesaria da túa vida diaria.
  • Sempre te estás desculpando polo teu acento/gramática/escritura en inglés, incluso sendo consciente de que falas mellor que algúns nativos.
  • Cambias de sueco a inglés cando alguén non-sueco entra pola porta e continúas falando inglés incluso cando esta persoa deixa o lugar.
  • Cres que dicindo dúas veces a mesma cousa soará mellor: “Hej Hej!”, “Nej men Nej men”, "Tack tack", etc.
  • Confías en IKEA máis ca no teu propio goberno.
  • Sínteste incómodo cando a caixeira do supermercado che pregunta “Que tal?” pois pensas… ”Por que quererá saber esta muller sobre a miña vida privada?”
  • Póñenseche os ollos coma platos ó darte conta de que en calquera outro país se pode mercar alcol no supermercado e aínda por riba moito máis barato.
  • Cando a primeira cousa que preguntas cando un amigo volve de viaxe é: "que tal o tempo?"
  • Cando tornas tolo ó enterarte de que no país ó que vas ir de viaxe non se pode bebe-la auga da billa.
  • Só eres capaz de iniciar unha conversación por ti mesmo e abrirte á xente estando borracho.
  • Interésaste máis pola porcentaxe en alcol que pola bebida en si mesma.
  • Cres que ir a un bar a tomar algo é unha perda de tempo se non te vas emborrachar.
  • Eres considerado un alcólico se bebes durante a semana, pero se non saes “a muerte” a fin de semana, es raro.
  • Consideras "normal" coñecer a unha moza nun pub, acompañala á súa bicicleta e pedalear xuntos cara a súa casa.
  • Tomas 3 ou 4 cafés ó día.
  • Prendes velas cando tes visitas, incluso brilando o sol fóra.
  • Tes unha asignatura no colexio dende os 12 anos na que aprendes a cociñar, pasa-lo ferro, e demais tarefas domésticas.
  • Nunca más intentas pagarle la cena a una chica en una cita, por miedo a un ataque acusándote de machista.
  • Pagas todo con tarxeta, incluso se se trata só dun chicle.
  • O dentista, o transporte público, o comedor do colexio e moitas cousas máis son gratis ata remata-lo instituto; e ó entrar na universidade recibes un soldo de aproximadamente 400€.
  • Atopas completamente normal que unha persoa estranxeira poida sacar unha carreira no teu país sen cursar ningunha asignatura en sueco e tanto o teu título coma o del sexan o mesmo.

miércoles, 25 de noviembre de 2009

Contrastes


-1000 Rubles!

-What!? No way! 300 Rubles!

-400 Rubles!

-OK! Let´s go! But we are 5 people!

-All in!

Así de rápida tal e como a ledes (pero con xestos) foi a conversa que tivemos co taxista de turno á saída dunha discoteca en Moscova antes de voltar ó noso hotel.

---

Rusia é un país de contrastes; moito máis acusados que noutros lugares do planeta se cabe e perceptibles moitos deles a simple vista a medida que avanzas durante unha tranquila camiñata polas súas amplas rúas.

Durante unha desas múltiples andainas, escoitei unha voz falar español e decidín “asaltar” á simpática parella. Sempre “está simpático” atopar paisanos polo mundo adiante, e máis aínda nestes lugares exóticos, onde brilamos pola nosa ausencia.

Tratábase duns mozos vascos que… estaban vivindo e estudiando en Rusia! A rapaza miroume e dixo:

-Ésa es la cara que pone todo el mundo cuando le cuento mi historia. Qué ganas de complicarse la vida viniendo a Rusia; piensa la gente…

Logo das presentacións protocolarias, sumímonos nunha agradable e interesante conversación. Faláronnos do país e da adaptación dun estranxeiro á vida rusa (que para a nosa sorpresa pintaron fácil e interesante). Pero tamén comentaron certos “inconvenientes”, como por exemplo o auxe dun sentimento nacionalista ruso que hoxe en día está a tomar forma, chegando a ser incluso preocupante debido ó rexeitamento xeralizado dunha gran parte da poboación a abrirse ó resto do mundo.

Dito e feito; esa mesma tarde puidemos comprobar a citada actitude cando Dan, o meu compañeiro de habitación americano, quixo mercar un libro en ruso para regalarlle á súa moza, amante confesa da lectura, a modo de recordo. As continuas negativas dos vendedores ó escoitarnos falar un idioma diferente ó seu foron o letimotiv ata a entrada na quinta tenda; onde finalmente o puido mercar. Non era unha cuestión de cartos; senón de nacionalidade. Simplemente incomprensible.

Coches de 20 millóns das antigas pesetas ó lado de automóbiles do ano 1940 que caen a anacos son tamén imaxes habituais neste fermoso, variopinto, intrigante e por que non?, raro país. Tampouco colle na miña cabeza como un país onde moita xente morre de fame e de frío pode te-la segunda capital máis cara de Europa. Por non poñernos a falar do réxime… democrático? no que viven... Como dixen antes: lugar de contrastes…

Rusia é tamén, e sobre todo se es turista, un país no que o “regateo” é deporte oficial e no que a supervivencia se basea en non ser enganado polo próximo. Teño que recoñecer que nalgún momento a inseguridade apoderouse de min como non o fixera en ningunha outra viaxe das que teño feito; quizais por non poder comunicarme con ninguén en inglés nin poder ler nin recordar nada dese curioso e descoñecido alfabeto cirílico que nos rodeaba por todas partes.

Porén, e a pesar dos hándicaps enumerados enriba, recoñezo que é un destino máis que recomendable que sen dúbida merece moito e pena. Un dos lugares máis diferentes e fermoso que visitei nunca.

---

Camiñamos cara a parada de de taxi cando de súpeto un coche parou preto de nós:

-This must be one of those illegal taxis Maca told us about!

-Taxi? preguntou o conductor

-Vega Hotel, dixen

Tralo “regateo” correspondente narrado ó principio desta entrada, entramos os cinco no automóbil que lucía como se mostra na foto... Incrible pero certo!

Finalmente e despois dun rallie polas rúas moscovitas, chegamos ó hotel, onde unhas xa poucas horas de sono nos ían servir de "preparación" para unha longa viaxe de volta onde poderiamos recapacitar sobre esta experiencia, sen dúbida inesquecible.

martes, 17 de noviembre de 2009

Russian arm wrestling

A noite non invitaba ó optimismo. Trala agradable e inesquecible visita á antiga capital do Imperio Ruso, esta noite tocaba o que os americanos denominan unha overnight drive: percorrer un traxecto de aproximadamente 1000 km dende San Petesburgo a Moscova facendo noite nun autobús.

Contra todo prognóstico e non sen dificultade, fora capaz de botar unha cabezada apoiado no meu compañeiro americano de habitación Dan e na almofada que “collera prestada” no hotel en Helsinki, pero pouco tardei en espertar debido ó balbordo existente no habitáculo. Abrín os ollos con esforzo e albisquei unha gasolinera no medio da nada, rodeada só de neve e monte.

-Should we get off and grab a snack? preguntou Dan

Baixamos e dirixímonos á tenda para mercar unhas gominolas que degustamos sobre a branca neve aínda virxe. A presenza soamente esporádica de xente nese lugar percibíase pola ausencia de pegadas nunha neve que levantaba media cuarta do chan. Só na estación de servicio algunha que outra rodeira delataba visita motorizada no lugar. Pronto esa tranquilidade íase ver perturbada polo que estabamos a punto de vivir...

Sentín unha bucina. Dan agarroume e tirou por min fortemente cara el. Dinme a volta sorprendido polo acto e vin un coche negro cos cristais tinxidos e sen matrícula pasar a menos de medio metro nosa.

-Thanks man! What is wrong with this guy!? He’s fucking crazy!

Freou facendo un derrape e baixou apurado do coche tirando con violencia ó chan unhas pipas que traía entre as súas mans. O mozo, vestido cun chándal, botas de montaña e un gorro con orelleiras que tapaba en gran medida a súa cara; entrou na tenda tras mirarnos a todos con ollos ameazadores. Dirixiuse cara as estanterías e violentamente arrancou uns artigos que non conseguimos ver dende fóra. Regresou ó coche aínda acendido a medida que aceleraba o seu paso e, tras unha potente arrancada, abandonou o lugar en dirección contraria.

A reacción do personal da tenda fíxonos pensar que se trataba dunha acción “non fóra do normal”, xa que en ningún momento se intuíu ningún ademán de chamar á policía ou de opor resistencia ó ladrón.

Sumidos aínda na sorpresa mirando os uns para os outros, e aínda sen tempo para asimilalo, xirámo-la cabeza alertados por un forte ruido e vimos aparecer ó fondo un coche branco facendo eses. O vehículo detívose non lonxe de nós. Abriuse a porta e apareceu un home duns 60 anos entrado en carnes e portando unha boina na súa cabeza. Os seus andares sinuosos delataban unha inxente cantidade de alcol no seu corpo.

Achegouse cara nós e comezou a falar agora si definitivamente con síntomas máis que evidentes de embriaguez. Cando se percatou de que non o estabamos a entender, voltou para o coche, arrancouno e marchou; regresando ó mesmo sitio apenas dous minutos despois. Volveu a baixar esta vez cunha botella de vozka embaixo do brazo e sen dar explicación ningunha inclinou o recipiente “baixándoo de penalti” ante a mirada atónita dos alí presentes. Medio litro de vozka coma se de auga se tratase! Incrible! Ó acabar, colleu a un rapaz pola “pechera” e botoulle o alento con aires desafiantes. O cheiro a alcol conseguiu tamén arrancar unhas gargalladas de asombro que ninguén puido evitar.

O vello non paraba de falar; e alentado polo público cada vez máis numeroso sentíase completamente arroupado.

-“He’s saying that whoever beats him in arm wrestling gets his car”; dixo un rapaz de pais rusos que viaxaba con nós.

Ó parecer, o vello quería botar un pulso contra algún de nós para aposta-lo seu coche (eso foi o que dixo en primeira instancia; logo cambiou de opinión e unha botella de vozka pasou a se-lo premio). Momentos de indecisión que rompeu o mesmo rapaz holandés ó que lle botou o alento aceptando o reto e dando un paso á fronte. Trala afirmativa, o vello botou un berro estremecedor e limpou o “terreo de xogo” quitando co seu antebrazo a xa escasa neve que quedaba de enriba do capó do seu coche.

-1, 2, and... 3 go!

Tras segundos apaixoantes de “toma e daca” nos que o vello parecía non rendirse, o holandés conseguiu “levarlle” o pulso non sen esforzo, e aínda que o contrincante insistiu en pagarlle a botella, o gañador moi amablemente non aceptou.

Aquí vos adxunto o vídeo do Russian arm wrestling para que poidades ver en diferido a “batalla”

Como podedes ver, os esteorotipos sempre teñen algo de certo... E aquela noite non fixo máis que confirma-la imaxe que moitos nós temos escoitado sobre Rusia.


Somewhere between Saint Petersburg and Moscow, e.g. in the middle of nowhere; we stopped for our overnight-drive break.
Suddenly, one white car pulled up in the gas station we were. His owner stepped out and right after he chugged half bottle of vozka, challenging any of us to an arm wrestling. The one who beats him gets a bottle of vozka... Here is the amazing video!